viernes, 2 de noviembre de 2007

MARES DE PEDRA [1.9.2000]

En Pontevedra, a praza da Verdura convertida en praza roxa, ou fascista, tanto ten. A reposición das árbores foi posible porque houbo 1188 asinaturas que así a demandaron. E fíxose en contra do criterio do arquitecto, o autor do deseño da Gran Ferrería, a proiectada praza fascista.
Vista parcial da fachada do Obradoiro. Fotos do autor.
Vista parcial da praza do Obradoiro. Como un acantilado, loce a fachada da Catedral de Santiago.


Pontevedra, 2.11.2007. Traballo vello, dun certo optimismo que hoxe non sería posible. A Feira Franca non resultou se-lo que se agardaba, cargada de bullanga e suciedade. A reforma da Ferrería, asunto sobre o que volven, tería máis ben a configuración dunha gran praza fascista, que queren encher de soldadiños. Sobre esto haberá que volver, porque xa houbo un intento anterior de elimina-los xardíns de Casto Sampedro, coa idea de construiren alí un aparcamento soterraño pero, impotentes pra conservaren un xardín, eliminaríano e así deixarían a superficie arrasada, praza fascista ou estalinista, porque creen que van a máis cando realmente perderon tres concelleiros nas pasadas elecciós.


E simplemente con que o PSOE tivese as ideas claras, o BNG estaría xa fóra das nosas vidas. Pero aí están os dous grupos sen ideas pró novo PXOM, sen ideas tamén sobre o respeto medioambiental. Actualmente non queda lugar pró optimismo. Continuará...


MARES DE PEDRA (1.9.2000)

por Xesús López Fernández


Facer da Praza da Ferrería unha nova Praza do Obradoiro parece unha idea fantástica. Coido sería bo madurala, tomar en serio as posibilidades que existen, manexar diversos deseños; convocar un concurso de ideas, porque podemos dar un mal paso. Prá solución da presencia nos xardíns de San Francisco das xentes que alí moran, abondaría cun policía municipal ou cun sistema de rego por aspersión. Pero elimina-lo xardín, reducilo todo a pedra, a un mar de pedra, sería bo soamente no caso de acertar. O mar de pedra do Obradoiro é un espacio diferente, a fachada da catedral como gran acantilado, os outros edificios nobres facéndolle marco. E alí actuou os pasados 25 e 27 de agosto unha compañía china de teatro, U-THEATRE, de Taipei, que representou “O son do Oceano”, unha obra que tenta recrea-los distintos sonidos da auga, algús deles novos prá memoria do Obradoiro, que tanto sabe de chuvias e de mareas humás cosmopolitas, concentración cultural ó longo dos tempos.


Presenciei as tres primeiras esceas, o 25.8, sen unha foto finish da obra. Toda Compostela –O Obradoiro, As Praterías, A Quintana, As súas rúas e ruelas--, perfecta naquela noite, axigantado o seu aspecto de cidade europea –lembranza de línguas e presencias--, invitaba a un retorno inmediato. A impresión do momento acompañaríame nos seguintes días, especialmente no inmediato 26.8 durante unha visita a Caminha, Portugal, onde a praza do Conselheiro Silva Torres --outro pequeno mar de pedra reconfortante--, segue a ser unha referencia obrigatoria, un lugar a visitar, exemplo a imitar, perfectamente conservada dende a súa restauración – de cando se enlousou a Ferrería--. E atópome a gusto en Caminha, na citada praza ou paseando polo entorno da Torre do Reloxio –Rúa Ricardo Joaquim de Sousa, Largo Calouste Goulbenkian--, recanto onde se detén o tempo. Fixen o retorno en transbordador, con brisa soave, o Miño podente e calado ata Camposancos.

No Tegra reparei de novo na densidade das casarellas, nas pallozas castrexas –concentración de vida que foi-- e a paisaxe axigantándose conforme se sobe ata o cumio. O oceano faise case infinito. ¿Cántas prazas do Obradoiro, cántas Ferrerías non caben no Atlántico que dende alí se dexerga, esculca? ¿Cántos sonidos, rexistros, dende o inducido pola soave brisa dese día ata o brado poderoso do ardentío ó pe do monte ou nos peiraos da Guarda os días de temporal, diferentes dos recreados pola compañía de teatro china?. Pero, referidos ós espacios urbáns, prefiro o boureo das xentes chegadas de diversas partes, distintos acentos, cando fan tránsito cultural ou transferencia mercantil, cando as feiras se preñan de actividade e achegan ós burgos os productos artesáns ou os derivados da economía rural. 

Cando apareza esta colaboración xa terá sido a Feira Franca, relembranza da que en Pontevedra se comezou a celebrar a partir do 1467. Vexo ás xentes animadas, escollendo traxes de distinto pelo pra asumiren un papel no evento, como pode se-lo de fidalgo, nobre, músico, gran dama, mesoneiro, ferreiro, aparceiro, ou de viuda acomodada. Un amigo disponse a retirar do alarde unha vella espada e a exercer de barón, con sombreiro de plumón, cobrar dos seus aforados... Todo terá resultado ben e a feira vai ser un xeito de recupera-la nosa memoria histórica. E gostaríame saber se na Ferrería vai haber mercado de futuros, negociación de efectos librados sobre outra feira, anticipos sobre futuras colleitas, porque sei que na miña xínea, alá por Monforte, houbo unha casa dos Elías, prestamistas... Temo que a récua de cabalos con viño do Ribeiro vaise atopar despistada, perdido parte do decorado que tiñan no seu mapa da memoria --xa non existen os peiraos do Burgo, nen os estaleiros, non somos porto--...Mai-la feira ha resultar unha forma de lle dar voces ós nosos mares de pedra, maiores ou menores, necesitados de que os homes se volvan encontrar. Esto visto, a reforma da Ferrería debe valorarse.

No hay comentarios: