lunes, 1 de octubre de 2007

¿CAPITAL DE FUTURO? [5.1.2001]

Dibuxo informático do autor: "Acabáronse as mareas".

Pontevedra, 2.10.2007

No traballo que sigue, do ano 2001, analízanse algunhas das traiciós que conlevaron a perda de capital social da cidade e do seu entorno. Podémolo sintetizar: ¿Se no fondo da ría se pescaba sardiña ou collían ostras, por qué agora non?. Non decimos máis porque o traballo fala por sí e o aldeanismo denunciado daquela permanece.


¿CAPITAL DE FUTURO? [5.1.2001],
por Xesús López Fernández


Na praza da Ferrería, nunha balconada, apréciase o reclamo “Pontevedra, capital de futuro”. ¿Con futuro, qué futuro? A afirmación tería de ser matizada en función do espacio urbán ó que se queiran referi-los inventores do lema. ¿Zona vella sen posibles vivendas intelixentes, confort forzosamente limitado? ¿Zona nova, no ensanche, onde parece que os urbanistas manteñen como referente o modelo cateto de rúas estreitas e tráfego unidireccional [auténticos calexóns nalgúns casos], desbotada a idea dunha calidade de vida certa? Pensemos na urbanización do espacio dos Xuzgados [na publicidade enganosa que houbo en relación coa mesma] ou considerémo-los entornos da Pedra do Lagarto, Loureiro Crespo, San Antoniño, etc. ¿Pasa o futuro pola circunvalación [tamén estreita] de Eduardo Pondal á ponte dos Tirantes ou polos edificios do campus universitario da Xunqueira, onde remanece a humedade, ou polo Auditorio e Pabellón construídos no mesmo espacio intermareal?


Gostaríanos máis oir falar de cidade sostible e con espacios permanentemente humanizados, integradores de actividades diversas: cidade comercial e de servicios cunha oferta cultural atractiva, lugar a reconquistar por familias de nova creación. Mais, ¿cómo pensar nese tipo de configuración cando a cidade toda é unha permanente angostura, chea de criaturas crispadas porque case todo é agresión ambiental á par que permanente estado de obras acometidas con escasa intelixencia? ¿Por qué non prever novos tendidos de cable ou gas e instalar xa a oportuna galería de servicios, algo denunciado nestas mesmas páxinas? Contaminación e xarabaldo, perda de autoridade que non cambia...Parece non quedar outra alternativa que o ventanal doble pra defende-la intimidade e poder dormir. ¿Cidade dormitorio? Difícil cunha accesibilidade cada vez máis limitada. E perguntámonos se non faltou aquí un concurso elemental de ideas porque entendemos que era i é necesario reacondicionar algún espacio, abrilo, se pensamos nunha cidade de servicios.


Porque ben está conserva-los restos dignos de permanecer. Pero no saco do Peprica existe moita casa non de época, que só serve pra afear unha rúa, unha mazá, un entorno; habitáculos dificilmente mellorables nos que xa non resulta grato vivir. ¿Qué proiección de futuro poden ter moitas desas casas?...Cando se vai conmemora-lo quinto centenario de Santa María pode que resulte boa unha achega documental do que representou aquela época, do que eran a cidade e o seu entorno, de cómo a cofradía de Mareantes tiña unha gran puxanza en base, fundamentalmente, á riqueza extraída do mar da Moureira. A pesca da sardiña era común e abondosa na zona. Por riba da ponte do Burgo había ostras. En punta Galera funcionaban os estaleiros onde fora construída a carabela Santa María [La Gallega]. E na propia basílica hai unha inscripción do apelido Colón. Pero acabouse coa mar e a súa riqueza. E coa memoria dos nosos navegantes, arrasada a casa de Sarmiento de Gamboa hai uns doce anos.


Ha ser bo viaxar ó pasado pra entender por qué perdémo-lo futuro, cometído-los maiores estragos ó longo do século XX. Pero a aceleración da desfeita acentuouse nos últimos cincoenta anos. O vídeo de De la Peña mostra a degradación destos momentos. Os partidos [algúns] din entende-la mensaxe naturista e falan de plan de actuaciós á marxe dos programas de partido, pero apoian o ferrocarril a Marín, innecesario. A cousa está que arde nos Praceres e dín que o porto debe chamarse de Marín-Lourizán por estar situado en terreos desa parroquia, aviso non exento de teima segregacionista. Dispostos a resistir, unha muller dixo nunha asamblea que tiña cicatrices de baioneta, marcada pola mariñería cando a parroquia perdeu o seu futuro. Arestora están dispostos a todo pra que o tren non entre nas súas vidas. Queren ser plataforma electoral pra ver de zafarse dos partidos, encarnación do nemigo de hai corenta anos. A batalla, pois, continúa. E non hai futuro sen Lourizán, claro.

No hay comentarios: