miércoles, 24 de octubre de 2007

¿DEBATE OU TERTULIA? [15.05.2002]

Parece como se parte do comercio sintonizara co bloqueo que sofre a cidade, polo menos dedúcese desta vista que quer como dignifica-los mosquerós do Concello, "facelos máis light" que non a auténtica ameaza existente en diversas rúas i espacios. Fotografía do autor. Nota: Mirade as ilustraciós do traballo "A manifestación dos comerciantes".

Pontevedra, 24.10.2007 Introducimos un traballo do ano 2002, que vai novamente de peatonalización e de involución do Centro Histórico pontevedrés. O debate que non foi debate, poderiamos decir, pero os feitos están na memoria de todos e a caída do alcalde Pedrosa, [do que sempre fun crítico pola súa función de valedor de Continente, avisado de que á miña familia lle estaban a levare un mato en Matalobos], trouxo un tempo peor e máis zafio de face-las cousas. E por crítico debo decir que, no debate-tertulia que se comenta foron as súas poucas palabras as de máis sentido e cordura.

¿Debate ou tertulia? [16.5.2002]
por Xesús López Fernández


Ausente de Pontevedra os pasados días, deixo desta volta o tema do Padre Sarmiento, ó que terei de volver ó longo do ano algunha que outra vez. Sei que moitos han retoma-lo esquecemento despois da festa das letras.Sen embargo, coido que o traballo do Consello da Cultura Galega vai máis en serio e que a promesa do seu novo presidente de rescata-la figura de Sarmiento é formal. Veremos. Pero hoxe quero tocar algo que seguramente pasou desapercibido a moitos pontevedreses, o debate acougado --mais ben tertulia demorada— que, hai agora algo máis de dúas semás, mantiveron na TVG, no programa “A Chave”, os señores Mosquera, Pedrosa, Filgueira i Hermida, estos dous últimos como representantes de asociaciós de dubidosa presencia. Asunto: a reforma do Centro Histórico, a peatonalización, etc.
Dada a maioría gubernamental –tres espadas--, non se podía agardar un debate vivo. E así, Pedrosa pouco dixo máis alá de nos lembrar que a financiación do Urban fora xestionada na súa época, e a indicación final de que ó sobardaren coa peatonalización as rúas circundantes do Centro Histórico, poderíase acentua-la involución da zona. I eso foi dito así, a modo de consello dirixido ós outros tres, no remate do debate. Téñase presente que Mosquera falou dende unha certa arrogancia, mesmo ó abeiro de información privilexiada que dixo manexar, e dixo que a zona estaba a remonta-lo seu estancamento, algo no que moitos non creemos. Decir que nun edificio a restaurar están todo-los pisos vendidos e que mesmo hai lista de espera non sirve de consolo ós que non saben cómo vende-la súa morada, porque abandonan. O que xa raiou coa burla foi a súa valoración como logro social do feito dos nenos a xogaren á pelota nas prazas da zona vella, algo que sempre fixeron, se ben de forma máis limitada por termos daquela máis vixiancia e respeto.
Hermida, de Cidade Vella --que hai cousa de dous meses tiña 35 socios— chegou decir: “Nós queremos máis peatonalización”, en alusión á Rúa Real e á praza Valentín García Escudero. Outra proposta desa asociación é a de pactaren con bares e pubs a dignificación da “movida”, se se pode decir así. ¡Qué lonxe daqueles tempos nos que a asociación, máis viva, promoveu a campaña dos crespós negros, preanuncio da peste, porque a zona estaba de loito, morta pola peatonalización e mái-los ruídos! ¡Co fácil que sería promover agora antre os comerciantes un lema como o de “Zona peatonal, ruína total”! Pero na “Cidade Vella” non están por ese labor, mentres que o seu representante na Federación Castelao acaba de denuncia-lo fracaso da participación cidadá por culpa das propias asociaciós. Claro, porque convén así ó sistema i están comenentemente neutralizadas polos seus infiltrados.
E tócalle o turno ó representante da ACZM, Filgueira, que aparecía como desubicado, próximo actualmente a Mosquera, próximo a Pedrosa nun pasado recente, época na que pertencía a Pontevedra Unida, causa principal, antre outras, da caída do alcalde.. Se Filgueira e algún dos seus asociados defenderon sempre a peatonalización, son moitos os comerciantes que se opuxeron á mesma e que poden entendere este proceso como unha traición ó colectivo. Pero faltaron moitos temas, porque non se tocou con fondura a cousa urbanística, nen a perda de valores que está a sofri-lo Centro Histórico, a cidade toda. Nen o tema medioambiental. Despois da “visita” de Rachmaninoff como cerre de temporada da Sociedade Filarmónica, comentabamos algús cómo a deficiente acústica do auditorio secuestrara parte do protagonismo do piano no Concerto n. 3. ¿Por qué un auditorio así e naquel sitio?. ¿Por qué acabaron coas xunqueiras? Ante nós o Pabellón –¡xa puideron pedir unha pirámide!-- e a gran enfesta, presencias case deshonestas naquel espacio, factura cobrada por Pontevedra Unida a Pedrosa.¡É que algús non deberan estar na Política! Así a cidade perdeu o seu entorno. Por non ter debatido. Como agora n´A Chave.

No hay comentarios: