Un fondo mariño rico, libre de dioxinas, mercurio, zinc, cadmio... e outras miserias. [Dibuxo informático do autor]
Pontevedra, 25.10.2007Agora que está en fase de exposición un avance do novo PXOM, cando parece que o equipo de goberno local non ten vontade de face-las cousas ben, retomo un traballo do ano 2000, no que xa tocaba o tema da posible recuperación de Lourizán. Vai o traballo.
A NOSA PRAIA URBÁ [28.07.2000],
por Xesús López Fernández
Os veciños de Lourizán claman por unha alternativa ó paso do tren polo que é a única praza da zona, o principal capital social co que contan dende que foron privados da praia, areal interminable, paraíso de augas limpas. Era a zona onde se construían chalés, na que algús adiviñaban a futura praia urbá de Pontevedra...Pero a historia cárgase moitas veces de abafallo e, ainda que a nosa crónica recente garda non poucos misterios, intúense traiciós no asentamento industrial do complexo que o propio Ministerio da Vivenda –1973-- definiría como erróneo, como causa do deterioro da saúde e convivencia humás das xentes da zona.
E recomendaban a non construcción da ponte da Puntada e outro trazado prá autoestrada. Vemos, sen embargo, que as actuaciós urbanísticas levaron o camiño da sinrazón: Lourizán como inferno consolidado. Sería bo que os veciños, que confían na mediación de Cuiña, reivindicaran –nós tamén-- a reconversión de Lourizán en praia urbá. ¿Poderemos pensar en Lourizán como solarium urbán ó servicio das xentes de Pontevedra e Marín? Podemos, sempre que haxa unha vontade política solidaria e os cidadáns queiramos reivindica-lo noso dereito a ter un areeiro como Riazor-Orzán, como Concha-Compostela, ou como Silgar. E que non-os veñan coa argumentación da riqueza que representan ENCE i ELNOSA, ás que nunca se lles pasou unha auténtica factura medioambiental. Nese tema hai moito rabo solto e hoxe non queda outra saída prás factorías que o seu traslado e cambio a novas tecnoloxías. Non existen xa posibles disculpas pra un poder que aquí estivo de costas á realidade ambiental. Hoxe vaise, nestas actividades, cara ó vertido cero, según os exemplos que cita o Worldwatch Institute no seu estudio sobre “A situación do Mundo 2000”: No deserto de Novo México existe unha fábrica de papel reciclado, sen vertido, que toma a auga dunha depuradora. En Wisconsin existe outra das mesmas características, mentres no Bronx estáse a construir outra contando con Nova York como área de abastecemento de papel usado. Tamén sen vertido. Hai máis exemplos.
Hoxe existen uns obxetivos claros en canto a estándares de calidade de vida, e se algo pode haber bó na cousa da globalización é o crecemento da conciencia ecoloxista. As normas europeas poderían servir pra que aquí se destaparan cousas alén das auditorías nas que moitos de nós non creemos por razós sempre demostrables. Estou convencido de que incluso algunhas das actuaciós derivadas do P.X.O.U. do 1987 –o máis contestado de Europa no seu momento— tiñan como obxetivo inmediato a salvación do complexo de Lourizán, porque non se entende a presencia dunha depuradora única n´Os Praceres se non é coa finalidade de artella-la confusión, de converte-lo seu emisario nunha especie de prolapso rectal, de tripa do cenzo do enclave celulósico. E arestora pode se-la construcción do ferrocarril por aquela zona unha agresión máis prá consolidación dese pecado de lesa natureza.
Creo firmemente nos beneficios de Lourizán como praia urbá, que xeraría moitísima máis riqueza e traballo que as factorías alí existentes. Pensemos tamén no confort que conlevaría ter un areal ás portas da casa, poder achegarse a el en tranvía ou trolebús, no canto de metérmonos en caravanas continuamente colapsadas cara un día de praia que pode rematar nun feixe de incomodidades, sen contar co desacougo do retorno. ¿Por qué non pensamos nunha Pontevedra distinta, destino turístico como Sanxenxo ou A Coruña? E quero propoñer dende aquí outro posible lema prá cidade en vez do “ponte bela, Pontevedra”. “Lourizán, bandeira azul”, ese sería o meu lema, a catro ou cinco anos vista. Posible. Cuestión de cartos e de vontade política á par que de participación cidadá; cuestión de ideas claras. Habería que explica-las etapas da recuperación do noso paraíso, a derrota do terror, a fin dos medos. Cuestión de diñeiro. Fondos propios ou do F.E.D.E.R., a cuestión é que deixe de eso, de feder.
No hay comentarios:
Publicar un comentario