miércoles, 21 de noviembre de 2007

VOLALLAS AMBIENTALISTAS [11.11.2000]

No artículo fálase do emisario, así concebido prás ilustraciós deste blog. Autor, Xesús López.

Nota de palabras: abaritán, o que falta á promesa establecida nalgún contrato, excomulgado; solerme, lento, que vai amodiño; volalla, bolboreta, avelaíña; sámara, semente de arce; encoro, embalse; abascallamento, asoballamento; asolagamento, somergullamento, alagamento, cobrir coa auga, afundir.


Pontevedra, 21.11.2007

Nos medios d´hoxe hai avisos de peligro: que o Ministerio de Medio Ambiente podería estar disposto a autoriza-la presencia de Ence ata o 2048; que a Consellería de Medio Ambiente de Galicia non sabe nada do traslado de Ence a As Pontes, tal como se tiña comentado tempo atrás. Nada. que seguimos coas volallas ambientalistas, cos foguetes, coas falsas promesas. O artículo mantén a súa vixencia, non envelleceu a pesar de que van alá sete anos. O poder permanece sen alma. Vendido. Parece como se Cuíña e Lores estivesen no mesmo barco: o dos mentireiros.

VOLALLAS AMBIENTALISTAS [11.11.2000]

por Xesús López Fernández

Certo amigo falaría mais ben de foguetes ambientalistas, ou de pataqueiradas, de palabras que leva o vento...En fin, quédome con volallas –bolboretas--, que tamén as leva o vento --como fai coas sámaras agora no outono--, en relación cos discursos últimamente habidos, que xogan coa perda da memoria ou co aparcamento do Estado de Dereito. Un deses discursos sería o de Cuíña sobre o famoso pacto medioambiental, e hai que leer ben a frase de que “a administración autonómica vai tentar chegar ó saneamento integral, ó 100 por cen no 2006 e 2007, sempre que as empresas aporten a súa parte”, volallas, que nós sabemos nunca van cumprir; que o que tentan é atoparse cunha Xunta permisiva ou con comparsas que lles permitan entuba-los seus vertidos por medio do famoso “tubo da risa”, emisario que nace na depuradora dos Praceres, na que os propios veciños do lugar non creen, do mesmo xeito que parece coherente a súa denuncia en relación co ferrocarril a Marín.

No Diario de Pontevedra do pasado día oito publicábase unha carta de Ramón Eixo Blanco, que sintetiza o historial de ENCE ó longo dos corenta anos de horrorosa presencia en Lourizán. Abaritáns de oficio, sempre a incumpriren o acordado, aférranse agora á posibilidade do devandito pacto ambiental, confían en seguiren a evita-lo valemento do Estado de Dereito no noso entorno, porque a verdade máis palmaria de todas é a de que nunca chegaron facer boa a concesión, ó non compriren coas condiciós da resolución administrativa que autorizaba ó INI á construcción da fábrica de Lourizán. Pon especial coidado Ramón Eixo neste punto e lembra a argumentación de Antonio Rodríguez Tourón, que decía que o complexo estaba, ab initio, caducado. Esa foi a súa loita suprema. E databa as cartas en “Lourizán (perdido el aroma de antaño)” en clara alusión á boutade de Antolín Sánchez Presedo e ás promesas de Fraga no ano 1989. Pataqueiradas, foguetes, volallas.

Tornaremos sobre o tema. Hai outras cousas que me gostaría comentar, sobre todo despois das palabras do presidente, con motivo da súa visita a Pontevedra, o pasado día 7. Algunhas interesantes sobre a compatibilidade de progreso e medio ambiente, pero sabemos que cando se degrada éste tamén o home se está a degradar na súa saúde i esperanza de vida, é decir: desaparece o progreso porque, ¿qué sentido ten pró home verse privado da natureza coa que forma un todo, un sagrado? Haberá ocasiós de seguir, pero no dito por Fraga houbo unhas palabras que aínda nos escocen a moitos: a existencia de dúas castes de galegos según esteamos con Sogama ou coa “merda á porta da casa”. Discurso triste en contra da política ambientalista de sir Paco Vázquez, alcalde da Coruña, que non está con Sogama e vai ter que cesar coas súas louvanzas do traballo presidencial, se acaso ofrecerse a Fraga como asesor ambientalista. Sería bó. E dou fé notarial de que na noite do pasado 8.11 o papel dun contenedor foi volcado nun vehículo ordinario da vasura. ¿Política recicladora ou incineradora de Sogama?. Volallas.

Pero o que máis me chamou a atención foi a acusación de demagogos ós que en Caldas se opoñen ó cerre do encoro da Baxe, que evitaría o asolagamento da vila, según dixo. Lástima que a Xusticia marchara tan solerme, pero o certo é que a sentencia do Tribunal Supremo anula a declaración de urxencia do proiecto e ordea a devolución das fincas tomadas; establece un tempus distinto e fainos ve-la acusación como abascallamento porque a obra non é de utilidade pública. A ocupación e venta dos terreos han ser acordadas libremente...Parece que os veciños están preparados pra resistiren, co que semellan estaren a marca-lo camiño ós veciños de Praceres, ós que lles agarda unha batalla longa na defensa dos seus dereitos. Nesa loita como na do traslado de ENCE e a fin da “ameaza” da nube de cloro estamos moitos i en contra dos demagogos; dos que atentan contra o Estado de Dereito. ¿Non-sí?. Volallas.

1 comentario:

o blog de xesús lópez dijo...

No ano 2013 insisten os políticos ecolóxicamente descerebrados coa teima de acabare coa ría de Pontevedra.
Vale. Afirmo.