domingo, 9 de septiembre de 2007

SOBRE NORMAS E CONCORDIAS [24.11.2001]

O caos normativo veu ocasiona-la case morte total do idioma galego.
-
Pontevedra, 9.9.01
-
Ó longo dos próximos días irei pendurando no blog diversos traballos sobre o idioma, en especial uns escritos no 2002, o ano de Sarmiento, de cuios consellos parece queremos esquecernos. En realidade, o Día das Letras Galegas ven sendo unha especie de coña, que se celebra en función de certos intereses. O ano pasado correspondeulle a Lugrís, o gran esquecido. Nen tiveron a dignidade de facer unha edición facsimilar da súa Gramática, que aínda hoxe sería útil pra moitos que pensan que a cousa se resolve tentando que os nenos de 3 meses a 3 anos se familiaricen co himno galego. Vése que o señor Quintana non é pedagogo. O traballo que ven corresponde a un tempo anterior ó da imprantación das normas da concordia. Agora, coeles impostas incluso nas "galeskolas", a nosa fala esmorece día a día.
-
SOBRE NORMAS E CONCORDIAS [24.11.2001]
por Xesús López Fernández
-
En principio e por maioría, a RAG non aceptou as chamadas “normas da concordia” propostas pola AS-PG, que virían representar unha volta de torca máis na lusificación do idioma galego, cada vez máis privado de identidade, de enxebreza. Desta volta e por diversos académicos falouse mesmo da non obrigatoriedade das normas, de que é a sociedade a que realmente debe impoñe-lo seu criterio. Pero incluso as normas en vigor representan un claro divorcio do que é a fala. E coido que é nese punto onde habería que incidir e polo que Alfredo Conde, nun traballo titulado “Concordias”, clama por unha normativa realista pra que o pobo galego identifique a súa língua coa escritura. Eu, que vivín e vivo a norma do 1982 como unha frustración, como unha solución interina, entendo que imos a peor, e que acepta-las “normas da concordia” –un paquete bomba-- sería unha especie de suicidio. Así o vexo.

¿Con qué autoridade pretende a AS-PG impoñérmonos a súa normativa, eles que nunca aceptaron a regulamentación actual, coa sobrecarga de “excretas” lusistas que a mesma contén? ¿Queren máis?. Porque da súa actitude “reventadora” no ensino –e da inhibición das autoridades académicas— veu ese odio certo ó galego como asignatura. E a perda contínua de falantes pola ausencia da normativa realista que pide Alfredo Conde, que somos moitos os que botamos de menos, algo do que tiven ocasión de falar cun académico dos de máis prestixio. ¿Por qué temos que decir en galego “análise, síntese, crise, hepatite, bronquite, formais, animais” no canto de “análisis, síntesis, crisis, hepatitis, bronquitis, formales/formás, animales/animás”, que son formas vivas e maioritarias?, foi daquela a miña pergunta. Por achegalo ó portugués, foi a resposta. Pero eso é xustamente o que non debemos facer, porque o galego é unha língua independente. Con poucos falantes, certo. Cada vez menos.

E fálase agora moito do galego como unha língua minorizada. Outras veces se lle dí periférica, co que se supón que hai outras que constitúen un centro. Daí esas relacións intrasistémicas, esa deriva dalgúns autores en busca dunha especie de ADN, de formas máis puras, cando a enxebreza hai que buscala, fundamentalmente, no propio idioma, no que debe constitui-la nosa fronteira, máis firme na “raia seca” ourensá que no Miño, como nos ten lembrado Moralejo de forma moi precisa. Pra min, preocupado por todas estas cuestiós dende os anos cincoenta ou dende o meu traballo prá primeira emisión de radio en língua galega da nosa terra, en Radio Pontevedra, anos 1966/67 --algo que xa teño comentado--, é evidente que non se ten camiñado sempre polo dereito, que non se debe construí-la normativa primando os diferencialismos que afasten a fala máis e máis das formas comúns castelás.

Ainda non me identificando coa normativa actual, agradezo a defensa feita pola RAG. Han vir novas insumisiós, certo, e os grupos sectarios han seguir coas súas consignas. As denuncias de Carlos Luis Rodríguez e Juan José R. Calaza son pra ter en conta. Moi denso e forte o último traballo de Calaza, que incide na súa denuncia da politización da cuestión. Chega a decir que os “nacionalitaristas” tentaron aterrorizar ós académicos/as renuentes, que anunciaran xa antes do debate que a RAG aprobaría o 17-N a “normativa de concordia”, e chegarían afirmar que os académicos non mostraron “solidariedade co traballo calado de meses, realizado por especialistas”. E cara a fin do seu artículo fai un chamamento que traduzo: “¡Abonda xa de manipulaciós sectarias, de chorimiqueos, de irresponsabilidades e de presiós tendentes a obrigar á RAG a se sair do seu papel adoutando resoluciós políticas so pretexto de garantía de paz lingüísitica!”. Está claro que a RAG non debe consensuar traballos sesgados elaborados según os designios dunha “esclarecida elite”. A RAG debería simplemente constatar, notariar, fixar, refrenda-lo que se fala ou escribe. Vamos, traballar pola normativa realista á que se refire Alfredo Conde. Falta fai.

No hay comentarios: