Camiño de Santiago polas estrelas, unha cita coa Universalidade e coas nosas orixes como "nación" europea. Polo Camiño entraron moitas das nosas palabras. Interpretación da Vía Láctea. Dibuxo de Xesús López.
Pontevedra, 28.11.2007
Outro traballo do ano 1999, cando o ano estaba a rematar e a sociedade agardaba acontecementos, xa en relación coas tesis milenaristas, xa cun posible colapso informático. Pero, en fin, nada aconteceu. O traballo é un máis da miña base de datos que vou volcando no blog.
ANO 2000 [19.11.1999] ,
por Xesús López Fernández
Sempre houbo unha certa tendencia a concebi-la fín do mundo no remate dun milenio. Tamén agora e así, de vez en cando, nos chega a nova do suicidio dalgún grupo milenarista que viaxa cara á eternidade por ese extraño medio, lonxe da concepción dos homes do primeiro milenio da nosa era que sentían a presencia de Deus –per visibiliam ad invisibiliam— na medida en que se progresaba na perfección da arte, na construcción de mosteiros e abadías, na edificación de cada nova catedral, no tránsito do canto gregorián á polifonía.....Deus estaba alí, no medio das novas obras, deixaba por momentos a eternidade pra se instalar na temporalidade humáa, facíase intuir tan próximo que os homes agardaban o retorno triunfante de Xesús, a Parusía.
Neste 1999 o home está confuso nalgús casos. Dende altas tribunas estase a falar decote do tránsito ó novo milenio, como se o 2000 fose en realidade o primeiro do século XXI. E non, porque ata o 31.12.2000 seguiremos no século XX. Así de simple. Pero, claro, poden pasar moitas cousas nesta fín de ano en virtude do chamado Efecto 2000 –Year 2000 ou Y2K problem--, podería o mundo –certas cousas do mundo— paralizarse porque na confianza do home na informática esquecéranse cousas á hora de inventar e programar, as computadoras poden nalgús casos contar pra atrás, poñerse no ano 1900, ó seren incapaces de identifica-las datas do calendario máis alá dos dous últimos díxitos, situación que debería estar correxida hai xa tempo, polo menos as empresas importantes deben ter optimizádo-los seus sistemas por medio de novos programas, servidores e chips de nova xeneración.
Como sexa o Efecto 2000 ten en certo sentido colapsada á aldea global e máis que na eternidade o home actual está a pensar nas consecuencias dun posible parón que podería afectar ós sistemas financieiros, ó suministro da enerxía eléctrica, á seguridade nos vóos transatlánticos, etc. Acendéronse moitas alarmas pero os sabios levan moito tempo traballando, examinando as posibles consecuencias, rectificando cousas, e afirman que non debe pasar nada porque están xa tomáda-las medidas necesarias...Simuláronse situaciós e parece que os aviós van seguir voando, que o metro non vai parar, e igualmente a Bulsa de Madrid --coa que se fixeron dous ensaios— está xa vacunada....Incluso se subestima o tema do Efecto 2000, aproveitado a efectos de “marketing” por empresas que ofrecen os seus servicios.
De todas formas, hai comunidades que están tomando medidas, como en certa localidade de Iowa, onde as xentes están a faceren provisión de víveres porque como consecuencia do Y2K –din eles-- os caixeiros poden quedar bloqueados. Non sei se terá algo que ver coeses medos a publicación dun libro, un bestseller de Jason Kelly titulado “Y2K-It´s Already Too Late” –Efecto 2000, Demasiado Tarde--, que o autor define como real, basado na evidencia de datos aportados en congresos, documentos militares e declaraciós de expertos informáticos....Pero unha noticia próxima infórmanos de que en Fisterra non quedan prazas hoteleiras pró 31.12.1999. É decir, a xente aquí agarda a fín do ano coa esperanza de ve-lo mesmo que as lexiós romáas ó chegaren á nosa terra: o Sol asolagándose no oceano antre vafaradas de vapor. Alén do Efecto 2000 renovámo-la ilusión. E o século aínda non morre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario