viernes, 26 de octubre de 2007

PRANTAR UNHA ÁRBORE [23.12.1991]

Pontevedra, 26.10.2007

Xa estamos nos últimos meses do ano, co Nadal ás portas. Este traballo que agora presento é un de tantos que vou recuperando sen orde precisa, das primeiras colaboraciós como "cartas ecolóxicas" publicadas no Xornal Diario, xa desaparecido. A ilustración que preside o traballo é outro dibuxo informático, pensado pró tempo do Nadal.
-
HE cartas ecoloxicas (4) xornal diario
-
PRANTAR UNHA ARBORE [23.12.1991], por Xesús López Fernández


"Escribir un libro, ter un fillo ou prantar unha árbore" son cousas que poden axudar a encher de sentido a vida dun home ou dunha muller. A conxunción das tres son sentido de plenitude en certas culturas. Na nosa tamén. Escribir un libro digno de tal nome pode demandar un esforzo certo de formación e horas [anos] de traballo; unha tarea ás veces inacabable. O feito de ter un fillo é normalmente máis doado; outra cousa é crialo i educalo, preparalo pra ser home. O de prantar unha árbore non debe ter maior dificultade a pouco que un teña intención de facelo.

Estamos agora nun tempo especial --Nadal, Aninovo, Reis-- no que moitos de nós imos té-la oportunidade de cumprir co terceiro dos obxetivos devanditos: pranta-la árbore, a árbore de Nadal. Sí, quérome referir á presencia en moitos dos nosos lares, neste tempo especial, dun abeto común, un piñeiro, un acebo ou unha pícea, ós que poderemos salvar devolvéndoos ó monte ou retornándoos, nalgús casos, ó propio viveiro que no-los fornecéu. Na medida en que se trate de árbores enteiras, con raíces, poderán segui-lo seu pulo vital, facerse adultas e completa-lo seu ciclo.

O costume de face-lo Nacemento parece que cedeu nos últimos tempos --aínda non sendo excluíntes-- ante a moda de adorna-la casa cunha árbore, tal como viña sendo tradicional nos países nórdicos e centroeuropeos. E a nosa sociedade parece agora máis sensibilizada que nos primeiros tempos da adoución do pra nós novo costume, no sentido de que xa sonóu a alerta ecolóxica en relación con algunha especie, como o acebo ou xardón, en peligro de extinción.

Os nenos teñen moito que decir en relación con todo ésto xa que a educación medioambiental impartida en moitos centros tradúcese nunha auténtica oposición familiar. ¡ Que non entren na casa exemplares mutilados!. Eso téñeno claro. E como consecuencia desa actitude dos nenos, a familia debera instititucionalizar, como unha especie de ritual de obrigado cumprimento, a devolución da árbore á Natureza. Unha vez pasáda-las festas, cos nenos como protagonistas, deberíase buscar un momento de solaz pra repranta-la árbore que nos acompañou ó longo deste tempo especial.

Esos nenos xa terán tempo de escribir libros ou de ter fillos, pero é importante que teñan aprendido xa a salvar vidas e a seguirlle a pista, no seu crecemento, ós abetos e xardóns por eles apadriñados neste tempo de Nadal, cando os días escomezan a medrar e a Vida cobra nova forza. Eso axudaraos, quezáis, a ser máis plenamente homes o día de mañán.

Asdo. Xesús López Fernández

No hay comentarios: