lunes, 12 de noviembre de 2007

ECONOMÍA I ECOLOXÍA [11.8.2000]

Acabáronse as mareas. No mar do Aral, sobre o que, como se di no traballo, parece ter caído un castigo bíblico, o mar foise reducindo e a frota de barcos que nel pescaba foise quedando varada pouco a pouco. Aínda que mar interior, o Aral, é un mar salado. Desta volta, o vento levanta ás veces nubes de sal do fondo á vista e, pouco a pouco, vai conformando un deserto, quemado o chan polo sal. No Aral, as embarcaciós están xa a unha distancia de centos de kilómetros do que vai quedando de mar. Dibuxo informático de Xesús López, pensado prá nosa terra, prá fin da profesión de mariñeiro en non poucos casos.

Pontevedra, 12.11.2007

Traballo de agosto do 2000, conserva íntegro o seu posible valor. Se daquela Al Gore, a súa mensaxe , era unha esperanza, arestora volveu ser, coa súa cruzada sobre cambio climático.



ECONOMÍA I ECOLOXÍA [11.8.2000]

por Xesús López Fernández



Alén do progreso acadado ó longo das últimas centurias, a sociedade permanece nunha certa indefensión á hora, por exemplo, de frea-la desaparición de miles de especies ou de satisface-las necesidades de enerxía e auga potable. O reto de saber usar do noso sistema político pra administra-las difíciles e complexas relacións antre a economía global e os ecosistemas da Terra está máis vivo que nunca tanto polas iniciativas que xurden no marco da economía liberal como polo protagonismo crecente das ONGs, cada vez máis interrelacionadas e máis ricas en información. É bó que a presión das ditas organizaciós vaia a máis porque dalgún xeito é preciso acabar coa actuación das empresas que abazocan ós gobernos e teñen máis poder que eles, inconcebible no marco do Estado de Dereito, corto en construir e facer cumprir unha lexislación ambientalista eficaz.

Quero traer aquí de novo o testimonio de Al Gore, “A Terra en xogo”, libro que reúne un senfín de testimonios de cómo o mundo foi cambiando... A cita do mar de Aral, da súa destrucción case bíblica, barcos varados a centos de kilómetros do que alí queda de mar, onde houbo máis de trinta especies de peixes.... Pero o delirio autárquico soviético privou ó Aral dos dous ríos que o mantiñan vivo... Al Gore ofrécenos tamén a noticia dun amigo ruso, Alexei Yablokov, que regresaba dunha expedición ó mar Branco, abatido pola morte misteriosa e sen precedentes de millós de estrelas de mar, masa inorde de medio metro de espesor estrada ó longo de varios kilómetros de costa. A causa de tanta mortandade –saberíase despois— fora a presencia de material radiactivo nas augas, se ben non era esa a única causa de morte masiva en especies mariñas. E modernamente apuntarían os franceses como causa principal da morte de golfiños na Riviera, o acugulamento de estrés medioambiental, que os abaraza, eiva, pra exercita-las súas defensas. 

Al Gore ilustra a cuestión da globalidade cun exemplo sotil, experiencia dunha viaxe á Antártida...Un científico cavaba un “túnel no tempo”, no que eran evidentes as capas de xeo correspondentes a cada periodo anual. Sinalando un nivel determinado dixo: “Neste punto, o Congreso dos Estados Unidos aprobou a Lei do Ar Puro”. E conclúe Al Gore que incluso no lugar máis remoto e inaccesible do planeta, a dous continentes de distancia de Washington D.C., a máis mínima minoración nas emisiós daquel país tería sido dabondo pra modifica-lo índice local de polución. A obra de Al Gore constitúe un estudio serio que el subtitula “Ecoloxía e conciencia humá” e, na fín do primeiro capítulo –despois dunha serie de exemplos que aquí non caben--, despois de ter denunciado a ameaza da nosa civilización, ora da man da economía liberal, ora da socialista, afirma que estamos ante un conxunto de retos e falsas esperanzas. E pensa que a verdadeira solución ha pasar pola reinvención do avincallamento antre a civilización e a Terra.

Cando en España acaban de se producir diversos grandes incendios –La Palma, Cuenca, Alto Ampurdán,...—, algún menor en Galicia –Roxos, San Cibrán de Viñas--, e un vertido de fuel-oil ó Taxo, un pergúntase se realmente estamos cambiando algo do noso nexo coa Terra, se dalgunha forma –como denuncia Luis Racionero— non están detrás do lume certos propietarios e promotores --en alusión ó incendio do Cabo de Creus--. Sorprende ese certo autismo do sistema ante o terrorismo ambientalista e de empresa, a súa incapacidade á hora de aplica-las leis existentes que, aínda que escritas, parecen papel mollado. Aí é onde as ONGs teñen que se facer fortes, chegar a ter máis poder que as propias empresas delincuentes que cambian a paisaxe, queiman o monte, acaban con ríos e mares ou envenenan o aire que respiramos. A axuda de Al Gore, se é elexido presidente, podería ser importante prá globalidade, pero son as ONGs as que han libra-la principal batalla.

No hay comentarios: