domingo, 18 de noviembre de 2007

O REGRESO DO LUME FORESTAL [9.6.2000]


Un souto vese, tamén, presa do lume. Dibuxo informático de Xesús López

Pontevedra, 19.11.2007

Vai agora un traballo de Xuño do 2000, aquel ano no que Romay Beccaría denunciou, coa evidencia de dous paracaídas nas súas mans, que o lume viña do ceo, que os incendios eran provocados. El soupo frea-lo lume por contra do acontecido no 1989, holocausto forestal, especie de anticipo do pasado 2006.

Este ano e gracias ó lume, a temporada incendiaria foi corta, pero a seca delongada trouxo como resultado que incluso neste mes de Novembro houbo novos incendios e moitos. Unha das claves incendiarias, estimamos moitos, están na presencia masiva do eucalipto, o gran culpable. Sobre eso versa o artículo.
O REGRESO DO LUME FORESTAL [9.6.2000],
 por Xesús López Fernández 

Tiña intención de dedicar uns comentos á Carta de Aalborg por se-la mesma cousa importante. A propia Xunta acaba de face-lo anuncio de que está a preparar unha Axenda 21, un dos documentos aprobados polos 173 gobernos que asistiron no 1992 ó Cumio de Rio Janeiro e que dixeron estar dispostos a apostar pola sustentabilidade, por un desenvolvemento que concilie industria e medio ambiente. A tal Axenda vai ser un auténtico test, unha demostración de si se está polo labor ou se, simplemente, se está a montar unha opereción de marketing, en moitos casos pouco creíble. --Aí temos senón a afirmación do ministro do Medio Ambiente no sentido de que “a incineración non é o camiño”, que contradí os criterios da Xunta--. E a ver de qué vai a Axenda 21 do concello de Pontevedra, cando a redacten. Veremos. 

Pero crúzase o tema do lume forestal porque o día antes de facer este traballo ardía, novamente, un monte de Poio, onde este ano os incendios semellan seren especialmente temperáns. E o conselleiro señor del Álamo está a culpar, outravolta, a gandeiros e cazadores, algo que xa non vende porque somos moitos os que miramos noutra dirección. E xa dende o prólogo de “A situación do mundo 1998”, o informe do Worldwatch Institute dí, despois de cita-los incendios de boscos primarios –Borneo, Sumatra, ano 1997— que éstos, no seu estado natural, non soen arder e que o lume demostra categóricamente “inestabilidades máis fondas”. O estudio refírese a forzas máis profundas apantalladas tra-los incendios do sudeste asiático: “a crecente demanda de alimentos, pasta de papel e outros productos, dunha poboación de case 6.000 millós de persoas que impón unha presión crecente sobre a terra”.

O devandito informe pódese leer sempre, pero hai cousas aquí das que nos estamos esquecendo, como é o tema –hai poucos días relembrado por Joaquín Reigosa— da condición pirofítica do eucalipto. É decir, o mesmo que se dí en certo informe confidencial, anexo ó Inventario Forestal 1986, que á maior presencia desta árbore “contribúe, en primeiro lugar, o lume, facilitando o seu esparexemento e fomentando a formación de renovos por brotes de cepa”. Un pergúntase por qué ese informe non trascendeu máis, porque aí, nesa frase, pode estar sintetizada moita da filosofía incendiaria dos últimos anos. I é curioso que, agora que o señor del Álamo denuncia o exceso reforestador con eucalipto de 80.000 Has., se nos apareza a tal noticia como algo que xa denunciaba no 1989 un xornal hoxe desaparecido –El Independiente, 9.07.89—e que se refería á “connivencia antre a Xunta, Goberno e CE”: Galicia como reserva eucalipteira e celulósica da Europa Comunitaria. 

Naquela vella noticia estaba xa o “guión” dos “traballos” que nos traerían á situación terminal na que parece nos atopamos. ¡E menos mal que a contestación social freou o apoio que os gobernantes estaban a daren ás papeleiras transfronteirizas! O xornal aludía tamén ó holocausto das especies nobres: “carballos, castiñeiros, bídalos, amieiros, freixos, arces...”. Foi daquela cando se presentou unha iniciativa popular de “Lei Forestal” no Parlamento Galego --desbotada incluso polo PNG e CG--, en defensa da nosa flora, da nosa identidade. Pero non podía ser porque Europa quería unha Galicia eucalipteira e pasteira antes que forestal e gandeira, en contra dos consellos de González Bernáldez e Van Ermen. Na segunda metade do 1989, a nosa terra foi un inferno.. E hoxe sabemos de boca do señor del Álamo que temos 80.000 Has. de eucaliptos máis da conta. Parte do mérito pode ser do lume, seguro. Pero, ¿úlo os incendiarios?. ¿Tan atobados están que non conocémo-lo seu rostro?.

No hay comentarios: