domingo, 2 de septiembre de 2007

A ACUICULTURA QUE DESFAI O LITORAL, 3.9.07

Pontevedra, 3.9.07


Artículo desta data, aparecido en diversos medios. Insístese de novo no tema da acuicultura, do entreguismo que o poder político fai ós grupos de presión póndo á súa disposición o litoral galego en contra da prometida defensa das nosas costas.


No se puede mostrar la imagen “http://altermundo.org/portal/images/corgo/piscifact.jpg” porque contiene errores.


A acuicultura que desfai o litoral,

por Xesús López Fernández


O Plan Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria nas costas galegas fora aprobado polo goberno de Fraga coas elecciós xa perdidas e impugnado por Salvemos Pontevedra ante o Tribunal Superior de Xusticia de Galicia por entender que estaba redactado á carta, porque só así se entendía que certas empresas resultasen especialmente favorecidas. O plan conculcaba, ademáis, a Lei 10/1995 de Ordeación do Territorio na que se amparaba. Tampouco respetaba a Lei 15/2004, modificadora da Lei 9/2002, de Ordeación Urbanística e de Protección do Medio Rural de Galicia nen aportaba un estudio da legalidade dos establecementos actualmente instalados, ós que o plan daba carta de natureza aínda presentando graves irregularidades, como comentaba Francisco Díaz Sánchez, presidente de Salvemos Pontevedra en El País o 14.03.07, no que tamén se fai mención do arraso de Cabo Vilán por Stolt Sea Farm, sen noticias da intervención da UE, por se tratar dun espacio natural.


Resulta oportuno volver outravolta sobre o tema cando se acaba de cerra-lo prazo prá presentación de alegaciós ó novo Plan Sectorial do bipartito, tramitado como modificación do anterior. Salvouse Touriñán, de momento, pero a presentación desta volta de máis de mil alegaciós sorprende ó persoal da “mellor profesión do mundo” que comprende que agora as xentes están avisadas de que, pola vía da expropiación forzosa amparada pola supramunicipalidade do Plan, estarían a faceren burla deles. Expropiaciós do orde dos tres euros por mt2, pra poñe-los solares a disposición incluso de empresas extranxeiras que poderían ser subvencionadas. E non se pode xustifica-la construcción de macrogranxas na beiramar pra se carga-la costa cando esas empresas non teñen que estar necesariamente no litoral, xa que por medio dunha tubería poderían bombea-la auga a terra adentro e, xa que son tan “inocuas”, mediante circuíto cerrado seguirían a face-lo seu negocio, a triplica-la producción de rodaballos como quere Carme Gallego, a conselleira de Pesca.


Como se sabe, as alegaciós colapsaron o rexistro da Consellería. “Temos medo de que os vertidos afecten ó percebe e outros mariscos”, dixo Xosé Xoán Bermúdez, presidente da asociación de veciños de Arou (Camariñas), porque eles viven do mar e dunhas terras que lles queren expropiar co Plan na man, que tamén denuncia a falta dun control axeitado, algo no que incide Adega, con datos de análisis universitarios de “altas concentraciós de fosfatos, sólidos en suspensión ou nitratos que ameazarían os recursos dunha explotación tradicional como o marisco, de maior calado local”, de máis capital social. Porque non é certo que se vaian crear moitos postos de traballo coas 13 factorías previstas cando o número de traballadores por pranta é moi corto. Algús falan incluso da perda de postos de traballo, como fai Lola Romero, de Porto do Son, que chega decir, en relación coa posible aprobación dunha macrogranxa no litoral, que se perderían na actividade autóctona, que moitos quedarían sen medio de vida. Están dispostos a recurrir pola vía xudicial.


Moi crítico tamén Manoel Santos en relación co que se quer facer en Laxe Brava, Ribeira, ou en Corgo, como eles chaman á zona. Dí que é como lle facer adosados á Catedral, que a propia zona onde se quer ubicar é un territorio rico e virxe, que os veciños sempre respetaron. Estratéxicamente, estaría fóra do Lugar de Interés Comunitario de Corrubedo, porque a anterior Xunta deixou xa tendenciosamente o espacio libre pra esas piscifactorías, plan á súa vez contraposto ó de Medio Ambiente, que xa expresou a súa intención de amplia-la zona de protección de Corrubedo. Poderiamos facer este traballo interminable, pero rematemos co testimonio de Xosé Manuel Casais, da asociación de Quilmas, Carnota. Di que se opoñen ó Plan por completo, pero que non van tolera-la ampliación de Quilmas, que a mellor opción sería que os deixasen a eles aproveita-lo litoral, como viñeron facendo. Seguro.

No hay comentarios: