Pontevedra, 23.11.2007
Traballo do 1999, relacionado con outro que aínda terei de localizar, como tamén, en días próximas procurarei incluir un pequeno glosario das voces coas que xogo a modo de prosa poética. Van alá máis de oito anos e permanece como verdade todo el e a seguridade de que, dende o poder, non están a faceren os deberes.
A ESCUMA FERIDA (8.01.99),
por Xesús López Fernández
Pero hoxe quero tocar, como apunte de urxencia, o tema da contaminación das augas. No coloquio que sigueu á charla do conselleiro unha señora mencionou a posibilidade de que o parque das illas, o santuario das aves que dín van promover nas Cíes-Ons-Sálvora-Sisargas, se vira afectado pola contaminación exportada cara a bocana das rías por medio de emisarios. A señora apuntaba, coido que certeiramente, o feito de que as miserias humáas non van desaparecer aínda que as escondamos polo medio denunciado. Aviso agora que está en marcha a campaña publicitaria do saneamento integral da ría de Vigo --dezasete mil millóns de pesetas menos o que gasten na publicidade dos traballos, claro, que non ha ser pouco-- que lembra a campaña da recuperación integral da ría de Pontevedra, que non sirveu de nada. De nada, repito. Todo foi un engaño, aquel famoso día D, o día CE, o 9.2.92. Hoxe está todo moito peor. ¡Cánta vergonza atobada!
Pero volvo ó tema de Vigo porque o día un de xaneiro estiven na costa da Vela. Dende o alto de Donón o espectáculo era impresionante. O ardentío bradante renovaba o seu suicidio unha e outra vez, as ondas batendo contra o acantilado, desfacéndose en marmaña sotil pra repousaren en encaixes, en rendas de albura virxinal. Algunhas das rendas perdían axiña o seu brancor, tomando a color das miserias humáas. Marea baixa, debía esta-la ría de Vigo librando parte dos seus lodos que, coa dinámica das mareas, entran polo Sul da ría de Pontevedra, denunciada hai moitos anos por contaminar, polo seu Norte, o mar da Lanzada, a península de Meloxo e mái-lo litoral do Grove.
Se as ondas galgantes, chegadas da pratense ribeira –dixo Ramón Cabanillas— contaban no areeiro que Castelao se fora da sereidade, que morrera, poderían estas ondas da costa da Vela traernos lembranzas do Mitch, do que queda do Mitch, pero non. O Mitch, dormido, está xa aquí dende hai tempo. Outro poeta deixou dito aquelo de “auga ferida de fame”, que é o que temos dende hai tempo, como consecuencia da contaminación que está a volver as nosas augas cada vez máis estériles. A natureza pouco pode facer e a mociña Aldana –Aldán, Aldao— difícilmente pode “lava-las rendas de liño” que, profanadas, recibe da costa da Vela. Cara ó interior, en Lourizán, as trouxas, o enxoval, vólvense trousas, vómitos. Os políticos, como o ardentío na Vela, semellan renovaren o seu suicidio contra as rochas da tentación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario