O artículo agora pendurado é do pasado ano. En "Muiñada de palabras" faise unha modesta achega a algunhas das palabras que atesouran/atesouraban os vellos muíños, campeós da sustentabilidade. É bo vagar polo diccionario de don Eladio e achegarse tamén a algún muíño ou grupo de muíños restaurados, como os da Barosa, os da Chanca, etc., con posibilidades de convertire esos espacios en museos vivos, como Taramundi fixo cos chamados Mazonovo e Os Teixois. Temos que aprender moito dos asturiáns e confiar na enerxía nacente que conleva cada muíño que traballe, que treine e treine.....Moendo a fariña, xerando palabras. Título do dibuxo informático do autor: "Enerxía nacente".
Muiñada de palabras [19.6.2006],
por Xesús López Fernández
Parecen excesívo-los recheos que están a faceren nos accesos ó parque da Barosa, cuestionados por veciños i ecoloxistas. A protesta está xa no Parlamento galego. O impacto ambiental naquel espacio parece inasumible, tal como alegan os veciños de Maquieira, que ademais din non está aclarado o proceso da expropiación. A intimidade da entrada ó sitio parece literalmente reventada. E alá fomos de visita esta pasada semá pra tomarlle o pulso á parte baixa do lugar, é un decir, que, se en tempos debeu ser núcleo dun importante trafego cereal (a chegada do grao e o retorno da fariña), dende hai algús anos e na parte baixa da singular concentración parecen restaurados dous deles, o primeiro con posibilidades de facer algunha que outra muiñada, demostraciós posibles noutros lugares á marxe dalgún muíño que poida permanecer insólitamente vivo.
Os da parte baixa da Barosa son como testigos calados, memoria de muiñadas pasadas.. Permanece a espectacular fervenza, promesa de muiñadas futuras se se deseña algo semellante ó que os asturiáns fixeron en Taramundi ou nos Oscos, onde hai xentes comprometidas, no Mazonovo, nos Teixois, a permaneceren alí todo o ano. O Mazonovo é un museo etnográfico do muíño ó longo da historia; o dos Teixois pertence a catro familias que aínda hoxe se benefician da electricidade que produce. Tamén é muíño de batán, fariñeiro, e fan demostraciós de forxa. O turismo que alí chega xustifica a permanencia daquelas xentes todo o ano. “Muíño parado non gaña maquía” poderiase decir dos da Barosa, prós que coido existe un proiecto revitalizador que parece vai moi amodiño. Algús son de achego difícil e non se entende ben que non se mellorara ese sendeiro sendo como é todo aquel alarde de construcciós unha auténtica obra de enxeñería. (Por riba da ponte existe unha senda transitable que hai tempo non visito).
O diccionario de Eladio Rodríguez recolle máis de 50 palabras pra denominaren ás distintas partes ou pezas do muíño: canoura, tolva, moega ou muñega, que pola parte baixa deixa cae-lo grao na cangalleira ou canaleta que o leva ó ollo da moa; muiño albeiro é o que moe soamente trigo, mentres que o fariñeiro é o máis común de Galicia, destinado á moenda do cereal que se produce no país. O inferniño ou sarteu é o pozo do muíño, onde xira o rodicio, e o outro día puiden ve-lo xogo de dúas lavandeiras, ou eso creo, de plumaxe verde e amarela, que entraban nese espacio, nun dos muíños da Barosa, preocupadas por poñeren o seu niño en orde. O rodicio dispón de cabazo, ferro, soborella (Constantino García recolle once variantes), bolo e penas, as aspas que o fan xirar. Pero, como dí o refrán “nen muíño sen rodicio, nen home sen oficio”. O das lavandeiras sí que o ten, pero normalmente non traballa, convertido en taberna típica.
Ampliando a clasificación que se dá nos muíños citaremos tamén ós chamados: do concello, que pertence a todo-los veciños; de herdeiros, comunitario; de maquía ou maquieiro; de parcería, pataleiro ou muín quendeiro, que usa toda a vecindade, por turnos; muíño relo ou roulón, de un só rodicio... Que o da Barosa é un recanto pra ben pasa-lo día non hai dúbida, pero antes que pensar en aparcadoiros habería que pensar en rehabilitar con sentidiño aquel conxunto monumental. Agradécese o bosco de ribeira con presencia de carballos e loureiros, freixos e amieiros, castiñeiros. Hai algunha árbore nova. Sobran os eucaliptus que aparecen como telón de fondo máis alá da fraga autóctona. Pero o prioritario é a recuperación dos muíños, lonxe, claro, dos tempos relembrados nos refráns: As que ó muíño van, se son bonitas logo as moerán, Có que ten muíño que coidar, non te poñas a enredar, O muiño treina, treina, a iauga faino treinar, O que pode, vai ó muíño e moe, Con auga pasada non moe o muíño. Dá pena ver cómo o río, na Barosa, no espacio da fervenza (cadoiro, abanqueiro, freixa) pasa sen aproveitamento. Os muíños agardan polo traballo restaurador, costosísimo, que faga posible a recuperación daquel patrimonio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario