Nota. Fachada da casona dos Muruais, na praza das Galiñas, reconvertida gratis total con fondos Urban. A estatua de don Ramón-María del Valle-Inclán, que visitaba o lugar, está orientada cara ó gran magnolio no que aniñan/aniñaban os estorniños, o seu grande hotel. A praza, privada actualmente de bancos, xa non é praza, senón un largo penzo e ladeado.
Pontevedra, 30.9.2002
Outro traballo do 2002, éste referido a aves, que abondan ou abondaban en Pontevedra, na que parece que as gaivotas remiten. Deberon atopar outro vertedeiro incontrado que as sacie. Pero de certo que sí, que estos días parecemos unha cidade sen gaivotas. ¡Como ademáis perdémo-lo mar!
DE AVES INVASORAS [16.2.2002],
por Xesús López Fernández
Que os estorniños poden constituíre unha plaga é algo sabido. Mais non sempre existe tal conciencia por parte da sociedade que disfruta do espectáculo danzante destas aves cando se retiran pra pernoctaren nun espacio determinado, no caso pontevedrés na magnolia da Praza das galiñas, o seu gran hotel. É certamente un bo servicio o que presta esa árbore, minimizando a presencia dos paxaros que, en cidades como Salamanca, ameazan o seu patrimonio cultural. Na madrugada do pasado día 13, mentres facía un paseo polo entorno das Sés, os paxaros non deixaban de chiar. Enténdese a preocupación que alí teñen por se sacudi-lo andacio que sobreviveu incluso á presencia dos falcós, vixías catedralicios que afuxentaban ós estorniños e ás pombas, desaparecidos según informaba o xornal local “Tribuna de Salamanca”, ese mesmo día.
O concello de Salamanca, na súa páxina web e no apartado da saúde pública, inclúe normas pró control das plagas urbás causadas polo crecemento desequilibrado das poboacións de ratas, ratos, pombas, estorniños e cascudas. Tamén aquí sabemos dalgunha desas presencias, da suciedade e deterioro que nos traen pombas e gaivotas, contra as que parece non se quer adoutar nengunha medida. E mentres en Salamanca dan normas precisas sobre o tratamento de residuos, tanto nos domicilios como nos contenedores, aquí non vemos que estean a faceren absolutamente nada. Existen xentes que incluso fozan nos contenedores e reventan as bulsas pra colle-lo pan co que despois manteñen ás pombas, sen nengún tipo de prohibición. ¡Se parece que incluso non hai interese por eliminaren medianas obscenas na zona vella! Ó seu abeiro nidifican estas aves, que parecen protexidas.
De todo-los xeitos, a preocupación maior en Salamanca céntrase nas pombas e cigoñas, porque os estorniños logo han marchare, méntre-las pombas fanse residentes. As autoridades recomendan ós cidadáns que non as manteñan, a ver se así cambian de aires. E as cigoñas –aves queridas--, polo tamaño dos seus niños, polos seus excrementos, comprometen a integridade de certos monumentos. E apréciase o esforzo por manteren a relación simbiótica desas aves cos campanarios, estando os niños, nalgús casos, amparados por unha especie de cestón –unha semiesfera— de ferro. En Zamora, o problema debe ser aínda maior, porque nalgún edificio pode haber ata catro niños desas aves, ás que se ve laborando, perfeccionando a súa obra. Pero en Salamanca gobernantes i ecoloxistas están estudiando a posible solución de capturalas e reinstalalas noutros lugares. Mentres, o presidente da Asociación do Barrio Antiguo segue co sistema do foguete –un tanto primitivo--, que fai estoupar, seguramente culpable da marcha dos falcóns vixías.
Paco Vázquez foi un adiantado no uso de aves de rapiña, cando na Coruña contabilizaron varios miles de niños de gaivota. I enredando na “rede” recupero unha noticia do Correo, de data 25.11.2001, na que se decía que os corvos da película de Hitchcock foran sustituídos en Santiago polos estorniños. O xornal ilustra a información coa fotografía dunha xigantesca bandada que está a sobrevoa-la rúa Carrera del Conde, cando comeza a anoitecida. As gaivotas, protagonistas tamén na película de Hitchcock, preocupan á Xunta. Nalgunha zona do interior sería fácil controlalas. Abondaría, ó mellor, con precintar algún vertedeiro. Mais cando non existe unha política ambientalista clara pode parecer normal que acodan ós propios contenedores urbáns ou que aniñen, como as pombas, en calquera parte, por unha maior suciedade e deterioro urbán. ¡Como se non abondaran certas actuacións urbanísticas!. Por certo, en Salamanca, na Praza Maior, o chan é dunha pedra similar ó porpiaño que levantaron na rúa Sarmiento, pero mellor traballada. Gris e rosa. Seguramente a proba de estorniños e de gaivotas. Un pavimento pra séculos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario