Na foto apréciase un dos últimos arcos da ponte do Burgo medieval. Adriano sería o presunto deseñador da primitiva ponte, o primeiro estudioso das nosas mareas, algo que os políticos locales non saben facer, de costas á realidade, perdidos en tramas urbanísticas e de "ordeación territorial". Foto do autor do artículo.
As miserias da urbe e da industria van saíndo por un emisario ilegal, como a depuradora que maltrata os residuos, en sitio prohibido. [Lei de Costas, art. 44.6]
Caricatura dos primeiros vertidos de Ence, á luz vista. Recreación informática do autor. Daí viñeron moitos dos nosos males, afectada a nosa saúde, degradado o medio ambiente, e a perda da vocación atlántica dunha cidade que foi porto de mar. .
Pontevedra, 4.11.2007
Seguimos coa remesa de traballos recuperados. No que hoxe inserimos queda analizado o deterioro da cidade a consecuencia do discurso urbanístico talibán asumido polos nosos políticos, que César Portela censurou daquela, a raiz de recibi-lo premio Cidade de Pontevedra.
Seguimos coa remesa de traballos recuperados. No que hoxe inserimos queda analizado o deterioro da cidade a consecuencia do discurso urbanístico talibán asumido polos nosos políticos, que César Portela censurou daquela, a raiz de recibi-lo premio Cidade de Pontevedra.
A CIDADE E A RÍA [28.1.2000],
por Xesús López Fernández
Aínda seguen os comentarios en relación co discurso de César Portela ó recibi-lo premio “Cidade de Pontevedra”, nalgún caso claramente discrepantes da súa exposición; críticas que poden vir –ás veces-- de responsables de obras públicas mal feitas integradas na longa serie de actuaciós urbanísticas desgraciadas que, ó longo de varias décadas, case acabaron coa cidade vella ó tempo que se deseñaron ensanches nos que a convivencia humáa é ou vai resultar igualmente difícil. A especulación e as súas régoas, xa se sabe. Véxase senón o barrio de San Antoniño, repárese tamén nos calexós de nova fábrica no entorno de Pondal e Xoaquín Costa. E, leído polo miúdo o discurso de César, coido que todo el constitúe un recitativo sincero que comparto plenamente.
Quero facer fincapé no tema da conexión da cidade coa ría, porque existía unha clara relación: a vila asentada sobre o conxunto intermareal que aquí configuraban o río e mái-la ría, o xogo das mareas coas xunqueiras, o soporte de vida que elas representaban, a depuración biolóxica garantizada ata que os políticos fixeron imposible esa relación, que esqueceron que ese conxunto intermareal formaba parte da primitiva Pontevedra, que era tan cidade a auga que fluía –cara arriba, cara abaixo-- como as casas que a ela se asomaban. Natureza en estado puro. E coa degradación ambiental acentuada nos primeiros cincoenta aínda cabía pensar nun retorno, no castigo ós agresores; pero non houbo ollos políticos pra entende-la gravedade do que estaba a acontecer –se acaso un claro contubernio-- i en cada nova agresión á nosa ecoloxía había algún administrador político que miraba prá súa obra como traballo ben feito, aínda que fora denunciada pola cidadanía.
Lembremos que a primeira ponte do Burgo foi obra de Adriano, que estudiaba o movemento das augas antes de decidir unha nova construcción. O feito de a ponte entrar no espacio denominado rúa da Ponte permítenos recupera-la visión dunha realidade moi diversa da actual, como tamén do feito incuestionable de que Adriano sabía o que era un estudio de impacto ambiental, algo non tido en conta con motivo de tantas actuaciós recentes, como a construcción da ponte dos tirantes, o excesivo estreitamento do río, a desecación das xunqueiras e a súa ocupación, os edificios de Colón ou da Beiramar, deseñada presuntamente como vía de alta velocidade pró cloro antes de construiren a ponte da Puntada que completaría o novo sistema de murallas. Pontevedra, perdida a mar, pasou a ser case un patio de luces.
Así están as cousas neste momento. A vila vella, arestora un enclave deteriorado e por momentos inhabitable, vai ter unha difícil subsistencia. Perdido o colorido e a vida doutras épocas, habería que integrar novos usos e servicios e acabar cos profanadores da noite. É necesario poñer ó servicio desta idea unha decidida vontade política. E se a Natureza falase diríanos, se acaso, que xa non é tempo de soluciós. ¿Cómo recupera-la relación osmótica antre a cidade e o río-ría? ¿Cómo devolverlle a vida ás xunqueiras pra que o mar vivificador acoda outra vez a nós en cada nova marea?. Paréceme que se Castelao puidese volver, sobir de novo a Matalobos, podería testificar que tamén a nosa civilización apodreceu, que se fixeron mal as cousas. E cheira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario