martes, 13 de noviembre de 2007

FIFTY AND FIFTY [4.2.2000]

No laberinto pérdense uns e outros, as forzas consolidadas e mai-las emerxentes, os desamparados que terían de se asociar pra ver de reequilibrar unha política chea de chapapote. Dibuxo informático do autor.

Pontevedra, 13.11.2007

Traballo con certo tratamento humorístico sobre a política dos partidos ante as elecciós, reclamación de listas abertas, mesmo da creación de partidos de calvos, Calvos Progresistas, Calvos prá Democracia, ¿cómo obter nese caso o equilibrio fifty-fifty?. E agora propón Zapatero mante-la vida laboral, con carácter voluntario, ata os 70 anos, ¿pero cándo coño se xubilan os políticos?. Un partido de xubilados podería mesmo ter opciós de goberno, de rexenera-la política, ou ben de gañar máis cartos que en toda a súa vida laboral, porque terían entrado "na mellor profesión do mundo". Eso dito dende unha vision ácrata e rigurosamente independente dese mundo da Política que nos asfixia.

FIFTY AND FIFTY [4.2.2000],


 por Xesús López Fernández 

Mitade e mitade de homes e mulleres nas listas que os partidos presenten ás eleccións. Eso tentan os franceses, que acaban de promulgar unha lei que obriga ós partidos a incluir un 50% de féminas nas súas listas, medida que xa foi acusada de discriminación positiva como se a muller, a estas alturas, precisase do apoio das cuotas pra triunfar na política. ¿Sería por éso, aínda que non-os deamos conta, polo que Margaret Thatcher, Golda Meier, Indira Gandhi, etc., entraron na política e, de paso, na Historia? Ésa é a pergunta que fai un participante no debate que sobre esta cuestión foi aberto por un xornal español. A califica tamén de lei retrógrada e discriminatoria cara ós homes e dí que semellamos retornar á idea de que a muller é un ser débil e que, polo tanto, precisa de protección. O tema ten, dende logo, o seu aquel, porque o que debe primar antes que o sexo é a valía persoal de cadaquén, home ou muller.

¿Cómo vai establece-lo empate un partido con escasa presencia de homes/mulleres? ¿Por qué non ter en conta outros criterios, como a presencia nas listas españolas dun 13% de persoas de nome José/Josefa, según idea apuntada por outro opinante?. ¿Teremos algún día a sorte de que nos goberne un colectivo de mulleres intelixentes e con sentidiño? Daquela sería posible que houbese menos corrupción, menos “caixas B”, aínda que parece que non hai partido que se libre –nalgún momento da súa vida— destos escándalos, que mesmo os alemáns axudaron con fondos reservados á arrancada da transición aquí en España. Acábano de decir eles, como que tamén a cousa fora ben vista polas diversas forzas políticas daquel país. E Kohl, agora, en horas baixas.

En puridade de principios outros colectivos poden reclama-la súa presencia nas listas: loiros, morenos, calvos, negros, xubilados, parados, discapacitados, etc. E maxinémo-la posible existencia dun partido de calvos, Calvos Progresistas, Calvos prá Democracia... ¿Cómo faría o tal partido pra empatar homes e mulleres?. Improbable a creación dunha agrupación desas características, pero non que esas xentes poidan reclama-la súa participación na política activa, como tamén que teñan representación os segmentos de ingresos cortos, idea esta última que podería ser bó levala á práctica pra ver de humaniza-lo Parlamento, de dinamiza-las instituciós, de ter leis máis xustas. Este último sector, se puidese xerar algún líder, sería unha clara opción de cambio na política; como os xubilados ou os parados, outra alternativa.
O señor Aznar dixo que van propicia-la posibilidade de delonga-la vida laboral máis alá dos 65 anos. Protesta sindical. Pero en política nadie se xubila a esa edade. Os políticos apúntanse a tódo-los comicios. Xubílanse se sobrevén o infarto, o derrame cerebral, ou o Alzheimer chama á porta. Pero os xubilados e parados deberían considera-las súas posibilidades máis alá do simple voto por unha lista cerrada, choída, ou da demanda triste pola mellora da súa situación; constituírense eles/elas en partido --fifty and fifty se lles parece ben--, crea-la súa opción ó poder ou clamar como tantos cidadáns por listas abertas, polo voto persoalizado antes que polo sistema de cuotas... E coas listas abertas moitos políticos irían ó paro. Seguro. Pero mellor eso que o infarto. Xa nas listas do INEM os expolíticos non habían nota-la diferencia. E os parados que entrasen no Parlamento levarían con eles un aire novo. Certo, sí...

No hay comentarios: