domingo, 14 de octubre de 2007

A CARTA DE AALBORG [16.6.2000]

O fondo da ría era abundante en sardiñas. Este dibuxo informático, como outros que irán aparecendo do autor, quer mostrar un pasado de fartura, agora imposible pola incompetencia dos políticos, pola súa incapacidade pra se poñeren a traballar sobre a Axenda 21 na recuperación do capital natural.

Pontevedra, 14.10.2007

Recuperación dun vello traballo que conecta coa actualidade. A Axenda 21, da que se fala nel, é algo necesario como instrumento cando se vai poñer en marcha o PXOM de Pontevedra, agora en exposición previa. Existe, non-obstante información contradictoria, como si a adhesión á Carta de Aalborg non fose no seu día outra cousa que unha coña do equipo de goberno. Van xa moitas mensaxes que os mostran como incapaces de promove-la recuperación do capital natural, ademais de seguir co seu urbanismo que tira a neandertal, destroíndo así a economía da cidade e o seu capital social. Cando se lle acaba de outorga-lo Premio Nóbel a Al Gore, confío en que ha crece-lo sentimento de que os cidadáns teremos que xogar forte pra que no-no la metan doblada de novo.


A CARTA DE AALBORG [16.6.2000]
por Xesús López Fernández


No Cumio Medioambiental de Rio Janeiro, ano 1992, propúxose por primeira vez o concepto de desenvolvemento sostible, máis como intención que como término con sentido pleno. Os paises representados naquel Cumio, uns 170, comprometéronse coa idea e coa súa concreción nas chamadas Axendas 21, dacordo co Programa daquela establecido polas Naciós Unidas; pero non se compriron os prazos xa que o cobizoso Programa 21 cara un desenvolvemento sostible i ecoevolutivo do planeta tiña que estar listo antes do 1996. Sen embargo, a idea arranca i estase a falar, sí, da Carta das cidades europeas cara a sostibilidade, da Carta de Aalborg, e foi noticia reiterada a de que, na nosa terra, avincalláranse coa mesma os concellos da Coruña, Santiago e Pontevedra. É decir, en Galicia, de momento, non existen propósitos claros de desenvolvemento sostible, de mante-lo “capital verde”. Parece que a Xunta está a preparar unha Axenda 21 de ámbito rexional e local, o que facilitaría ás cidades a redacción da súa propia Axenda. 

Aalborg –cidade danesa con máis de 25.000 páxinas web de referencia en Internet— foi o marco escollido prá Conferencia Europea sobre Cidades Sostibles, celebrada no mes de maio do 1994, do día 24 ó 27, baixo o patrocinio conxunto da Comisión Europea e da Cidade de Aalborg e organizada polo Consello Internacional pra Iniciativas de tipo Ambiental (ICLEI). A responsabilidade de elabora-lo borrador da Carta foi tomada polo ICLEI e compartida polo Ministerio do Desenvolvemento Urbán e Transporte do Estado Federal de Renania do Norte-Westfalia (Alemania). A carta recolle as ideas de máis de 600 participantes nos 36 obradoiros da Conferencia de Aalborg. Moitos dos seus comentos e ideas foron integrados no texto final, se ben o Grupo Editorial estimou que certas ideas eran merecentes dunha consideración máis profunda que a de simplemente seren incluídas como tema a editar. Propúxose unha revisión fonda das enmendas, pra as reconsideraren no marco da Segunda Conferencia Europea sobre Cidades Sostibles, en Lisboa, setembro do 1996.
A Carta está dividida en tres partes. A primeira é a “ Declaración de consenso: as cidades europeas cara a sostibilidade”. A segunda refírese á “Campaña de cidades europeas sostibles”. A terceira é a “Participación das iniciativas de carácter local do Programa 21: plans de acción local a favor da sostibilidade”; abrangue tamén outras cuestiós, a última “O Plan de actuación Lisboa: da Carta á acción”. E neso estamos. Hai mostras evidentes de que se está a crear unha solidariedade certa antre diversas cidades, rexiós, e a sociedade en xeral, porque nadie pode situarse xa fora da nova dinámica. E resulta gratificante ver que Soria é a primeira rexión do mundo que planifica un desenvolvemento ecolóxico e sostible; 104 dos 183 pobos da provincia comprométense a segui-los principios de orde medioambiental da ONU. A ver cómo se instala antre nós o debate, qué se fai por restaura-lo capital natural nun entorno agredido como o pontevedrés.

A Carta sistematiza cuestiós como: nociós i estratexias cara a sostibilidade, a mesma como proceso creativo local en busca do equilibrio, información aberta, a economía urbá cara a sostibilidade, xusticia social pra urbansostibilidade, unha ocupación do chan sostible, movilidade urbá sostible, prevención da intoxicación dos ecosistemas, a autoxestión a nivel local como condición necesaria, etc...En definitiva, todo xira en torno ó desenvolvemento ecoevolutivo porque ou se respeta a natureza ou non hai crecemento. A Carta insiste na necesidade de conservar ou de restaura-lo capital natural, cuestión ésta moi importe, tanto como a do “capital social” que dí Fukuyama, claramente encastañadas. Lástima que no noso concello non se celebrara o debate do estado do municipio, porque había temas dabondo: cidade sitiada, en regresión, pasmada, ecolóxicamente agredida. E a oposición política sen ideas.

1 comentario:

o blog de xesús lópez dijo...

En Pontevedra, a Carta de Aalborg foi traicionada. No seu día, sí, o Bloque propuxo a súa sinatura, como se realmente fosen ecoloxistas, e os outros partidos tamén, "como se fosen ecolositas", deron por boa a idea. Tóda-las forzas presentes no Concello asinaron, pero logo viñeron as burlas, novas agresiós ó río-ría, e a teima en convertiren en solar as marismas de Lourizán. Traidores.