viernes, 9 de noviembre de 2007

COHERENCIA, POR FAVOR [16.12.2000]

A casa situada a continuación da primeira guirnalda que aparece na fotografía ten "escaparetes" por ventanas; o tellado de cinc. Pode ser fonte de agravios comparativos, que a ninguén lle consinten facer algo así. Fotografía do autor.

Pontevedra, 9.11.2000

Pasados case sete anos, o Peprica segue a funcionar con varias varas de medir: restauracios posibles nalgús casos, incluso con utilización de materiales que non van coa zona vella. A outros propietarios non se lles dá nen o sal da salvación, a posibilidade de dignifica-lo seu patrimonio, de que non se arruinen. O artículo conserva intácta-las súas claves.


COHERENCIA, POR FAVOR [16.12.2000]

por Xesús López Fernández

O mércores, 13, celebrouse no Teatro Principal o debate público sobre o plan urbanístico especial do casco histórico, organizado pola Asociación Cidade Vella, no que participaron un representante do Concello e dous da Delegación de Patrimonio, éstos en sustitución da delegada. O Peprica parece segue verde, lonxe aínda un acordo de consenso antre as ditas partes, mentres hai uns veciños que están a agardaren con desesperanza porque xa pasou o tempo da espera resignada; veciños que no seu día alegaron por entenderen que o citado plan lesiona, en principio, as súas propiedades e imposibilita, en moitos casos, a dignificación incluso de espacios públicos. Ó acto acodiron moitos deles, que non sempre puideron expoñe-la súa opinión porque o tempo non dou máis de sí, sorprendidos de que haxa soluciós pra edificios públicos que conlevan un claro agravio comparativo cando a Administración carece de criterio pra enfocar posibles soluciós noutros espacios máis amplios.

O arquitecto representante de Patrimonio, que insisteu en que estaba alí como técnico, chegou defini-lo documento aprobado polo Concello como “plan de fachadas e cornisas”, se mal non recordo, algo obvio pra moitos dos alí presentes, polo menos os que comprobamos cómo con ese bodrio de plan se devalúa a nosa propiedade. E reclamamos o dereito a expresármonos con coherencia, algo no que o home insisteu ata o punto de semellar que só se podería ser coherente sendo ademáis técnico. E non estamos dacordo. ¡Claro que un técnico debe ser coherente! Mais non sempre acontece e vou poñer un exemplo, algo que lle aconteceu a unha amiga con residencia no Burgo, nunha casa cuio portal, por sucesivas obras do Concello, quedou máis baixo que a beirarrúa, agora cunha certa caída cara a súa casa. O portal alágase [puro charco] cando chove. ¿Soluciós? Non-as hai, díxolle o aparellador. O coherente foi o enxeñeiro, que aconsellou: “Poña un saco pra que empape, e unha pedra pra pisar”. Parece un chiste de Lepe, onde tamén hai “trénicos”, digo.

Persoalmente preferimos se abandone o criterio canonizado polo Peprica. A cousa pública non debe recibir tratos de favor. Tamén hai que ser coherentes coa propiedade privada, lacerada con máis IBI cada ano que pasa e sen posibilidade de acceso a unha maior calidade de vida. Sei de tres familias que abandonaron a zona estos días por non resistiren máis, ó non podere blinda-las súas vivendas contra o clamor da movida, agora xa con batallas antre bandas, con bates, agresiós á policía, preconfiguración dunha especie de “kale borroka”, porque as desfeitas que organizan a garulada e as colonias de iguanas con litronas poden acabar neso. Tal é o “capital social” que acrece no recinto histórico, como consecuencia da falta de autoridade existente. Non se pode pensar no Peprica como única solución legal pra declara-la zona saturada de bares e “pubs”. ¿E a ordenanza de ruídos?. O malo é que, se non se cambia de política, a miseria pode asañarse, aínda máis, en certos espacios.

O tema da coherencia debería estar presente, igualmente, nas obras do Mercado, pra cuia revitalización é necesaria a construcción do parking que tentan atrancar distintas forzas. O novo Mercado non se concibe xa sen aparcamento. As actitudes de Patrimonio e Fomento non son/foron coherentes. En Fomento cabe incluso perguntar polo brazo longo de Arias Salgado, o home que entregou ata o delirio a infraestructura da Autopista do Atlántico a Continente/Carrefour, e terreos que foran expropiados pra algo que sí tiña utilidade pública, pero agora non. Nunha carta da Xefatura da Demarcación de Carreteras, d´A Coruña, contéstase –a requerimento do señor Múgica Herzog-- a outras presentadas por rexistro, unha en maio do 98, e mantense esa afirmación de “utildade pública” pró que é algo puramente inmoral, estafa social si se quer, cambio de uso dun chan expropiado. Os técnicos non sempre son coherentes. E non se sabe en función de qué asinan. Ou sí que se sabe.

No hay comentarios: