jueves, 6 de septiembre de 2007

SEI GRANDE, LUCIANO

Camiño de Santiago polas estrelas. O día 6.9.2007 peregrinaban a Santiago moitos xóvenes. Quero maxinar a Pavarotti como espectador dende esa galaxia. O dibuxo é outra fantasía informática do comentarista, Xesús López.

Pontevedra, 6.9.2007

Introduzo aquí un pequeno comentario de admiración a Luciano Pavarotti, un dos máis grandes tenores da Historia da música, finado na alborada deste día.

                                       SEI GRANDE, LUCIANO,
                                   por Xesús López Fernández

Levo en min un certo aquel de tenor frustrado que se traduceu de sempre en admiración por homes como Luciano Pavarotti [pola súa voz], que acaba de arrancar prá última viaxe. Precisamente antonte quixen facer unha pequena demostración coa miña versión de "O Sole mío", en dialecto napolitán, unha das pezas, como tantas outras, que Pavarotti convirteu en obra suprema. A miña versión foi grabada por un sobriño americán, xunto con algunha outra cousa máis, en plan breve. Pró día seguinte tiñamos previsto face-lo mesmo con "Un adiós a Mariquiña" e "Granada", pero xa non tivemos tempo.

Este sobriño e outros familiares marcharon hoxe por avión ós Estados Unidos, o día do "addio" de Luciano Pavarotti, despois de longo sofrimento a consecuencia dun cáncer de páncreas, do que fora operado. Se coa noticia espertei, a nova permaneceu en diversas cadeas de radio mentres conducía por distintas vías, atento na medida do posible a oir algunha das súas pezas maestras: "Vesti la giubba", "Una furtiva lágrima", etc.

Viaxe a Vilagarcía, a Lavacolla, a Padrón, á Estrada, e regreso a Pontevedra descobrindo novos agravios á nosa terra, montes que desaparecen, urbanizaciós nacidas como guetos ou enxamios, como trobos adosados. ¡Cánta fortuna acrecida á costa do ladrillo!, etc. Poucos sitios pra recreármonos no verde da paisaxe, na sereidade dalgús espacios.

Pero cando baixabamos de Matalobos cara á Portela de Cuntis, decateime que, no fundamental, a paisaxe non decía, alí, moi ferida. Foi nese momento, sobre as 3 da tarde, cando a radio, a Cope, ampliaba a noticia da morte de Pavarotti ó tempo que ofrecía fragmentos das obras citadas no segundo parágrafo e maxineime ó eximio tenor dono daquel decorado natural, a súa figura grande aínda máis engrandecida nesta hora suprema do seu encontro coa sereidade eterna.

Sei que Pavarotti, a súa lembranza, vai seguir vivo. E a el refireuse esta tarde en Tele5 un seu amigo, como moitos aficionados á música, todos sentidos. Italia perdeu, talvez, ó seu mellor embaixador. El, que foi un home de humor, contestou en certa ocasión, na Scala de Milán, a un aficionado que lle dixo dende as alturas "¡Sei grande, Luciano!", cun franco sorriso á par que un xesto, abrindo os seus brazos, en referencia á súa corpulencia.

Grande, sí, pero sobre todo de voz. Tamén de corazón. "Ave María, gratia plena...". O mundo chora a Pavarotti, especialmente Módena, todos unidos pró derradeiro adeus.

No hay comentarios: