viernes, 9 de noviembre de 2007

NO CAMBIO DE MILENIO [29.12.2000]

A última árbore atesoura unha presada de sementes coa idea de reconquista-la Terra. O home xa non está. Desapareceu como estorbo. Fantasía informática de Xesús López.
Pontevedra, 9.11.2007

Como quen dí, parece que levamos andados xa máis anos do século XXI. Hoxe penduro no blog un traballo sobre o cambio de milenio, algo moi relativo. No artículo xa estaba presente a mensaxe de Al Gore, ou o recado de que, dentro da relatividade cósmica, os dinosaurios acaban de desaparecer i estamos xa nos últimos tempos, factores da nosa propia desfeita, asesinos do planeta.

NO CAMBIO DE MILENIO [29.12.2000]
por Xesús López Fernández

Agora sí que finda o século, prodúcese o cambio de vía i entramos no terceiro milenio o 1 de xaneiro. Fíxósenos longo este 2000, bisiesto e siniestro, que moitos celebraron xa como primeiro do terceiro milenio. Mais é unha cuestión de simple aritmética, porque na cronoloxía cristiá que Dionisio o Exiguo elabora por mandado do papa Xohán I –século VI-- pártese do feito de situa-lo nadal de Xesús o 25 de decembro do ano 753 a.u.c. –ab urbe condita— a contar dende a fundación de Roma. O día da circuncisión do Señor, un de xaneiro do 754 a.u.c. principia a era cristiá. O un de xaneiro era igualmente o día do ano novo no calendario román. A decisión de Dionisio, tendo en conta a información de que dispuña estímase correcta, aínda que resultara despois fonte de interminables debates, como tamén o feito de ignorar que Herodes morreu o ano 4 antes da nosa era. E si Herodes estaba no poder no momento de Xesús nacer, ¿cómo casa-las cousas?.

Hai uns días lle recordaba algunha destas cuestións a unha parella de testigos de Xehová, que estaban a levar a cabo unha campaña informativa, porque ía comezar, según eles, o gran sabbat, o día no que Xesús descansou, o milenio do seu regreso triunfante, que eles agardan con fe profunda despois de ter revisado a súa doutrina, porque o fundador da secta, Charles Taze Russell, anunciara xa a fin dos tempos pró 1914. E sempre houbo profetas do último día, como o anabaptista Thomás Müntzer que, no 1525, estaba convencido de vivir no tempo derradeiro, ou William Miller, adventista, que --xunto a cen mil dos seus acólitos-- agardaba a fin do mundo o 21 de marzo do 1843 ou 1844. Despois cambiaría de data. Pero os milenaristas aí siguen i, en certo sentido e sen matiz apocalíptico, milenaristas son os que celebraron o ano 2000 como enceto do terceiro milenio, ó non se sustraeren á circunstancia de que co cambio de ano se modificaban as catro cifras 1999/2000. Sempre máis redonda que non 2001, onde cambiamos soamente unha cifra.

Porque sempre exerceu unha certa maxia a cuestión dos dous ceros. Son moitos os que contan como comezo de século ese 00. E hai antecedentes históricos, como a discusión producida no cambio do XVII ó XVIII. Stephen Jay Gould –do que nos estamos a informar ó longo deste traballo-- di que, naquela época, “o xuez Samuel Sewall, de Boston, contratou a catro tompetistas pra que anunciaran a entrada do novo século na ialba do 1 de xaneiro do 1701 e non no 1700”. Ó longo de todo o século internacionalízase o debate, e faise evidente a distinta concepción existente antre a cultura da elite e a popular. Gould tamén cita que o emperador Guillermo II e Sigmund Freud compartían a preferencia polo 1900. Non obstante, foi o 1901 o que marcou a arrancada secular. I esa fenda que existía antre as dúas formas de conta-lo tempo, constante na civilización europea, semella ter amolecido na fin do século XX. No enceto do 2000 moitos acolleron xa o novo milenio. Agora son lexión os que afirman que aínda principia o 1 de xaneiro. Aquí no-lo anuncian con sons de Cuba no canto dos trompetistas de Boston.

En fin, non sabemos se o 2001 vai ser un ano no que fagamos un verdadeiro balance pra mellora-la saúde do planeta, de facer noso o leigado de Al Gore, “A Terra en xogo”. Fracasamos na conservación do medio ambiente e non queremos asumir culpas. E por aí pode vi-la nosa fin, acabados de chegar. Relativicemos no sentido de considera-lo 2000 como un ano cósmico. Situado o Big-Ban no un de xaneiro, en novembro teríamos ós dinosaurios; o home aparecería nos últimos minutos do mes de Nadal, e xa estamos agotando o capital, especie de suicidio ambientalista. Coa mesma vara de medir Lèvy-Strauss situaría a “nada”, a desaparición de todo, no próximo abril. Daquela, os seres que habiten a Terra terán que cambiarse de sol se queren seguir vivindo. Tempo corto aínda que falemos de miles de millós de anos.

No hay comentarios: