jueves, 11 de octubre de 2007

O renacer da esperanza [21.11.2003]


Cando o mar de Fisterre está convertido nun vasureiro quer decir que Galicia pode ter perdido xa a súa vocación atlántica, como se dí no artículo. Dibuxo informático do autor.

Pontevedra, 11.10.2007

Considero este traballo un clásico que recolle diversas lecciós i ensinanzas. Paul Ricoeur, que daquela estivo en Santiago, dende a altura dos seus 90 anos sentou, na súa intervención, maxisterio con memoria de catástrofes case centenarias. Hai que regresar no tempo, aprender das sociedades rústicas, algo que tamén conta Galeano, testimonios recollidos no artículo repescado.

O renacer da esperanza [21.11.2003],
 
por Xesús López Fernández

Podemos entender que o home, coa crecente materialización que semella non ter cancelas, está cada vez máis só, máis incomunicado. I é máis probe. A esperanza [pra moitos totalmente morta] pode se-lo motor que aínda axude a vivir a certos sectores. O discurso de Paul Ricoeur, filósofo francés de 90 anos, en Santiago, [unha perspectiva persoal case secular pra inventariar catástrofes e miserias, mesmo a derrota da Natureza] deixa aberto un portelo a esa arelanza de ve-las cousas máis recompostas, un reparto máis igualitario non só dos dereitos, senon tamén dos bens que agora non chegan [ou o fan en menor contía] ós máis probes. O filósofo non cae no desacougo doutros pensadores e afirma que a posibilidade dun maior reconocemento pode ser allea ás relacións mercantilizadas; que son precisamente as sociedades menos afectadas polo consumo material as que están máis vivas, menos cargadas de ira. Os regalos, as festas de carácter tradicional que ligan coas raíces das sociedades rústicas poden se-la clave dese maior entendemento.

Cando se cumpreu un ano da catástofe do Prestige, Galicia foi capaz de se poñer de novo en pé e de situar unha embaixada de 150.000 manifestantes na praza do Obradoiro, reveladora desa sensibilidade que aquí existe máis alá da política oficialista ou partidaria, unha sensibilidade certamente nacionalista á procura dunha bandeira que force ó poder a actuar na dirección correcta. A chamada de atención do Defensor del Pueblo [ainda que desestimada pola Xunta] parece moi oportuna. Que o portavoz Pita vira a posibilidade de que en cada familia galega haxa unha ovella negra [ésa foi a súa afirmación], presente ese día no Obradoiro, non lle restou protagonismo ó monstruo negro que apareceu na manifestación e que persoalizaba ó Prestige e á conseguinte marea negra. E a outros intereses e “prestiges”. En certo sentido, a concentración na emblemática praza do xentío e do “monstruo”, case nos achegaron á unha especie de ceremonia colectiva de expulsión do demo, unha actuación tradicional ó mellor na línea do que propón o filósofo francés.

Nalgús pobos primitivos seguen hoxe a celebrar ritos de expulsión dos demos, que embarcan con víveres, mesmo en embarcaciós de vela e co vento de popa. Aquí, o demo Prestige está no fondo mariño. E o “monstruo“ presente no Obradoiro, a súa negritude, ademáis da corporeización do Prestige, puido tamén representa-la persoalización doutras cousas...Veremos qué nos trae o futuro, cómo se recupera a Natureza e qué fai o poder pra que así sexa. A ver se fabrican un discurso máis coherente. E do discurso de Paul Ricoeur pasemos ó de Eduardo Galeano, pronunciado prá Radio “Cumbre de la Tierra” a raíz do Cumio de Johannesburgo. ¿Qué poden espera-los países probes do encontro internacional?, Que non se fíen, foi a resposta de Galeano, porque cada vez hai máis xente sen auga e sen posibilidade de se manter xa que o Norte está a esquilma-lo Sur, os cinco países que ralmente mandan, a destrui-la Natureza. O autor di que é un recurso falaz decir que a Natureza perece por culpa da Humanidade, cando a Humanidade é a gran víctima de que lle cambien a paisaxe e convertan en desertos o que antes eran espacios feraces; que é o falso progreso o que vai abatendo, exterminando, ás comunidades que antes convivían coa Natureza.

Nas declaraciós de Galeano o home chega a afirmar que algunhas comunidades indíxenas chegaron milagrosamente ós nosos días e que delas debemos aprender, porque forman un todo coa Natureza, lonxe da prédica dalgúns grupos ecoloxistas que non entenden ese grado de integración. O home que vive nun bosco primario é o seu primeiro defensor, xa que del vive i está emparentado coas criaturas que nel existen. Todo o que teña pernas ou patas, áas ou raíces, está unido por un vincallo certo que o home urbán, solitario nas modernas urbes, non entende. E teño pra min que as xentes do mar son un pouco como esos pobos primitivos ós que alude o escritor uruguaio. Vivir na beira do mar, vivir do mar, demostran o exercicio da mesma filosofía conservacionista que se dá nos pobos primitivos. Que como consecuencia do afundimento do Prestige [accidente ou algo parecido] teñan conformado o Fisterre galego nun enorme vasureiro, nunha especie de enorme lagoa Estixia, pode acabar coa esperanza de moitas xentes, marca-la ruína de non poucas familias, mesmo cambia-la vocación atlántica da nosa sociedade. I estamos lonxe da solución final, da morte real do monstruo “exorcizado” na praza do Obradoiro o 16 de Novembro. A sociedade debe estar lista prá recuperación do mar, prá loita contra o chapapote de novo si é preciso. Coas mans, coa axuda dos voluntarios.. Pra renova-la esperanza nun mar rexenerado, fonte de vida. Posible.

No hay comentarios: