miércoles, 7 de noviembre de 2007

ALGO SE ESTÁ A MOVER [29.10.2000]

Outro fondo mariño virtual, talvez doutros mares. Fantasía informática de Xesús López.

Da serie "bancos de peixes", do autor. Recreación virtual do que foi o fondo da ría de Pontevedra.

Pontevedra, 7.11.2007 Outro traballo do 2000 no que se fai referencia a un anterior, "A hora de Tafisa", xa incluído no blog. Desgraciadamente, anque Tafisa xa non é problema, sí o é o feito do pelotazo urbanístico aí planificado. Por outra banda, no tema medioambiental temos un goberno menor de edade e, polo que se ve, Europa, máis alá de certos xestos, pasa de nós.


ALGO SE ESTÁ A MOVER [29.10.2000]
por Xesús López Fernández


No meu traballo anterior, “A hora de Tafisa”, facía referencia á importancia da entrada en escea do Servicio de Potección da Natureza, o Seprona. Un paso importante nun asunto podrido que --os pontevedreses todos e os veciños do barrio da Seca-- levamos aguantando máis de corenta anos. Non se entende que naquel barrio non fosen máis críticos ata que, agora sí, parece que co establecemento alí de novas xentes, coa construcción de chalés e casas de campo, se producen as pertinentes denuncias. ¿Cómo unha persoa pode consentir que lle enchan a súa casa nova, despois de hipoteca-la súa vida laboral, de serrín antre outras cousas? Xa digo, xentes que chegan con outro chip, que non tragaron a boliña, poden estar a posibilitaren a desaparición dalí dunha industria consentida dende unha estructura caciquil e antidemocrática. Que agora se produza a nova de que tamén a Policía Autonómica informou dun vertido contaminante é algo que nos congratula, con reservas.


Consecuentemente, a Consellería de Medio Ambiente pasou ó Concello a correspondente información, xa que é competencia municipal a de adoptaren medidas ó respecto. A ver, pois, se temos un equipo de goberno progresista, se realmente se acabou o tempo do chalaneo, algo que non creo, aínda que o equipo de goberno está a falar dende hai tempo de sanea-lo río. ¿Cómo se pode facer tal cousa si se manteñen as industrias de enclave colonial, de vertedeiro, que acabaron coa nosa felicidade, co río, coa ría, coas praias urbás?. E inda neste momento se intenta amagar co posible traslado da factoría a Barro, á Lama, a Portas, onde lle están a ofreceren terreos. ¿Sería coa mesma tecnoloxía contaminante?. Convén que teñan presente que non se pode ceder en materia medioambiental e que a Unión Europea está a denuncia-la falta de rigor por parte das autoridades do noso país, ó pasaren das normas comunitarias, según noticia aparecida na prensa do 27 de outubro.


Algo hai, sen embargo, neste asunto, que non casa. ¿Por qué a Unión Europea, Bruselas, contestou a Asociación pola Defensa da Ría no sentido de que nen Tafisa nen ENCE –nen o Concello— estaban a contaminar nestos momentos? Mentira, naturalmente, en base á información que Europa obtería de quen se supón. Agora teñen tanto a dita Asociación como o Concello novas xustificaciós pra se dirixiren ás autoridades da UE e ver de aclara-las cousas. Pero, ¿qué está realmente a pasar?. ¿Podemos pensar nunha escalada da policía medioambiental, nunha defensa das nosas augas e da nosa atmósfera? ¿Podemos pensar que, despois de lle bota-lo peche a Tafisa virá a hora de Celulosas? Parece un tanto inxenuo tirar estas conclusiós porque a pirámide caciquil e a falta de honradez en materia ambiental están aquí moi enraigañadas, e ó mellor, detrás de todo esto, non existe máis que unha operación de recalificación de chan. A especulación inmobiliaria ou algunha gran superficie poden estar a axexar e move-los fíos. ¡Quén sabe!.


Á marxe do dito coido existe un encrespamento crecente da sociedade civil por múltiples factores, ora de tipo local, ora de carácter globalizador. E nese saco --peaxe, Mercado, estado de obras, os chalaneos de Fomento e Patrimonio, petróleo, IPC pra homildes, presión fiscal— pode entra-lo asunto da contaminación pontevedresa, Lourizán ocupado como Xibraltar, Tafisa a se burlar dende o seu establecemento mercede ós apoios políticos que habería que sancionar. Pero tal parece que nesta democracia nacente e con restos da placenta do réxime que se continúa, un goberno local, unha consellería, teñen menos capacidade de acción, menos mando que un policía metropolitano de Nova York. Nada, que as empresas son as que mandan neste triste país. E contra eso, repito, a sociedade civil debe activa-las súas potencialidades, demostra-la súa forza. Como en Seattle, como en Praga ou en Belgrado, como en Zaragoza, a nosa forza debe facerse ver, oir e sentir. Acabar coas inercias.

No hay comentarios: