miércoles, 14 de noviembre de 2007

GLOBALIZACIÓN E MEDIO AMBIENTE [24.3.2000]

Lourizán, en Pontevedra. Arriba, antes de monta-la celulosa; Abaixo, despois de instalado o proceso contaminante, posto en marcha o roubo da natureza, potenciado tamén polo delito de construiren no espacio a depuradora pontevedresa. No emisario converxen detritus vilegos e das diversas factorías.

Pontevedra, 14.11.2007

Penduramos do blog outra traballo sobre Ecoloxía do ano 2000, nas vísperas das xornadas organizadas pola Aula Castelao de Filosofía. Temas como a obra de Ignacio Ramonet ou a actuación sobre o medio ambiente, en ríos [que reducen a charcas encoros] e montes, reciben un trato bastante amplio. Pero o artículo leva o recado que leva. Mellor leélo.


GLOBALIZACIÓN E MEDIO AMBIENTE [24.3.2000],
por Xesús López Fernández

A Aula Castelao de Filosofía acaba de facer público o temario deste ano. Versará sobre a globalización. Antre outros pensadores estará presente Ignacio Ramonet, un galego universal autor de diversos libros básicos prá nosa familiarización con conceptos como pensamento único, mundialización, comunicación. Disfrutei particularmente coa lectura de “Un Mundo sen Rumbo” e máis con “A Tiranía da Comunicación”, da súa autoría, i estou seguro de que os que acodan á Semá de Filosofía non han sair decepcionados do seu maxisterio. E se os responsables da Aula Castelao souberon sempre organiza-las cousas, este ano parece vai resultar aínda mellor. Por outra banda o tema, A Globalización, que nos vai asumindo e integrando a todos, é oportunísimo. E nesta pasada semana houbo tres celebraciós ambientalistas que teñen que ver coa aldea global: O Día da Árbore, o Día da Auga e o Día Da Meteoroloxía.

Fixéronse diversas prantaciós de árbores autóctonas ou ben asimiladas. E ben está o que se fai ben, a prantación en entornos escolares ou en montes de veciña; pero resulta un tanto sospeitosa a repoboación dirixida de tantísimas hectáreas de eucaliptus, sementeira de hoxe, moitas veces lume de mañán.. ¿Por qué non máis calidade e biodiversidade? Sería unha política máis intelixente e restauradora do cromatismo en grandes zonas perdido. Cónstame que, nalgúns sitios, fartos de eucaliptus, procederon a levantalos e a prantar arces, carballos, nogueiras, liquidámbares, con resultado espectacular. E nalgunhas rúas hai xacarandás –jacaranda acutifolia--, extraodinarias de colorido. (Dito de paso, de madeira de xacarandá do Brasil é o portentoso coro alto da catedral de Braga). É importante repoboar, polo ben da Terra toda.

Parece que non chove ó gosto de todos. No Día da Auga salientouse o feito de que o pasado febreiro foi o máis seco dos últimos 53 anos; pero está en marcha a construcción de 33 grandes encoros e ideados outros tantos. Ríos totalmente represados, como series de charcas-encoros. E se prosperase tal política o Narcea deixaría de ser un río salmoneiro. A protesta ecoloxista está viva e denuncian o uso indebido que, en moitos casos, faise da auga, como tamén as perdas nas canalizaciós das grandes urbes –o 40% en Zaragoza--. E, mentres, colectivos de afectados pola construcción de encoros acaban de remitir ó Defensor do Pobo informes que alertan sobre a seguridade en casos como Santaliestra, en Huesca, e Itoiz, en Navarra. A Universidade de Vigo informa tamén negativamente sobre o encoro de Caldas, aquí.

O cambio climático é unha realidade mundial. ¿Por qué as catástrofes de Nicaragua e Venezuela, ou agora os diluvios de Mozambique, Arxentina e Madagascar? O home cargouse o medio ambiente global e a Natureza golpea moitas veces onde non debe. Menos boscos primarios, acuíferos contaminados, atmósfera agredida. E se o DDT, organoclorados e mercurio están no medio acuático é porque a Administración é dabondo permisiva cos que atentan contra a Vida, que mesmo estarían dispostos a se constituíren en Agrupación Electoral pra seguiren mantendo o seu disparate, se os votan; a súa agresión contra a Terra, contra os que queremos aire e auga limpos e biodiversidade. E mentres da Antártida se desprende unha nova illa flotante aquí teríamos que pensar no noso grado de culpa por deixar morrer esta ría.

No hay comentarios: