Pontevedra, 12.11.2007
Imos mediando o mes de Santos e logo estaremos no tempo de Nadal. Como seguramente irei recopilando máis cousas sobre o mesmo tema, penduro hoxe outro traballo do 2000, "E nasceu Don Xesucristo", fundamentalmente inspirado nunha obra de Cunqueiro.
E NASCEU DON XESUCRISTO...[21.12.2000]
por Xesús López Fernández
O misterio da encarnación do Verbo torna ás nosas conciencias, a algunhas conciencias, porque parece que estas datas están a perde-lo seu sentido e que non existen máis alá da propaganda comercial e dos fogares opulentos, mentres tantísima xente vive na máis completa das miserias --á procura do que a outros lles sobra-- ou explotada por medio de contratos vasura cando non agraviada polas mafias que acabaron coa súa riqueza e que agora prometen novos paraísos máis alá do traslado en patera ou en barcaza de desembarco...As mafias teñen ese poder, xa se verá. E historias de comunidades desgarradas chegan tódo-los días. Ese terceiro mundo a desangárese ó que só as ONGs e a Igrexa se esforzan heroicamente en axudaren contra enfermedades, contra a fame; en ensinar oficios e mostrar camiños de libertade onde o Poder carece de ideas ou está corrompido, administrado polo Maligno. Coeste panorama, ¿podemos decir que nasceu Don Xesucristo?
A frase é de Cunqueiro. É un dos versos últimos dun poema lembrado con frecuencia, no que explica a encarnación do Verbo: “Primeiro foi o Anxo que falou a María../Nove meses de soño ata que veu o Día...”. Os poetas poden pescudar camiños como o que Cunqueiro, de forma sotil, nos mostra ó longo do poema que conclúe así: “...i o viño novo na cunca, na adega, foi catado../I estando o outo cume de outo neve nevado/ a María, en Belén, o noveno mese lle foi contado:/¡Nasceu Don Xesucristo!/ ¡De todos é loubado!”. O autor achéganos á profecía e cóntanos de forma fermosísima, como un teólogo, a materialización do misterio, coa sinxeleza case do prólogo do Evanxelio de San Xohan, a pasaxe máis simple de todo o seu texto, “o Verbo fíxose carne”. “O Verbo, que existía no comezo de todo –dí Daniel Rops— e por quen foron creadas tóda-las cousas: esa Palabra que chama ó ser á vida e cuia luz nos exalta por riba de nós mesmos, a mesma realidade que sobarda toda comprensión humá e que reconocemos en Cristo, Deus feito carne como nós”.
Neste ano 2000, cando morre o milenio, renovámo-la nosa fé. Algús van máis alá e pergúntanse cómo Cristo, que é Deus, se puido someter ó tempo humán e facerse home, nacer e morrer, Él, que é dende a eternidade. A cuestión ten suscitado mil debates. Jean-Claude Carrière resume de forma sintética o dito por algúns Padres: que si o templo de Salomón constitúe daquela unha imaxe da Igrexa; que si Cristo era xa o maná caído no deserto pra manter ós israelitas. Ou o penedo que Moisés, cun golpe do seu caxato, convirteu en fonte de auga viva; que aquel penedo benfeitor había seguir ó pobo hebreo nos seus longos éxodos. É decir, que Cristo-Deus, aínda non feito home, camiñaba antre as xentes. Do mesmo xeito, incluso despois da súa morte humá, segue antre os creentes, polo menos alí onde dous ou máis se xuntan no seu nome. E ó mellor é ésto o que lle falta á nosa sociedade: que moitas veces, cando falamos ou camiñamos –dous ou máis— nos esquecemos da súa presencia.
Case sempre está ausente das prédicas de Estado. A satanización do Poder –Romano Guardini dixit— está infiltrada en corporativismos e mafias, en grupos políticos e bandas terroristas. Convolutos e dinamita, fase de loucura na que se prometen soluciós que poderían estar aí, a pouco que lembraramos que o Señor está con nós. Con Cunqueiro vémolo de xeito simple: nasceu Don Xesucristo. Pero a enguedellada dos diversos centros de decisión explica unha certa converxencia de intereses dos que xogan coa miseria, a prostitución, droga e crime organizado...Coas leis.... Decir aquí que apareceron 38 árbores, fósiles vivintes, especie de coníferas da era dos dinosaurios..Tempo corto en comparanza coa eternidade... Os portavoces da nova calan a ubicación por medo ós incendiarios –outro rostro do Maligno--, non vaian alá queima-lo eslabón dunha xenealoxía de millós de anos.... Lembrémo-la presencia de Cristo pra findar coas distintas formas de violencia; tamén coa violencia do Poder.
No hay comentarios:
Publicar un comentario