martes, 6 de noviembre de 2007

A SEGUIR ESPERANDO [10.03.2000]

Ainda que no traballo do ano 2000 nos referimos ás elecciós xerales naquel marzo celebradas, desta volta, ano 2007, presento estos dous iconos da política local pontevedresa de cartón pedra, que está tamén encastañada en extrañas directrices. A bullanga, a polìtica de cartón pedra é o que lle vai a estos gobernicas. A primeira das fotografías mostra parte dunha exposición do comercio local, do subvencionado. A outra foto corresponde ó aspecto amable da Feira Franca, especie de dragón-mascarón de proa que oculta outras miserias. ¡E pensar que o xardín onde o griffón está pousado pode desaparecer asumido por unha gran praza de dubidoso gusto, de querencia, din algús, fascista!.
Os comerciantes tamén saber poñer mosquerós.

Pontevedra, 8.11.2007

Artículo do 2000, previo ás elecciós de marzo. Parece que a sociedade ten que seguir agardando e que non somos capaces de nos sacodi-lo sistema que marca as pautas, as formas de goberno deshumanizadas. Así, a sociedade está como secuestrada, o país, pola falta de transparencia existente, pola maior presión fiscal conforme o tempo avanza e se acaba pra moitos, parece non abrirse un turno prá esperanza. Polo menos neste país.

A SEGUIR ESPERANDO [10.03.2000],

por Xesús López Fernández


Cando se publique este traballo conocerase o resultado das elecciós, saberase se as enquisas premonitorias se achegaron máis ou menos ós resultados saídos da votación. Cando aínda non sei por quén votar descobro que non todo se limita ó PP, PSOE e BNG –Beenegué— e que, mesmo no ámbito nacionalista, hai outras opciós que, coido, tampouco desta van despegar, porque pra eso hai que contar con equipo, con cartos e con programa. ¿Qué foi da Coalición Galega que, por certo, aínda conserva as siglas? Triste destino arestora da que podería ser hoxe, talvez, a primeira forza política de Galicia; mais é que a coalición non naceu como un auténtico partido senón como unha suma de intereses, de estructura caciquil, e si de algo sirveu foi pra demostrar que a sociedade galega estaba á espreita do que aquelo semellaba representar: unha agrupación nacionalista popular. I era mentira.

Mirei antre os discursos se había algún humanizado, que falase da supresión do imposto sucesorio, o gran verdugo das familias, o que descubro nun foro de debate en Internet, que comparto plenamente. Son as pequenas satisfacciós que nos dá a Rede, ver cómo se argumenta sobre a fiscalidade do que se dou en chamar “máquinas recaudatorias”, xa comentado no meu traballo anterior. En efecto, ¿qué fiscalidade non ten que soportar un coche ó longo da súa corta vida? E non resulta raro que, vía coste, gasolina/gasóleo, seguro, revisiós, reparaciós, ITV, peaxes, máis IVE ou con IVE incluído, se cotice máis que polo I.R.P.F., aínda sendo instrumento de traballo. I, en falando do tema da vivenda, algún ponente anuncia na Rede a gran depresión en marcha ó se cruza-las novas construcciós coa baixa natalidade. IBI e tasas. O imposto sucesorio, integrado na factura do tanatorio. É unha idea.

Se insisto en Internet como foro de encontro é porque aí temos unha posibilidade os que nos consideramos críticos co “sistema”. Non se trata de deixarse queimar pola Rede, de caer no que chaman a “virtual addiction”, unha nova sicopatía. En Internet hai que ser moi selectivo porque non se pode dixeri-la información que se produce a cachón, cada día centos de novedades. E hai que escolle-los contidos máis alá da intención das empresas da Rede, ás que pode que non lles interese outra cousa que vender comunicación antes que contidos, impoñe-la súa tiranía como xa denunciou Ramonet. Pero podemos ver Internet como una esperanza porque está nacendo unha ciberconciencia que pode ser base dunha solidariedade certa. Teleestudio, teletraballo, formación contínua e tamén, cómo non, votación por ese medio.

Se Internet pode se-la tiranía, as elecciós sóno igualmente mentres manteñan as listas choídas, nas que tamén caben os mediocres. E o cidadán debe escoller nominalmente os candidatos ós que se lles poida supoñer intelixencia, formación e honestidade --persoal ou á hora de levar ó Parlamento as cuestiós da demarcación que lles dou o voto--. Coido necesario o cambio de sistema. Propoño que na Rede se debatan estas cuestiós dende foros independentes. Dende aí irase construíndo unha verdadeira democracia. Xa se está producindo un cambio profundo nas estructuras do poder e a Rede non é allea. Fagamos crítica das políticas inxustas, porque a sociedade está case secuestrada. Internet pode té-la chave político-fiscal. Esperemos.

No hay comentarios: