lunes, 10 de septiembre de 2007

SARMIENTO 2 [19.1.2002]

Nota.- Con homes como Francisco Xavier García y Sarmiento ou o comandante Ozámiz, cumpridores do seu deber, a ría de Pontevedra seguiría sendo rica en peixe. Interpretación fractal de Xesús López, do ano 1999.


Pontevedra, 11.9.07

Este traballo non vai de idioma. Pero paréceme oportuno metelo dentro do "colectivo" dos dedicados ó P. Sarmiento, porque se trata do que foi o seu irmán. Con homes como el, o futuro do mar galego, a súa sustentabilidade, estaría garantizada. Cando facemos alusión a que na ría de Pontevedra non existen granxas de rodaballos non estamos a nos referir ás macrogranxas esquilmadoras da nosa costa, senón a granxas menores que, por razóns de contaminación, serían imposibles na ría de Pontevedra. O traballo explica cousas e recoméndase unha lectura atenta, porque parece que mentres aquí podemos comer mexilón da ría, ós franceses se lles tiña avisado, xa no 1978, dos problemas de contaminación existentes: ¿mercurio, dioxinas, tcdd, bifenilos policlorados, etc.?.

DE FRANCISCO XAVIER GARCÍA Y SARMIENTO [19.1.2002]

por Xesús López Fernández

Hai algo máis dun ano, con motivo dunha conferencia do anterior conselleiro de Pesca --na residencia da Caixa de Aforros, de Pontevedra— tiven ocasión de formular algunha pergunta. Como a cousa ía de marisqueo e a súa regulamentación i eu tiña información veraz de que a producción de mexilón da ría de Pontevedra estaba a ser cuestionada en certos mercados, intervín no debate que sigueu á charla. Pra lle dar máis forza á miña intervención levei conmigo certa documentación. Pero todo, en fin, pódese resumir a unha pergunta capital que fixen daquela volta, asunto ó que lle dedicaría un artículo naqueles días, “A acuicultura imposible”, e que formulei deste xeito: ¿Existe algunha granxa de rodaballos, ou doutra especie, na nosa ría?. A resposta foi negativa. A conferencia celebrárase dentro dun ciclo da Real Academia Galega de Ciencias. E un dos seus homes, o profesor López Capont, dirixiríase a min unha vez rematado o coloquio, interesado pola información que eu manexara.

Faciliteille copia da mesma. E remitinlle por fax algunha outra cousa. Sei que o home se moveu daquela, que visitou ós exportadores afectados pra ver de confirma-los atrancos que tiñan pra venderen no exterior. Falamos algunhas veces por teléfono i envioume varias publicaciós, antre elas unha separata da edición facsímil da Ordenanza de Pesca do 1767, ”que se debe observar en todos los puertos y rías de la provincia de Pontevedra situada entre los Ríos Tambre y Miño, y en los puertos pertenecientes a la Subdelegación de Muros, formada por D. Francisco Xavier García y Sarmiento, Ministro de Marina”. A dita edición facsimilar fora preparada polo señor López Capont, quen da súa man aclarabame varias cousas. Sabía que estabamos nunha fase de retroceso agudo en comparanza co texto da ordenanza de García y Sarmiento, o irmán menor do P. Martín Sarmiento.

Así pódese leer que, en relación coa ostra e pra pescala existe o instrumento do rastro, pero este non debe ser de ferro, senon de pau, ou pescar en tangas, según se practica en Rianxo, ou con angazo, según se usa na Ponte San Paio, e ó que usare de rastro de ferro se lle sacarán de multa mil maravedís, e se tomará por perdido o dito instrumento. (Esto serve pra lembra-la época de Ozámiz, comandante de Mariña, que chegaría a se valer de helicópteros pra evita-lo marisqueo fóra de época, retendo incluso os angazos e sachos, o que traería consigo unha maior abondancia de marisco). Tornando á Ordenanza, indícase que a pesca de ostra –prohibida nos meses de cría, maio, xuño, xullo, agosto— debe principiar dende o primeiro de decembro ata a fin de abril; pero en Ponte San Paio e portos inmediatos permítese que poidan principiar no primeiro de setembro.

En fin, a Ordenanza toda revela un gran conocemento do litoral e prima nela a defensa da sostibilidade das especies. Na páxina 17 da separata aparece un grabado que ilustra cómo se traballaba a ostra no século XVIII. Por medio de grandes rastros tirados por bois levantabase o marisco antre o que a ostra era considerada como o máis valioso. Os rastros tiñan que seren, necesariamente, de madeira, estando rigorosamente prohibido o uso de garfios de ferro. O profesor López Capont, con certo sarcasmo, decíame que no 1767, sen cursos de capacitación marisqueira, estaban mecanizados, pero agora melloramos porque temos “sachos marisqueiros”. Pró que teña interese pola publicación citada direi que a súa edición foi patrocinada pola Caixa de Pontevedra como a mellor forma de enaltece-la memoria de Francisco Xavier García y Sarmiento, ilustre e Ilustrado pontevedrés nado no 1700, un verdadeiro adiantado xa que a súa Regulamentación, no referente á pesca de baixura e máis concretamente moluscos, estivo vixente na práctica ata os nosos días, e sería copiada por outros portos do estado. Terei ocasión de volver sobre o persoaxe.

No hay comentarios: