jueves, 22 de noviembre de 2007

A CIDADE VELLA A DEBATE [17.9.99]

A escadeira de San Bartolomeu foi sustituída por esa especie de palco de música que se aprecia na foto, tamén prá sentada das iguanas do botellón. Realmente trátase dunha desfeita pactada polo concelleiro de urbanismo, Mosquera, e a delegada de Cultura, Pilar Rojo. Foto do autor.

Pontevedra, 22.11.2007

Ando agora polos traballos do 1999. Este hoxe inserido contén elementos a ter en conta sobre o debate no seu día existente, animado. Pero as cousas derivaron en mal sentido e as restauraciós previstas non foron tales. A situación d´A Ferrería é hoxe lamentable; a asociación Cidade Vella quedaría reducida á nada despois de terse convertido en simple enredo do BNG, pra vender unha reforma mal feita. O referente da recuperación en Camiña, Portugal, da praza do Conselheiro Silva Torres, ten cada día que pasa máis valor. O que teña curiosidade pode achegarse alí. Outro dos temas que están pendentes de solución é o da recollida de vasuras, en fase de permanente involución.

A CIDADE VELLA A DEBATE [17.9.99] 
por Xesús López Fernández

O pasado 15 dos correntes celebrouse no Teatro Principal un acto multitudinario, convocatoria de “Cidade Vella” na que participaron, invitados, concelleiros das distintas formacións políticas presentes na Corporación Municipal. Coido que estamos asistindo a un novo xeito de face-las cousas, primeiros pasos, pero algo ha sair dun diálogo fluído antre as asociaciós e a Administración, ora simples ideas irrealizables, ora denuncias sobre cuestiós urbanísticas e transparencia política --como debe ser-- porque a cousa pública é asunto de todos. Botei de menos intervenciós dun certo calado, relevantes. 

Non intervín no debate. Estiven de oínte apreciando cómo estos encontros, de momento, siguen a ser unha especie de muro das lamentaciós, do laio permanente dun colectivo que non acouga nas noitas porque as autoridades non acaban de lle poñer remedio ó asunto dos decibelios, dos chiringos que, cun sentido de “máquina total”, de donos absolutos da noite, esgázana e converten en discoteca virtual á rúa Chariño, a Isabel II ou Cousiño, cando non o fai o propio Concello --coa disculpa das festas-- coa praza da Ferrería, de xeito especial cada vez que alí se monta algún espectáculo “forte” ou comparecen vehículos longos naquel espacio, coas conseguintes fracturas. Debería terse falado dese gran problema.

Coido que a peatonalización ha traer beneficios co tempo, que algunhas xentes han cambiar de hábitos “sanitarios” a pouco que se vixíe e potencie o alumeado público, algo que xa se está a facer; que o comercio tamén pode sair beneficiado e que se han concebir novos espacios urbáns con outra xenerosidade porque, ¿cántos novos calexós, ademáis do adicado ó señor Filgueira Valverde, non están previstos nas zonas de Eduardo Pondal e mái-la Parda, vergonza urbanística? ¿Por qué se deseñaron con tanto enanismo as rondas de Malvar Figueroa e mái-lo enlace Virxe do Camiño-Eduardo Pondal? Pero regresemos á Ferrería, á emblemática praza da Ferrería, santuario e solar de pombas, de casas deshabitadas, de camelias que morren, etc....

O enlousado da Ferrería é da época de Rivas Fontán, como o pavimento da Gran Vía, na Alameda. Dúas obras desgraciadas que piden unha inmediata reparación. E lembro agora que, daquela, en Camiña, Portugal, dábanlle os últimos toques á praza do Conselheiro Silva Torres. Pois ben, sobre aquela praza parece que non pasou o tempo. Obra ben feita que precisa agora dun retoque mínimo, pero alí están as árbores, tilos, magníficamente tratadas, sen agreder ó chan, unha lección prá que cómpre viaxar a Portugal i evitar cousas como as que aquí acontecen acotío, por exemplo na praza da Verdura. I é que hai que saber escoller as árbores urbáas. E acertar co seu tratamento cultural. A fonte monumental da praza portuguesa parece estar intacta mentres a Torre do Reloxio segue a marca-las horas de silencio e respeto nun entorno harmonioso. Na fonte da Ferrería acampa unha comuna na que conflúen miseria humáa e obxetos roubados. Xa na noite, entran no espacio as motos, ruído a todo trapo, claro reto a unha policía que non comparece. Como gran escombro urbanístico permanece o telón de fondo de trá-la Peregrina, convertido o espacio en horrendo patio de luces, ó que se lle busca remedio. Máis convocatorias como a do 15.9, porque quedan moitos temas. En serio.

No hay comentarios: