Traballo de xaneiro do 2003, nel se comenta a declaración que daquela fixo a Unesco, como Reserva da Biosfera, de gran parte da provincia de Lugo. Na crónica coméntase o soño, a posibilidade de que antre Galicia e Navarra, coa cordilleira cantábrica antre ambas e comprendida nese espacio, poderíase configurar a gran reserva que moitos poden desexar.
O dibuxo informático de Xesús López que ilustra esta presentación é, como case tódo-los seus, un espacio maxinado, máis ben soñado. Titúlase "primavera silvestre".
O dibuxo informático de Xesús López que ilustra esta presentación é, como case tódo-los seus, un espacio maxinado, máis ben soñado. Titúlase "primavera silvestre".
¿RESERVAS DA BIOSFERA? [11.1.2003],
por Xesús López Fernández
por Xesús López Fernández
A Biosfera é a parte da Terra onde a vida é posible. Defínese como Reserva da Biosfera o instrumento de conservación que fai viable a posta en marcha de solucións pra problemas de carácter medioambiental como a perda de masas boscosas e de biodiversidade, a desertización, polución atmosférica, o efecto invernadoiro; solucións tamén pra problemas como o causado polo “Prestige” no que a comisión constituída pra determinaren culpas –se facemos unha lectura despiadada do seu papel na crisis-- parece non ir máis alá do dereito a converte-lo oceano nunha cloaca, a acabaren cos ecosistemas productores e cos peixes e aves que neles teñen a súa sustentación. A Unesco hai tempo que ven promovendo a creación de Reservas, dende o 1972, e hoxe existen espacios así calificados en 110 países. Digamos tamén que nos mesmos danse tres clases de áreas diferenciadas según o uso posible nas mesmas, interrelacionado: zona núcleo ou principal, zona tampón, zona de transición.
No pasado mes de Novembro, o día 7, a Unesco declarou Reserva da Biosfera a unha parte importante da provincia de Lugo, o 40 por cento da súa superficie, 26 concellos que forman parte das Terras do Miño, o eixo vertebrador, vivificador do territorio no que se citan como enclaves de importancia relevante as zonas húmedas da Terra Chá ou a Serra do Xistral. Estamos a falar dunha superficie de 360.000 hectáreas nas que se vai tenta-la recuperación de terras de labor hoxe abandonadas e nas que se entende debe prima-la recuperación dunha biodiversidade posiblemente quebrantada co monocultivo forestal que dende a propia Administración e grupos de presión están a promoveren dende hai máis de 50 anos. Unha simple viaxe a Mondoñedo, inmerso na zona núcleo, mostra ó visitante a agresión forestal levada a cabo nos montes do seu entorno, coa que unha xestión eficaz debería findar.
Teñamos presente que a zona núcleo ou principal abrangue a área máis preservada dun ecosistema representativo, hábitat favorable ó desenvolvemento de numerosas especies de prantas e do mundo animal, mesmo escenario de convivencia cos seus predadores, co que se rexistra a concorrencia de endemismos, espécimes raros de importante valor xenético e lugares de excepcional interese científico. No límite da zona núcleo só se han permitir actividades que non perxudiquen ou alteren os diversos procesos da natureza e da vida salvaxe. Podemos defini-la zona tampón como parachoques da principal, como envoltura da mesma e na que as actividades económicas e o uso da terra deben garanti-la integridade daquela. A zona de transición é a máis externa da Reserva e nela hase incentiva-lo uso sustentable da terra e actividades de pescuda útiles á rexión do entorno da Reserva.
Pódense concretar como reservas outros espacios, Os Ancares e mái-la Ribeira Sacra, promovida ésta polas Diputacións de Lugo e Ourense, que pode quedar concretada na fin do ano en curso. Nela, en principio e como activo principal, podemos cita-la riqueza paisaxística da Ribeira, a súa exuberancia conventual e a cultura do viño como eixos vertebradores cara ese dinamismo que se busca no que o home e os concellos terán de asumi-la cultura ecolóxica como un norte prá recuperación de zonas deprimidas, como un aval cara ó futuro. Confiemos en que o devandito forme parte dun plan conservacionista serio, mesmo da configuración desa gran Reserva da Biosfera que tentan promoveren dende diversas instancias: a Cordilleira Cantábrica, que chegaría dende Navarra ata Galicia, idea valorada como posible na reunión de Lugo do pasado Novembro, pró que están previstas diversas xuntanzas de traballo. A gran reserva cantábrica ha ser sentida como unha verdadeira tentación, repito novamente que como garantía de futuro, dese gran espacio da España verde. Haberá que esforzarse seriamente. Non obstante, os traballos da Comisión de investigación do asunto Prestige xustifican certas dúbidas, mesmo o interrogante do título.
No hay comentarios:
Publicar un comentario