A saída da cova. Traballo informático do autor. Realmente, non sei se o euro representou outra cousa que unha enorme carestía da vida. Algo cheira a podre en todo esto, na maior presión fiscal que afoga ós probes, ou no xesto altivo de que os altos cargos, moitas veces por facer mal as cousas, cobren unha prima de 15000 euros ó ano. Vergonza de país, en vez de sair parece que nos internamos aínda máis no furancho, no profundo da cova.
Pontevedra, 20.9.2007
Outro traballo de hai anos, esta vez sobre o tema do euro, sobre o que debo ter algún máis. Pero o que nel se comenta sobre a sobida da vida, sobre o incremento do nivel de probeza é totalmente certo. Se daquela un café costaba sobre 80 ou 100 pesetas, agora anda polas 166,386, se non máis. E se consideraría barato se se cumprise o efecto Zapatero; é decir 0,80 euros, como paguei en Mondoñedo O 21.4.2007, nunha cafetería do rei das tartas, fronte á catedral, a raiz de acodir alí a comprir co xubileo de San Rosendo. Noutros sitios teño atopado o mesmo efecto ZP, en Poio, en Vilagarcía. Pero o certo é que a vida sigue imparable, agora coa repercusión nos precios, tamén, do plus que acordaron asignarse os altos cargos, máis probeza prós demáis, porque no-lo sacan do peto.
NA ARRANCADA DO EURO [5.1.2002]
por Xesús López Fernández
Despois da primeira arrancada parece que o uso do euro se vai normalizando. As colas dos primeiros momentos –atascos, persoal de banca case infartado— xa remitiron e os pagos condúcense agora, transcurrida unha semá, con normalidade. O entreno bursátil dos cidadáns que xa operaban en euros non foi van, a propaganda e a sobreinformación fixeron o resto. O que xa non nos colleu tan preparados foi a sobida xeralizada de once productos e servicios ---polo aumento das tasas--, utilizado o euro como especie de cortina de fume, como no caso das autopistas. No fialato de Vilaboa entereime de que o novo precio pra seguir camiño a Vigo é de 2,36 euros. Pouca cousa, pensei, pero cando comprendín a sobida real e que me estaban a cobrar 393 pesetas sentín unha certa sacudida, parecida a outra do mesmo día: máis de 700 pesetas por catro horas de parking. Outra estafa.
Hai un tema a coidar nestas primeiras xornadas i é o engaño fácil no que podemos caer ó estaren as cousas referidas a un novo precio numéricamente máis baixo que antes. A mente, o noso subconscente, segue a pensar en pesetas. Despois ven, claro, o gran chasco: que por tirar da tarxeta con excesiva lixeireza –por causa das festas--, os aforros esfúmanse antes de tempo. A maquinaria fiscal traballa alevosamente coa nosa psicoloxía. Mentres nos cola unha sobida media dun 4,95% o incremento salarial xeral pra este ano vai ser dun 2%. É decir, que imos ser máis probes aínda tendo unha moeda máis forte. I estou seguro de que esa descapitalización das economías débiles non ha significar nada prós donos do discurso fácil e do poder, prós que falan en términos de macroeconomía, da posición firme de Europa ante o mundo cun euro “máis frío”, de que esto só acaba de comezar, mentres un escoita historias de precariedade laboral, de prexubilacións forzosas, etc.
Tornando á imprantación da moeda parece que xa está asimilada en case tódo-los sectores, porque o groso das pesetas estaba depositado nos bancos, i ese diñeiro, dende o día primeiro de xaneiro, está referido a euros, algo do que xa nos viñan avisando dende facía meses coas súas comunicacións en ámba-las moedas, como tamén as facturas do comercio –nunha especie de dobre contabilidade que xa acabou--. O protagonismo da moeda europea é imparable i en poucos días vai resultar difícil obter pesetas como cambio de calquer pago menor –pan, café--, como tampouco lle foi posible cobrar na nosa vella moeda ós diversos pensionistas que estos días insistían en percibi-la súa mensualidade como tiñan por costume. E non faltou nesta hora de confusión a aparición no mercado dalgún billete falso de dez mil pesetas, por si pasaba. Listiños. O que está claro é que todos estamos aprendendo e que as pesetas desaparecen con celeridade alén da querencia do coleccionista.
Pensan algúns políticos que o euro pode representar unha oportunidade de sentírmonos máis europeos, que a moeda vai supoñer un nexo de unión pra configurármonos como cidadáns pertencentes a unha nova entidade supraestatal, algo que implicaría políticas comúns, dereitos comúns, xusticia común e perfectible, o esmorecemento de certos privilexios, a fin de institucións. Nesa Europa grande, na que se queren integrar outros 170 millóns de habitantes, ¿qué papel xogarían os distintos pobos? ¿Qué lle espera a Galicia –europea sempre-- se considerámo-los problemas que a CE trouxo prá nosa gandería e producción láctea, prós nosos labregos? A que podería ter sido a reserva proteínica de Europa, onde ademais houbo moitísimo gandeiro que traballou arreo pola modernización do sector, atópase agora coa perda de 30.000 postos de traballo rural no 2001. Os políticos deberán loitar por conseguiren un futuro mellor prá nosa terra ou dimitir. Confiar nun euro unificador parece demasiado simple: Bo prá macroeconomía, cecais esmagador da nosa identidade sen forzas claramente comprometidas na súa defensa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario