miércoles, 31 de octubre de 2007

O SAMHAIN [6.11.2006]

Bruxas festivas no Samhain pontevedrés do 2007. Foto do autor.

O calacú quer representa-la presencia dalgunha almiña. Pontevedra, 31.10.2007. Foto do autor.

Pontevedra, 31.10.2007

Hoxe, noite dos calacús ou do Halloween, traio aquí un traballo do ano pasado, O Samhain, sobre a orixe celta da festa explicada por James Frazer.
O Samhain [6.11.2006],
por Xesús López Fernández


Sir James George Frazer describe a Illa de Man como unha das fortezas nas que os costumes e a lingua celta máis resistiron o asedio dos invasores saxóns e que neles tiña o 1º de Novembro a consideración de ano novo, no cómputo anterior á cristianización da festividade. E acostumaban as suas xentes a disfrazárense e cantar na víspera de Tódo-los Santos ou de Samhain (cómputo antiguo), na vella lingua do país, unha especie de panxoliña que di: “Esta noite é a noite do Ano Novo, Hogunnaa”. Na Irlanda acostumábase  acender, nese mesmo día, un “lume novo” e dese lume sagrado reacendíanse tódo-los fogos de Irlanda, costume que sinala directamente ó Samhain (1º de Novembro) como primeiro día do ano, coa idea de que a influencia benfeitora dese lume poida durar doce meses. Contraposta a esa celebración existe outra, a do día-Maio (1º Maio ou Beltane), pero o citado autor supón que no mundo celta o ano arrancaba o día de Samhain, porque tamén procuraban, con prácticas de adiviña, saber do seu futuro, xa que como época de agoiros e presaxios a víspera de Tódo-los Santos sobrepasou con moito á Beltane na imaxinación celta. 

Tempo da retirada do gando ás cortes, tempo das últimas colleitas e na que as árbores van perdendo a folla, no que o ano cede o paso ó frío, era tamén ocasión de reencontro coas almiñas dos difuntos das que se supoñía, non só no mundo celta senón en toda Europa, que regresaban aterecidas ó calor da casa que fora a súa morada, na que se lles facía boa acollida e lle reservaban sitio á mesa. Pero tamén é época na que se supón andan as bruxas a faceren mal, unhas voando polo aire montadas nas súas vasoiras, outras polos camiños a golpearen sobre gatas que, en anoitecendo, transfórmanse en cabalos negros. Tamén andan soltas tóda-las meigas, e trasnos de toda caste vagan ceibes. Pero este fondo de feitizo e meiguice en torno á celebración de Tódo-los Santos propio dos campesiños celtas, foi cedendo nos últimos anos pra se transformar, con novos rasgos pintorescos e ledos pasatempos, en día de festa, mesmo festa rachada de nenos e maiores na versión yanky do Hallowe´en, forma inglesa moderna do All-hallow Even, víspera de Todo o Sagrado. 

Téñase presente que o lume que acompaña ás festas do Samhain e á Beltane é apoucado, domeñado, constreñido incluso ó interior dun calacú ou gran cabazo, como sabemos na nosa terra. Son festas pirofóricas que aparecen datadas sen referencia algunha á posición do Sol no ceo, que non coinciden con nengún dos catro grandes pernos sobre os que xira o ano solar: os equinoccios e os solsticios e tampouco se axustan a momentos de importancia na vida agraria, como a sementeira na primavera e a recolección na arrancada do Outono, pois o 1º de Maio a semente xa hai tempo que foi confiada á terra, e o 1º de Novembro a colleita leva tempo segada i entullada. Pero esas celebraciós, que parecen non afectar ó labrego, poden provir dun tempo no que o pobo celta se dedicaba ó pastoreo, que sacaría ó gando dos cortellos coa herba nova de Maio, pró recoller coa chegada do frío nas vísperas do Samhain. Daí a bisección do ano en dúas mitades. 

Centrándonos no tema do lume digamos que, nalgús pobos, cada familia procuraba te-la súa propia fogata. Cando todo era cinza, coa mesma facían un circo no que cada membro da familia pousaba unha pedra. Se ó día seguinte algunha aparecía cambiada de sitio tirábase o agoiro de que a persoa á que lle correspondía non viviría completo o ano que comezaba. En Irlanda, en Escocia ou Gales, na Illa de Man como na Bretaña francesa, existía unha competencia viva coas fogatas, todas de carácter ritual, acompañadas das ceremonias precisas pra afuxentaren a meigas e bruxas. E como remate, afirmar que o Samhain pagán non é malvado; é un tempo pra reafirmármonos na creeencia na unidade de tódo-los espíritos (almas de vivos e mortos) i en que a morte non marca a fin da nosa existencia.

No hay comentarios: