Mencer no sotobosco, fantasía abstracta informática, do autor. Chico Mendes foi tamén un home de sotobosco no mundo das heveas productoras de caucho.
Pontevedra, 16.10.2007
A Chico Mendes dediqueille un traballo no ano 1992, no Xornal Diario de Pontevedra, actualmente desaparecido. O dito traballo está incluído no blog, baixo o título de "Sendeiros de Libertade", título tamén da gran novela de Javier Moro, o que me dispensa de facer agora unha introducción máis longa.
Chico Mendes [19.12.2003],
por Xesús López Fernández
O concepto de desenvolvemento sustentable segue a ser hoxe máis unha intención, un desexo da Humanidade, que unha realidade certa. Máis alá dos discursos e da propaganda están os fracasos e as traiciós non sempre denunciadas por falta de foro. No que non queremos pensar é en que o desenvolvemento sostible xa estaba inventado nas formas de traballa-lo campo e o monte en moitos lugares do mundo ou no respeto ás vedas no marisqueo. A alusión a Sarmiento ou a Ozámiz debe abondar pra algúns. Pero é que con ocasión deste traballo venme á memoria a figura dun xigante, a de Francisco (Chico) Mendes, asesinado o 22.12.1988, hai agora quince anos. E hanse perguntar algúns quén foi o persoaxe convertido en leenda, en referente universal do ecoloxismo, predicador activo do que el chamaba a conservación das reservas extractivas, defensor da Amazonia; que co seu exemplo consigueu crear un movemento certo de solidariedade, escola de héroes e mártires [máis de 1000 campesiños, sacerdotes, sindicalistas asesinados] en contra da UDR [Unión Democrática Ruralista, que o noso home definía como núcleo dun auténtico escuadrón da morte].
O pai de Chico Mendes chegara no 1926 ó estado de Acre, na selvática Amazonia occidental, lindante con Bolivia e Perú, pra traballar elaborando caucho obtido das heveas. I este foi o traballo de Chico, nacido o 25.12.1944. Nese ambiente de duro traballo, no que decote había que navegar, desprazarse nunha e noutra dirección pra poder sangar 100 ou 200 heveas e así poder forma-las bolas [as pelas] de caucho antes de chega-lo intermediario que ó mesmo tempo fornecía ós seringueiros dos necesarios artículos pró consumo, sendo práctica común entregarlles cousas por maior costo, porque así se aseguraban o traballo dos mesmos pra un tempo determinado, porque ésa era a praxis, que estos traballadores eran en realidade unha especie de escravos que laboraban pra se manteren vivos. Nese ambiente predominaba o analfabetismo, do que Chico Mendes chegou sair gracias a Euclides Fernández Távora, un refuxiado político. E aprendeu a leer ós 14 anos, valéndose de revistas e periódicos vellos, enterándose do que acontecía no mundo gracias a un aparato de onda corta que Euclides trouxera consigo. Difícil pensar que con tan básicos elementos se puidera forma-lo que sería considerado como unha especie de anxo, ou como o Gandhi do Ecoloxismo.
A construcción da Transamazónica polo presidente Medici, cara ós setenta, pra ofrecer “unha terra sen homes ós homes sen terra”, foi unha falacia, porque a terra [como se di no Global 500 Forum www.global500.org/feature_5.html ] non era fértil nen estaba deshabitada, que era a morada dos ribeiriños, dos indios e seringueiros que vivían da selva e a coidaban. E as estradas impactaron sobre 96 tribus. Os nambiqwara que cita Levi-Strauss pasaron duns 20.000 ó redor dos 650. E o padre Turrini, misioneiro do Río Branco, revelaría que de cada 1000 nenos nacidos en Acre, 838 morrían antes do primeiro ano de vida. A presión das mafias aumentaría sobre a Amazonia. Había que deforestar pra crear novas facendas insustentables. Os incendios intencionados irían en aumento ó longo de dúas décadas, impulsados por garimpeiros e facendeiros que importaban cebús da India prás hamburgueserías de Mc. Donald´s, cunha rentabilidade que se estimaba en 22 kilos de proteínas por hectárea, cando o rendemento dun castaño Hércules andaba ó redor dos 30 kilos de proteína vexetal. É decir: a terra volvíase probe, erosionada con facilidade, privada do que lle daba alento, o bosco orixinal.
En torno a Chico xira o movemento sindicalista e os “empates”, movementos de seringueiros e pequenos propietarios contra os invasores, contra os asesinos [práctica común na ocupación de terras]. O home avisaba “¡Non asinedes nada! Esta terra é vosa. Cando a transformades en cartos perdéde-la posibilidade de vivir. ¡A terra é a vida!”. As súas tesis van sendo asumidas e no 1987 recibe o Premio Global 500 das Naciós Unidas, algo que catapulta a súa sona, porque recibe o premio en Londres coa cobertura de prensa que lle negaban no seu país. O bispo Grechi apoia ó seringueiro contra o desenvolvemento salvaxe que intentan prá Amazonia. Fronte á tala masiva en Cachoeira, Chico impulsa a expropiación pra reconvertela en reserva extractiva. No 1988, o concello de Río entrégalle as chaves da cidade. Tarde, porque a violencia impulsada pola UDR non cesa. Matan a outro lider. O goberno federal califica tres zonas de heveas como as primeiras reservas sostibles. Pero a loucura antiecoloxista insiste. Chico Mendes sabía que estaba sentenciado. E foi o 22.12.1988 cando un tiro de escopeta de Darcy Alves Pereira, da UDR, acabou coa súa vida na escuridade, un dos mil crimes cometidos nos últimos anos na Amazonia brasileira. E o terror permanece.
No hay comentarios:
Publicar un comentario