jueves, 6 de septiembre de 2007

TOLERANCIA CERO [25.09.06]

Apunte informático do autor. Recreación do que podía ser, moi ben, o fondo da ría de Pontevedra que eu lembro impoluta: peixiños, area limpa, croques e ameixas. Na fin da xornada pescaramos, á liña, máis de cen robalizas, unha e outra tarde daqueles tempos de desenvolvemento sostible, de augas sempre renovadas.
Pontevedra, 6.9.2006

O artículo, escrito cando foi do accidente de Caldas, foi publicado daquela no Diario de Pontevedra e no Xornal.com. Nel, como de costume, analízanse cuestiós, omisiós, actitudes que se aprecian no sector político, que traga con casos como o citado ou con outros que poderiamos citar: Plan de Acuicultura, Cidade da Cultura, Ence-Elnosa, Tradepana, Gonvarri, Reganosa, depuradora d´Os Praceres, depuradora do Lagares, etc. A ver se, pouco a pouco, se pode ir abrindo a conciencia cidadá, aínda que os grupos críticos vanno ter difícil pra que os consideren "axentes sociales" os políticos de patacón instalados na poltrona do poder.

Tolerancia cero,[25.9.06],
por Xesús López Fernández

A estratexia comercial de La Roche, que no 1963 mercara a fábrica de sabores e fragancias de Givaudan, levaríaa á súa inversión noutro sector e por medio da dita filial faríase tamén con Icmesa, situada a quince kilómetros de Milán, lindante con Seveso, da que se acabaría por convertir en única propietaria. A data, 1969, marca o comezo dunha maior producción de triclorofenol (TCP) de alto grado, prá elaboración en Givaudan de hexaclorofeno, un desinfectante usado na fabricación de xabróns de tipo medicinal. I é no 1976, sete anos despois da súa integración no grupo Roche, cando se produce alí un dos maiores accidentes na historia da industria química. O 9 de Xullo procédese, coa rutina de sempre, á elaboración do TCP na fábrica Icmesa con diverso material iniciador e dá comezo un proceso que remataría na madrugada. Pero algo non vai ben e, sobre as 12,30 da mañá do día 10, Sábado, estoupa a brida dunha válvula pola que comeza a sair unha nube tóxica, pero na fábrica non se contaba con equipo nen persoal capacitado pra realiza-la identificación do composto liberado. Pasan días ata a súa identificación por persoal chegado de Suiza.

A nube estaba cargada coa peligrosa dioxina TCDD –a mesma coa que quixeron matar a Yushenko— e abátase principalmente sobre os términos de Seveso, Meda, Cesano Maderno e Desio, afectando en diversa medida a un total de 1.810 hectáreas de terreo. Pero non é cousa de seguir tomando nota, de xeito interminable, da información existente en relación cun accidente universalmente conocido do que os directivos de Roche afirman a día d´hoxe que o efecto que produceu a catástrofe, é decir, o requentamento do tanque de triclorofenol era imprevisible, cando se desconocían as reacciós de carácter accidental deste producto intermedio. I ésa foi a base da súa defensa ante a xusticia e as autoridades italiás aínda que os especialistas argumenten que sí existía literatura científica

Pasan días antes de reuni-la documentación sobre a toxicidade da TCDD, e só dúas semás despois da catástrofe as autoridades dispoñen finalmente a evacuación da poboación da zona afectada, que é realoxada en hoteles. O 25 de Xullo comeza este éxodo antre as máis estrictas medidas de control coa fin de evitar un maior esparexemento da dioxina, cando xa morreran envenenados uns 3300 coellos, paxaros, galiñas....E, pra evitaren consecuencias imprevisibles pola vía trófica, decretan cacerías de emerxencia no medio rural, estimando que se sacrificaron algo máis de 77000 mil individuos de diversa fauna. En fin, todo está nas hemerotecas: os abortos, a noticia dos nacidos con malformaciós, os traballos pra descontaminaren o chan, etc. A consecuencia do dito accidente a UE elabora a directiva de Séveso, que en futuras revisiós iría recollendo máis información de desastres, como na Seveso III se recolle a experiencia de Doñana e o vertido de cianuro ó río Danubio.
Despois do acontecido en Caldas, nas instalaciós de Brenntag, un pergúntase se as autoridades tiñan información dos productos alí almacenados, da súa peligrosidade. Raminp e normativa de Séveso deberían ter aplicación no caso. Suponse que se actuou, na autorización da instalación que causou tamén a morte do Umia, con frivolidade. I en Caldas tiveron moitísima sorte. E, como se comentou no pleno celebrado polo Concello pontevedrés o pasado 22.9 –con referencia ó alí acontecido--, en Lourizán podería ser peor, sen comparanza co que xa é crónica, aviso pra cidadáns e autoridades. Coido que o rigor da UE co marisqueo na ría é consecuencia da falta de madurez das nosas autoridades, que non puxeron remedio ó mal causado. A conselleira de Pesca nada vai resolver cun simple cambio de chan C por B se non se chega á tolerancia cero e á recuperación integral das marismas de Lourizán. Pero os discursos non van por aí, falta valor. Quérennos vender outra cousa.

No hay comentarios: