miércoles, 21 de noviembre de 2007

SOBRE CONTROL ECOLÓXICO [26.5.2000]

Mar profanado pola falta de control ecolóxico. Por Xesús López.

Pontevedra, 21.11.2000

Asignatura pendente na Política, o control ecolóxico é entendido máis como acto de propaganda que outra cousa. En Pontevedra vaise poñer en marcha o estudio do PXOM que xa, como temos dito, o propio equipo de goberno, BNG-PSOE, tenta neutralizar, maldecir, facer imposible a recuperación do capital natural, da ría e da súa fachada marítima. Están dando claros pasos pra ver de convertiren, como xa temos dito, o espacio das marismas de Lourizán en solar. Pouco a pouco, vaise sabendo das súas traiciós, como xa se comentaba no traballo semanal,
"O antes e o despois", denunciador da actuación da APDR, hoxe un simple instrumento, correa de transmisión, do BNG dende hai varios anos, pra apantalla-lo desprecio do partido cara á Ecoloxía. A presunta corrupción tamén pode andar antre eles.


SOBRE CONTROL ECOLÓXICO [26.5.2000]

por Xesús López Fernández

Na alameda de Pontecaldelas apareceu unha pitón, xa recollida. Arestora deberiase saber se a mesma fuxeu dun circo ou se, mascota dalgún cidadán, foi deixada en libertade polo home finalmente asustado. I é que no tocante a animaliños de compañía hai pra todo-los gustos: gatos, cans, paxariños, iguanas e serpes. E parece como se algús estiveran ensaiando novas vías, ver de conforma-lo seu propio ecosistema, como acontece coas persoas que levan un peiteado en forma de niño de paxaro. Só lles falta portaren, ademáis, un merlo atado por medio dun nylon á orella furada. A todo se ha chegar. Pero acariñarse cunha pitón resulta moi forte, porque esas serpes son temibles e, incluso na India, --en ambientes onde serpes e culebras gozan dunha case total impunidade-- as pitóns e mái-las cobras negras son perseguidas con saña. Cóntao Mircea Eliade, o historiador das relixiós, nun fermosísimo libro de crónicas correspondentes á época na que se estableceu naquel subcontinente, comprído-los vinteún anos e coa carreira de filosofía rematada.

O home viaxara ó país pra estudiar sánscrito e tamén pra ver de encotra-las raíces neolíticas do cristianismo. E viveu alí como un eremita antre eremitas, co indispensable. Conta cómo a comunidade pasou varios días rezando por teren dado morte a unha cobra negra, cando a mesma atacaba e cuspía xa o seu veneno. Tamén dá testemuño dunha pomba, morta hipnotizada por outra cobra negra. Terrible. Vese que o home non estaba afeito a vivir antre serpes e culebras, como algús dos yoguis ós que fai referencia. E narra a historia do seu problema; de cando, de noite, oie asubíos e outros sonidos. Días atrás tiña comprobado que faltaba leite da súa xarra. Culpaba a algún gato, ata a noite dos asubíos. ¿Qué facer? A solución, diríalle outro eremita --pois eles tiñan que facere posible a vida das serpes--, estaba en ter á man unha iguana, existentes tamén naquel entorno. I eso foi o que fixeron: coller unha, introducila na cabana e, coela cerrada, deixar que o animaliño fixera o seu traballo. Ás dúas horas entraron os homes no kutiar. A iguana respiraba pesadamente i estaba hinchada. Dende aquela, Mircea Eliade non volvería senti-los asubíos nocturnos.

Controlar unhas especies con outras é práctica habitual. E aínda hai poucos anos que o alcalde da Coruña, Paco Vázquez, valeuse dos falcós pra ver de reduci-la presencia de gaivotas no ceo coruñés. A “solución” puido estar condicionada polo ecoloxismo que --dende a catástrofe do vertedoiro de Bens— dín profesa o señor Vázquez, ou simplemente foi cuestión de aproveita-los servicios ofrecidos por unha compañía alemá. Como sexa, as gaivotas seguen a ser unha ameaza na Coruña e noutras cidades da costa... No Ferrol están xa a controla-lo o seu número en atención á demanda veciñal mentres que, noutras partes, teñen sido denunciadas persoas por desfaceren niños destas aves na súa terraza. Ou no tellado da propia casa. Consentir esa presencia masiva non ten sentido, como tampouco o exceso de pombas existentes nas cidades, desfacedoras de casas enteiras. E de monumentos.

Eu preferiría que as gaivotas tornaran ós acantilados, praias e illas. Tamén entendo que as pombas deben vivir en pombeiros, nos parques ou no campo, onde abonda o raposo pra que o número non se dispare. Os falcós seguen presentes nos aeroportos e poderían ser tamén bo remedio no caso das pombas. Prás iguanas existe unha alternativa: como alimento... Un destos anos, a Semáa Verde de Silleda ha presentar –estou seguro— a posibilidade das “granxas de iguanas”. En Nicaragua son xa un prato de festa. Dín que se lles aproveita todo, como aquí decimos do porco. Todo virá e se xa son unha realidade as granxas de avestruces e comezan a selo as de búfalas, en pouco tempo han se-las iguanas un renglón da nosa economía. Coido que xa hai algunha como animal de casa. Merlos aniñando nas cabezas de viandantes aínda non. Pouco falta. Pero coidado coas pitóns e as cobras negras. ¡Qué medo!..

No hay comentarios: