lunes, 19 de noviembre de 2007

O BERRO ECOLOXISTA [14.10.2000]

Un dos iconos que veño usando en diversos traballos de ecoloxía, en relación co tema ENCE. Dibuxo de Xesús López. Pontevedra, 19.11.2000

Curiosamente, este traballo que agora penduramos no blog fala dos traballos do Fiscal que levou a acusación contra Ence. Pero a conciencia que daquela existía está hoxe perdida, a causa do fraude que representou a negociación pra descafeina-la sentencia, asunto tratado no traballo aparecido na prensa d´hoxe titulado "O antes e o despois". Triste papel o da Asociación pola Defensa da Ría dende o momento no que perdeu a súa independencia.

O BERRO ECOLOXISTA [14.10.2000],


 por Xesús López Fernández 

Tense dito que os ecoloxistas eran os do “non” a toda forma de progreso, cando realmente nunca foi así. O ecoloxismo é algo necesario e, sen política que mereza ese adxetivo, o medio ambiente deteriórase máis e máis. Eso é o que pasa na ría de Pontevedra, onde a agresión foi consentida primeiro polo partido único, despois polas outras forzas, que parece aínda non entenderon que ENCE foi, aquí, a suprema realización franquista. Defendela supón non estar en democracia i esta afirmación vale pra todos, sobre todo cando se lle negan datos ó propio Fiscal Xefe da Audiencia de Pontevedra, que por tres veces leva reclamado ó Instituto Toxicolóxico de Madrid uns informes que quere incluir no sumario que, por delito ecolóxico continuado, ten aberto ó complexo, ata ó punto de pensar en cerralo sen a información solicitada. Pensamos que o que nega información é que algo oculta e que en case tóda-las familias pontevedresas temos unha clara conciencia da relación causa-efecto antre o asentamento do Averno en Lourizán e a cantidade de casos de asma producidos no entorno familiar, que converteron a Pontevedra na Meca dos alergólogos. 

O momento político pra erradicar daí o complexo pode ser éste, cun 78 por cen da poboación en contra da súa permanencia, e Guillermo Vázquez disponse a solicita-lo traslado do complexo no Parlamento. Desconozo cómo van ser esas peticións, pero entendo que van ser un tanto descafeinadas, non exentas de travestismo, cando aquí non queda outra voz que a da sociedade civil que hai que poñer a andar como en Seattle, como en Praga, como en Zaragoza, e outro 5-J pode estar a se perfilar pra un futuro inmediato. Aquí, pola presencia do complexo de Lourizán, configurouse un área de saúde deprimida; aquí acabouse coa posibilidade dunha espléndida praia urbá porque non temos autoestima nen reparamos na riqueza que Riazor ou Orzán, na Coruña, ou a Concha-Compostela, en Vilagarcía, ou Silgar en Sanxenxo, representan. ¿Por qué os nosos políticos non mostran a decisión de recuperar e rexenerar Lourizán? Esa é unha cuestión a demandar urxentemente. E os que non teñan memoria recente poden darse unha volta por unha copistería de Pontevedra –Calco, en Riestra--, onde apreciarán o que era ese areal, xa cerrado pola autovía en construcción. Pero, en fín, vale pra se decatar do que aquelo representaba.

Se a aceptación do asentamento industrial foi cousa do franquismo, a súa perpetuación supón manter aquí un réxime colonial e que aínda non chegaron ó concello os políticos liberadores. É máis, a desecación das Xunqueiras, que servían pra apaña-la situación, foi unha actuación postfranquista, cando se descobreu que cos vertidos de Celulosas e Tafisa aquel espacio rexenerador estaba a podrecer. Por eso o “non” dos ecoloxistas a tanta contaminación, colonización, deterioro da saúde, ó esquecemento das leis e regulamentos, é algo que pode facer masa crítica en breve, porque os cidadáns saben que houbo e hai culpables sobre os que a lei debe caer con rigor. ¿Cántos rapaces e rapazas non se terán ido como consecuencia dalgunha crisis asmatiforme derivada da contaminación? ¿Qué explicación se lle pode dar ós paralíticos cerebrales tendo en conta que en Minamatta, Xapón, foi o mercurio o causante de desgracias semellantes? ¿Investigouse eso en profundidade? ¿Qué podemos supoñer cando se lle nega ó señor Fiscal a información que presuntamente teñen os franceses?

O ¡NON! da ilustración tenta ser desgarrador, o non dos homildes cuias mans se levantan agora en forma dese 78 por cen que aposta pola saúde e porque se leven o complexo a outros lares e con novas tecnoloxías. Queremos salva-la riqueza da ría, purifica-la nosa atmósfera, e recuperar Lourizán como praia urbá. Porque van alá corenta anos sen democracia, sen Estado de Dereito, de irresponsabilidade política, pura traición. Menos travestismo e máis honradez.

No hay comentarios: