lunes, 29 de octubre de 2007

A CIDADE AGREDIDA [30.06.2000]


O rastro dominical de Pontevedra na Praza da Verdura. Algunhas xentes teñen atopado nele cousas que antes lles foran roubadas. En fin, é unha das formas de revitaliza-la cidade na que pensaron os nosos gobernantes locales. Foto do autor.

Pontevedra, 29.10.2007

Traballo do ano 2000. Neste blog hai xa diversos traballos sobre o tema, sobre a desfeita da cidade, a perda de calidade de vida, o cambio de modelo social.

A CIDADE AGREDIDA [30.06.2000],por Xesús López Fernández

O estado de obras pode conlevar unha agresión certa, necesaria, pero as cousas é necesario explicalas de forma transparente, porque a prepotencia convertida en torpeza pode traer consecuencias negativas. Lembremos senón o día no que Pedrosa perdeu o poder, antre outras cousas polo seu plan de beirarrúas ó tempo que se cargaba a arteria Benito Corbal-Michelena, obra mal feita, ferida aínda aberta un ano despois das elecciós. Eso non debe servir de aval pra que o actual equipo de goberno –que semella ter aprendida a lección-- se tome con tanta calma as obras acometidas na zona vella, porque parece que lles leva demasiado tempo o pensar se xa están todo-los tubos ou se aínda falta algún. Veremos cómo queda todo despois de meses de jymkanas --de carreiriñas pra abaixo e pra asuso-- das máquinas que alí operan, aínda que por riba quede todo moi preparado e rematadiño. De momento, vida dura na zona vella. E o comercio, que se sinteu traicionado polo equipo de goberno anterior, síntese agora agredido na conta de resultados e cun futuro incerto.

Dúas noticias: a do PSOE, a súa oferta pra gobernar en coalición, e a da non desaparición da plataforma cidadá 5-J. Poden ser dúas novas importantes aínda entendendo que vai ser difícil enardecer de novo ás xentes pra manter vivas as reivindicaciós que deron pe á súa creación. As asociaciós de veciños parecen dispostas a levar adiante protestas necesarias porque hai moitas cuestiós pendentes no día a día un tanto balaínzo, inmaduro, da política local. Difícil, de momento, telumbra-lo porvir. De momento, seguimos co “estado de sitio”, co derribo interminable do Mercado, porque hai que salva-las pedras...¿Por qué Patrimonio non protestou polo levantamento do pavimento de Curros Enriquez e Manuel Quiroga, dunha antiguedade similar e mellor conservado?. ¡E menos mal que a desfeita do Mercado non se colapsou co asunto Carballo, condenado por delito ecolóxico polo Tribunal Supremo, según nos lembraron por activa e pasiva Fernández Lores e Mosquera Lorenzo! Según o concellal, o empresario é “un infractor ecolóxico de primeira magnitude”.

Lembremos tamén outro fallo do T.S. a favor de Audasa, en relación coa conexión de Continente –outro infractor ecolóxico-- coa súa infraestructura. ¿Por qué o concello non pide que se execute a sentencia, máxime sabendo que se cometeron neste asunto abusos de poder e que aínda non estamos no último capítulo? ¿E a estafa social varias veces denunciada ó seren expropiados os veciños a favor da autopista, agora a disposición dos colonizadores? ¿Se son tan socialistas, por qué non exercen de forma máis social, máis garrida? ¿Qué fidelidades agardan?...A do pequeno comercio non a merecen... E sen resposta certa ante tantísimo problema como temos hai un colectivo que agarda a posible reversión de terreos expropiados no seu día pró cuartel de Campolongo. Hai que moverse a tempo, evitar unha nova agresión, que algún “lobby” ou mafia se metan polo medio. Non estamos gobernados.

Pontevedra é unha cidade agredida no seu entorno urbano. Levamos xeneraciós sen soluciós ós nosos problemas, como se o urbanismo fose soamente negocio i especulación e non marco de convivencia. Total que se conformou unha urbe inconexa, privada de calidade de vida, afogada en si mesma. Semella como se o colectivo cidadán estivese abocado a unha solución cada vez máis difícil, porque aquí faltaron --e faltan-- as decisiós que non apuntaran nun sentido claramente involucionista. Sen infraestructuras pra área de servicios, perdemos xa cuotas de capitalidade; como cidade de comercio sabemos o que pasou, especie de espasmo de partido único favorecedor de intereses alleos. ¿A qué xogan os nosos políticos que non son capaces de pensar en Pontevedra nen como cidade dormitorio?.Non son poucas as denuncias remitidas ó Valedor do Pobo ante o abandono edilicio nunha cuestión de simple policía, como é a dos ruídos. Non estamos gobernados.

No hay comentarios: