sábado, 27 de octubre de 2007

PATRIMONIO EXPOLIADO [10.10.1998]

A lebre mírase no espello da laxe, no petroglifo. ¡Cántas insculturas e mámoas non terán sido arrasadas por pedreiros e contratistas sen escrúpulos! Dibuxo informático do autor.

Pontevedra, 27.10.2007

Outro traballo vello, do ano 1998, en relación coa agresión sofrida polos Penedos de Pasarela, xa daquela, e a denuncia encabezada por Manolo Rivas e outras xentes do mundo da Cultura. Non sei cómo siguen as cousas, porque a cobiza das pedreiras e graniteiras, mesmo a cobiza dos seus cómplices agochados na Política e que non parece teñan vontade pra evita-lo arraso do noso litoral, ha seguir pendente do momento que máis lle conveña pra seguir acabando co país. Agora hai novos peligros en Pontevedra que queren apantallar co Plan, á marxe do equipo redactor.

PATRIMONIO EXPOLIADO (10.10.98),
por Xesús López Fernández

Manolo Rivas publicou, hai uns días, un traballo polo que denunciaba a desfeita que escomezaba no entorno dos Penedos de Pasarela (Vimianzo). A súa denuncia, oportuna, acaba de ser suscrita, igualmente, por un colectivo de corenta homes do noso mundo literario e artístico: García Sabell, Fernández del Riego, Díaz Pardo, o propio Rivas antre eles. No seu traballo, Rivas incluía unha postdata pola que decía que a consellería de Industria paralizara xa a actividade denunciada e que se dispoñía a cancela-la licencia existente. Parece entendida a urxencia da salvación.

Da cobiza das areeiras e graniteiras diríase que non ten límites, xa que están a desfaceren, en plan analfabeto, moitos dos nosos montes, moitas paraxes entrañables. Eso, que parece increíble, acontece decote. E temos, no noso entorno, exemplos prós que nos faltan dedos, porque en cada nova paseata descóbrense canteiras que, co andar do tempo, acabarán por se come-lo monte, aniquilando acuíferos, alterando microclimas, convertindo en ventosas zonas antes abrigadas. ¡Cántos montes non levan desaparecido!. E un pensa na actividade restauradora que queda por dediante, no moitísimo compost que precisamos e que os míopes din que non vai haber onde colocar.

En certas ocasiós ten sido noticia o achádego arqueolóxico anunciado por algún contratista respetuoso ou por axentes de extensión agraria: citanias, mámoas, petroglifos. Mais,......¿cánto non se terá destruído, cántas pedras sagradas non terán desaparecido, de présa, antes de que se producira a posible orde de paralización?...Cuevillas deixounos, antre outras, unha peza preciosa, “Noite na citania”, da que son protagonistas os espíritos de dous vellos guerreiros, Clutamo e Lovesio, que facían a súa centinela milenaria acochados en dous penedos dun monte que “agora chaman o monte das casarellas”. Os espíritos alértanse e acéndense porque a eles chegou, dende o camiño, o “berro de guerra e morte”, un aturuxo que fendeu a noite e, de paso, convocou ós vellos loitadores.

Non sei cántos espíritos terán desaparecido de espacios profanados. A dinamita, as barrenas, as máquinas que todo moven ou desfán, seguen o seu traballo implacable. E lémbrome de Clutamo e Lovesio cada vez que vou cara a Tui e reparo na paisaxe do Porriño, máis aluarada que hai un mes, como se fora un deserto en formación, xestionado, moi xestionado. En fín, que parecen contádo-los días que lle poidan quedar ós Clutamos e Lovesios vixiantes dos nosos penedos. Deles non han facer caso, aínda que se materialicen e avisen das mil e unha desfeitas que se están a facer do noso patrimonio. Agora, ante o chamamento feito polos representantes da nosa cultura, tócalle actuar á Xunta. Que consideren, se acaso, a falta dunha signatura --tal vez a máis importante de todas-- nesa especie de comité de salvación implícito ó comunicado: a de don Eduardo Pondal, poeta da Costa da Morte, poeta dos Penedos de Pasarela. “.....cando vos vexo ó pasar, sospiro de amor por ela...”. Que regrese Pondal. E Clutamo e Lovesio. Todo é posible se o noso espírito acolle e defende a súa herencia. Estou seguro que sí.

No hay comentarios: