sábado, 17 de noviembre de 2007

O PORCO BRAVO [4.11.2000]

Mencer no sotobosco, terreo que pode saber do paso do xabarí e a súa camada. Dibuxo de Xesús López.

Pontevedra, 17.11.2007

Conto breve, fantasía tecida a partir da aparición novedosa dun porco bravo n´As Corbaceiras, en Pontevedra, que tería emigrado ós montes de Salcedo, por Matalobos. Estou acabando cos artículos e relatos do 2000, antes de segui-lo recorrido pola base de datos.
-
O PORCO BRAVO [4.11.2000]
por Xesús López Fernández

Cundeu a alarma na noite pontevedresa pola presencia dun xabarí no recinto urbán. O porco bravo andaba polas Corbaceiras, no entorno da sede da Autoridade Portuaria. Según aviso dado por un veciño do barrio, era de gran tamaño. Non conseguín outra información sustancial distinta da recollida pola prensa: que si andivo por San Roque e Praza de Touros; que si se foi por Reina Victoria abaixo, cara ó río dos Gafos; que si entrou no parking da Audiencia e pola zona da Tablada marchou por Campolongo a San Blas... Sería visto despois no caótico nudo do Pino, antes de seguir cara ós montes de Salcedo. Noticia dunha noite que reitera as novas doutras partes con presencia de porcos bravos; e parece máis orixinal a do verraco recollido por un barco tarraconense o día de Tódo-los Santos, a seis kilómetros da costa catalá: un animal aínda novo que, ó mellor, confundeu o Mediterráneo cun lago menor.

Un xabarí con querencia urbáa pode ser un caso moi particular,
suxerir que nos atopamos ante un home-verraco, posible como os homes-lobos. A baixada do animal ó parking mesmo pode ser reveladora, como se na memoria do porco aloulado premera a urxencia de colle-lo coche. ¿Non sabemos daquel Romualdo Nistal, do Manzanal, suicidado espido na carballeira de Dueñas, que conforme o corpo foi morrendo convirteuse en lobo? Cunqueiro conta que o sacerdote, por medio dun paternóster, consigueu que o lobo retornara á súa persoalidade anterior de tendeiro honrado que vendía fiado, home desaparecido. E o caso do verraco de arestora pode ser tamén outro máis de dobre persoalidade ou de alma externalizada, do que tanto saben os libros antigos, nos que se fala do porco como animal sagrado porque parece claro que, aínda nas culturas que o consideran impuro, gozou de respeto, cos sirios i exipcios, cos xudeus ata Isaías, ou antre os celtas: animal bo, útil, reciclador, despensa, ó que o noso pobo lle debe eterno agradecemento.

Os antigos identificaban ó verraco con Atis, reencarnado neste animal. E o fiel, naturalmente, non comía carne de porco. Outras leendas apuntan no sentido de que Atis sería morto por un porco bravo. Deducíase que o animal era, na súa orixe, o propio deus. No caso de Adonis, a súa morte non se explica por unha agresión directa e fabúlase no sentido de que un verraco esgazaría coa súa dentamia a cortiza da árbore que dou nacemento ó infante Adonis, deidade da vexetación. Sobre esto hai variantes, como a de que Adonis morrería a mans de Hefaistos, no monte Líbano, mentres cazaba porcos bravos. Relación certa nunca entendida. O xabarí pontevedrés puido ter pasado por Carrefour e facerse animal de autoestrada, home-verraco. Desnorteado, parece que os seus ventos avisárano no Pino de que, agora sí, estaba no camiño de volta, ó mellor cara ó Matalobos do barón de Godos, onde pode haber memoria de batidas. As do barón serían –é un decir-- seguidas de festa que, coa peza cobrada e cociñada no forno da casa grande, terían como repunte final as delikatessen da baronesa, os piononos elaborados por ela de forma artesanal.

Agora, cando é noticia que a Xunta está a traballar na recuperación do porco celta, do que neste momento hai censadas 196 cabezas, sería importante ter collido ó verraco pontevedrés, animal que soupo sair airoso dunha noite que puido marca-la última das súas saídas. Sábese de tres variedades de porco galego: a Santiaguesa, rosada; a Barcina, con pigmentaciós, e a Carballiña, con grandes manchas negras que lle poden cobri-lo corpo enteiro. Tal vez o verraco da nosa historia poida ter relación con esta subespecie. De ser macho poderíase convertir, incluso, en fornecedor de semen prá mesma, prá mellora da súa xínea. O porco, na nosa cultura, merece un respeto certo e un sitio no libro xenealóxico que acaban de crear. Por outra banda é moi parecido ó home e podería ser, incluso, animal de compañía que obedecese polo seu nome. Afírmao un veterinario amigo.

No hay comentarios: