miércoles, 31 de octubre de 2007

A CUESTIÓN DEMOGRÁFICA [14.4.2000]

Vista parcial da fachada da catedral de Mondoñedo, unha das cidades galegas vencidas pola involución.
A xente entra na catedral de Mondoñedo pra comprire co xubileo de San Rosendo, persoaxe clave na historia de Galicia, da terra que agora vai esmorecendo. O propio Mondoñedo perdeu moito do pulo doutros tempos. Fotografías do autor.
-
Pontevedra, 31.10.2007

A cuestión demográfica é outro dos meus traballos do ano 2000, polo que ando agora a revisar. Coido que nel están estudiáda-las claves da perda de valores na nosa sociedade, cada vez máis lonxe desa sustentabilidade da que tanto falan os nosos mandaríns. Mortas, cada vez máis mortas as nosas aldeas, morta a familia, desarraigada a xente do campo, todo vai celéricamente a peor.
-
A CUESTIÓN DEMOGRÁFICA (14.4.2000)

por Xesús López Fernández
-Digamos antes de nada catro cousas sobre a evolución da familia ó longo dos tempos. Recollemos a idea de diversos antropólogos de que a “familia nuclear” era algo real no albor da Humanidade, naquela sociedade de cazadores-recolectores. As familias constituídas se irían integrando en tribus pra se daren apoio mutuo, talvez porque o home é, xenéticamente, un animal social. Nese marco iríase conformando a “familia extendida”, na que convivirían tres ou catro xeneracións nun marco de economía de subsistencia: a vivenda e as terras do entorno como lugar de traballo e de ensinanza, relicario de tradición oral, incluso lugar de ocio. Economía agrícola e gandeira.
-As cousas cambiarían co advenimento da sociedade industrial e o conseguinte éxodo do rural cara ó cinturón industrial das cidades. A muller irase integrando tamén no traballo. Morre a familia extendida. E o retorno á familia nuclear vai perdendo peso como consecuencia das políticas contraceptivas postas en marcha e da promoción do sexo como unha fin en sí mesma antes que como cuestión xenética, como garantía da permanencia da especie. A divorcialidade e unha maior independencia económica da muller, cada vez máis integrada no mundo laboral, sustraen a ésta do seu rol de nais. Consecuentemente, cada vez hai menos nenos, cada vez é maior o segmento dos maiores de 65 anos e moitas aldeas se van quedando sen xentes, sen futuro.
-
Galicia téno moi difícil neste momento. E os partidos acaban de dá-la voz de alarma, piden un plan pra frea-lo decenso demográfico; propoñen incluso que se triplique o número de inmigrantes, pero...¿estamos a falar en serio?. ¿Non vai haber outro recurso? Porque entendo que non se debe frivolizar co tema da inmigración e que pode haber outras alternativas pra acadar unha resposta demográfica positiva, conseguir que a muller opte por ter fillos, situación moitas veces incompatible co seu traballo. Ou consecuencia tamén do cambio de clave cultural e abandono de valores relixiosos. Total, que a tasa de fecundidade, en Galicia, é a menor de Europa.
-Non sei se a “sociedade postindustrial”, a “sociedade da información”, pode obxetivar un cambio de tendencia. O teletraballo aparece como abano de posibilidades xa que a muller –e o home— poderían en moitos casos permanecer na casa, posibilitar unha restauración da “familia nuclear”. E caberían tamén unha serie de axudas de tipo social: subvenciona-la maternidade con magnanimidade pra que as mulleres opten por esa función; a supresión do imposto sucesorio, inmoral de raíz. E cambios na política de educación, de promoción de tele-vasura, causa de tantos males ademáis da falta de diálogo familiar.
-Pero parece que Galicia tamén está necesitada dun retorno ó campo, dunha nova humanización da súa terra. I eso demanda infraestructuras eficaces, feitas con intelixencia, e novas políticas agrarias. Non se pode seguir penalizando a producción de leite e gando. ¿Por qué non se reforesta o xusto e se expulsa ó exército invasor dos eucaliptus, tamén inmigrantes, que contribuíron a acabar con tantas aldeas? (Rebélome contra a política forestal ó servicio de intereses bastardos que se ten levado a cabo dende os anos cincoenta e que, por algo será, foi máis impulsora de emigración e desertización que doutra cousa). E teño referencias de que, cando nos nosos montes pastaba a avenza –ovellas e cabras--, algunhas familias tiñan fatos de ata duascentas cabezas. ¿Non pode volver aquela situación?. Aí, nos nosos montes e campos, existe un viveiro de postos de traballo. De traballo digno a pouco que se melloren as moradas das familias que opten polo cambio. Ben comunicadas e sen renunciaren ó teletraballo, a un lugar na “sociedade da información”. xesuslopez@terra.es 14.4.2000

No hay comentarios: