martes, 9 de octubre de 2007

AUSENCIAS E PRESENCIAS [27.9.2002]

Fotografía dunha manifestación contra a actuación urbanística do equipo de gobernos. Como reza na fotografía do autor, a xente clamaba "¡Hai que botalos!". "¡Fóra!" respondían outros.

Pontevedra, 9.10.2007

Ausencias e presencias. Habitantes forzados ó exilio, presencias dos que veñen ás prazas que perderon o seu carácter e foron convertidas en patios, máis ben en circos. Como neste blog xa se machaca dabondo na cuestión do deterioro da cidade promovido polos do Diktatt, non introduzo máis comentario. Simplemente decir que a cousa vai a peor e que non houbo capacidade de rectificación, non quixeron.

Ausencias e presencias [27.9.2002],
por Xesús López Fernández

A perda de residentes nas zonas vellas das cidades é noticia frecuente. Estos pasados días decíase que a cuarta parte dos pisos ubicados nos recintos históricos estaban libres, o que no caso da Coruña, Santiago e Lugo atenuábase lixeiramente. Ourense, Vigo e Pontevedra son as cidades con máis pisos desocupados, no caso pontevedrés un 42 por cen de ausencias. A poboación que permanece nesas zonas faino moitas veces por cuestión de pura necesidade, porque non é fácil levanta-la casa e mudarse cara outra zona na que a accesibilidade non represente un problema engadido, ademáis de se asegurar certos estándares de calidade de vida, absolutamente irrenunciables e difícilmente compatibles cunha vivenda de escasa superficie situada nunha rúa de tres ou catro metros de ancho.

No traballo consultado comentábanse as actuaciós levadas a cabo en Vigo, no Ferrol i en Pontevedra, as da nosa cidade consistentes en peatonalizaren máis e máis i en recupera-los espacios abertos, algo no que moitos dos residentes non estamos dacordo porque, dito doutro xeito, a política de ateiga-las prazas con terrazas e máis terrazas non vai favorece-lo asentamento poboacional. Antes ben, os residentes atópasen moitas veces como afogados, cortado o acceso á súa morada, perdido o silencio noitarego que facía posible un descanso certo. As prazas poden estaren cheas de xente a partir de certa hora da tarde, de nenos a bulir chegados de fóra da zona. Son presencias extrañas. Pero, ¿ónde está o sentido social da actuación urbanística se como alternativa ós vellos bancos de pedra só existen as terrazas con consumo incluído? Sentarse pode costar 1,50 euros, polo baixo.

A receta prá reocupación de pisos fai necesaria unha política precisa que se deteña antes na rehabilitación interior dos inmobles que na restauración das fachadas dos mesmos, algo importante esto último, pero que carecería de sentido nunha casa en ruínas. “O uso dun edificio como vivenda é o que garantiza a súa conservación”, dixo Eduardo Souto de Moura, arquitecto portugués de sona internacional. Falou tamén dalgo que sabémo-los habitantes da cidade vella, cando lle perguntaron pola razón do abandono dos casos históricos: “Hai que partir da idea de que á xente non lle gosta vivir nesas zonas. Daquela teremos de nos prantexa-la adaptación dos centros históricos á vida cotiá dos cidadáns. Non se pode suprimi-lo tráfego desos enclaves, porque a xente ten coche e non se pode ser tan radical. Hai que se adaptar ós novos hábitos da sociedade, incluído o interior das vivendas, como permitiren instalar ascensores no espacio das escadeiras das mesmas”.

Como receta sensata do dito arquitecto resúmese un pouco a súa mensaxe no sentido de que deben combinárense nos inmobles dos cascos históricos a instalación de oficinas ó tempo que a existencia de vivendas. Eso implicaría a dinamización económica do barrio ó tempo que a súa conservación. Téñase presente tamén que, no caso pontevedrés, son moitos os “negocios de sempre” que sucumbiron a causa da peatonalización que arrancou no mes de agosto do 1999. Cada un deses cerres marca unha maior involución, outras ausencias, perda de color e vida propias, que as novas presencias, as xentes que nos visitan cada tarde, non restitúen. Esos visitantes son como actores dunha comedia que acoden cada tarde ó escenario da zona vella. Carlos Jiménez --arquitecto que nos acaba de visitar— avisa do gran peligro existente nas vilas históricas, inmovilizadas nun tempo determinado. Cando está recén a celebración da feira franca, as palabras do ilustre arquitecto poden ser máis fácilmente comprensibles, porque “unha urbe é un patrimonio vivo, cambiante, polo que hai que asimilar novos edificios de tipo funcional a esa identidade local, sen caer na dictadura do historicismo. Eso sería caer na parodia, un insulto prá cidade”...Agora, no outono, remiten as terrazas e as presencias de vai e ven. Pode se-lo momento de rectificar.

No hay comentarios: