Vista parcial do que as excavaciós van mostrando, no Burgo, do antiguo porto de Pontevedra, de cando o mar era protagonista da vida da cidade. Quérenas deixar á vista como tampón á economía da cidade, cada volta máis morta. Foto do autor.
Pontevedra, 8.10.2007.
Traballo do 2002 que case conecta co tema do artículo desta data, 8.10.2007. Os peligros siguen aí, as sombras non desapareceron, non se gañou en transparencia. E vai haber unha movida de "tramas" presuntamene deshonestas, á par que parece non se está a traballar intelixentemente nun PXOM axustado á Carta de Aalborg. ¿Por qué asinaron a adhesión á mesma os distintos grupos políticos da localidade? En todo caso e desta volta diríase que actualmente están divorciados e que non están a consideraren as necesarias pautas na elaboración da Axenda 21 Local.
Retrato con sombras [1.6.2002],
por Xesús López Fernández
Valoro o discurso de Fernández Lores na inauguración do Simposio internacional sobre socioeconomía, tecnoloxía, patoloxía e sostibilidade do eucalipto. A súa petición do traslado de Ence é algo de libro pra un alcalde que asumeu a Carta de Aalborg [como o resto da corporación local] sobre cidades sostibles. Porque con Ence en Lourizán está claro que non hai tal posibilidade, nen tampouco se pode potenciar un turismo de praia ó xeito coruñés, algo sobre o que me falaba hai poucos días un antiguo edil do PP. “Pontevedra necesita un alcalde ó xeito de Francisco Vázquez”, foron as súas palabras. E curiosamente, o PSOE quere agora exporta-lo modelo coruñés de cidade, mérito fundamental do citado alcalde, hoxe ecoloxista convencido, que sempre marchou un pouco por libre, rexidor de todo-los coruñeses.
No curso do simposio incideuse no tema da papeleira pra diversifica-las aplicaciós do eucalipto, algo pedido dende hai tempo á par que tentan minimizar dende diversos púlpitos o impacto da mesma sobre un medio sensible, definido como tal pola UE. E, nese sentido, parece prosperou a denuncia da Asociación pola Defensa da Ría ó ser recriminada España pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea “por permiti-lo vertido á ría das augas residuales de fábricas como Tafisa ou Ence-Elnosa”. Lembremos que ENCE está onde está mercede a unha concesión do 1958 e que nunca compreu co condicionado daquela establecido, o que supón a súa ilegalidade “ab initio”. A non presencia nos nosos pagos dun superxuez ou ben o incumprimento do aconsellado polo Ministerio da Vivenda no 1973 ó tempo da non aceptación da recalificación do chan de Lourizán-Placeres como industrial, insistindo en que as dúas industrias foran un claro erro do que soamente se poderían derivar problemas prá convivencia e saúde humás, mantén a súa presencia deshonesta, degradando a ría, privándoa de riqueza e potencialidades.
Tamames falou de “vertido cero”, que é precisamente o que hai que esixir agora e cando decidan trasladaren ENCE/ELNOSA. Recuperaríamos Lourizán, praia largacía, o que posibilitaría turismo e calidade de vida, a fin dos sustos ou do peligro do escape masivo de cloro, que aínda está aí sen plan de emerxencia exterior e que pergunto se é posible coa peatonalización salvaxe que nos están a impoñeren. Aí pinchou a ecoloxía do Bloque. E a da oposición, que debería tamén suscribi-la recuperación da lexendaria praia, alén de criterios economicistas en contra da biodiversidade, que favorecen soamente ó sector esponsorizador do simposio. Demasiado lonxe a caducidade do 2.018 da que falou Lores. Estamos por apostar que, daquela, os políticos terán de se pregar novamente ás demandas dos poderes fácticos. ¿Por qué dí o señor Del Álamo que en Lourizán non hai problema ambiental e que a cousa do malcheiro é algo puramente subxetivo? Mellor que non fale.
Só teño a visión sesgada do simposio que ofreceron certos medios, como a conclusión de que mellora-la presencia do “eucaliptus globulus” é unha cuestión de marketting, algo pouco serio. ¿Falouse no simposio das outras setecentas especies de eucalipto? ¡Algunhas sí que xerarían máis riqueza que a que actualmente ten un futuro incerto na nosa terra a pouco que se produza unha epidemia de sentido común! Tamén é estúpido falar de “facer bosco” cando o que se está a facer ás veces é prantar eucaliptus. E sí por teima triunfalista falaron das consultas sobre o simposio dende a “rede”, na propia internet pódense encontrar discursos duros en contra da dita árbore como monocultivo, por exemplo o impacto do seu cultivo en Chile, as xentes mapuches desraigañadas das súas terras, miseria desencadeada no canto dos postos de traballo prometidos (wrm@wrm.org.uy). Aquí coincideu tamén o maior éxodo rural coa repoboación forestal. Pidamos ós políticos un compromiso real coa terra. E co ecoloxismo máis alá do economicismo e dos discursos. Sen sombras, por favor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario