martes, 27 de noviembre de 2007

O NACEMENTO [24.12.1999]

As xentes da aldea oran ante o portal. Nacemento 2006/7. Fotografía do autor.As xentes vanse achegando ó pendello onde Xesús acaba de nacer. Fotografía do autor.


Pontevedra, 27.11.2007


Como estamos case en Decembro inclúo desta volta un traballo do 1999, sobre o Nacemento familiar, que os que teñan interese por el han poder visitar. Un "nacemento" varias veces galardonado.

O NACEMENTO [24.12.1999] ,
por Xesús López Fernández

A tradición belenística mantense antre outras formas de festexa-lo nacemento do Señor. Certo que os “nacementos” supoñen ás veces un gran sacrificio e que, á marxe da institución parroquial, son poucos os belenistas que dispoñen de espacio pra conforma-la escenografía que ilustra de forma homilde sobre o misterio da Encarnación, Deus nacido nun cortello, nun “pendello xunto a un camiño”, como dí unha panxoliña popular, unha noite de xiada. E xa están as figuras en marcha nun belén por mín conocido, que xunta nunha especie de aldea ideal, figuras vidas do século pasado con outras de tempos recentes. O río, en tempos de papel de prata, é agora d´auga viva e moitas figuras teñen movemento –na fragua, no aserradeiro...--. Hai vida na aldea, con abondancia de ovellas polos diversos montes e vagoadas...O castelo de Herodes, no alto. Os pegoreiros que se quecen na gruta reciben a visita dun anxo. A última figura en se integrar é un burro, un rucho feito de olivo, chegado de Terra Santa.

Únicamente San Mateo e San Lucas describen con certo detalle as circunstancias do nacemento, a sagrada familia acodindo dende Nazaret a Belén pra se censar, sendo rei Herodes. De tódo-los xeitos hai cuestiós que están en clara contradicción e o tema segue aberto --según din os especialistas— en canto ó ano no que realmente naceu Xesús, que se supón foi antre o seis e o catro –cando morreu Herodes-- antes da nosa era. O importante é que “o Verbo fíxose carne i entrou na historia”, como deixou dito o Vaticano II. Polo demáis tamén carece de importancia o feito de se saber que a Igrexa estableceu o 25 de decembro como data de celebración do natalicio, cristianizando así as festas que celebraba o mundo román porque o sol, a partir dese momento, comezaba a dar máis luz e os días a crecere ata o 24 de Xuño.

Cando un accede a estos datos, pode sentirse un pouco turbado, confundido. Pero o tema da celebración está debatido dende hai moitos anos, e o propio San Agostiño entendía como positivo o simbolismo establecido antre Xesús e o Sol. Que o nacemento do Mesías fose o ano catro/seis antes da nosa era, que exista un erro demostrable ó fixa-lo seu enceto, é algo que debe agradece-la sociedade toda, hoxe temerosa do chamado efecto 2000. Porque si se agarda con medo o que poida pasar coas computadoras con motivo do cambio de ano, ¿qué non tería acontecido si se houbera contado ben?. Porque é de supoñer que no 1996 ou no 1994 cumpríronse xa os dous mil anos do nacemento do Señor. A tecnoloxía, certamente, adiantou moito nestos últimos catro ou seis anos e hoxe quezáis o temido efecto non pase dun simple pesadelo. Catro/seis anos, un plus de tempo pra inventar. Gracias á Igrexa.

Nos evanxelios apócrifos pódense encontrar fermosísimas descripciós sobre a virxinidade de María, sobre a viaxe a Belén, de cómo o Neno, no pesebre, dílle á súa Nai que é realmente o fillo de Deus, algo que o anxo tamén anuncia ós pegoreiros que o van acompañar no pendello....Virán tamén os Reis Magos.... No “nacemento” ó que fago referencia, un nacemento galego, as xentes irán acodindo con presentes diversos, farán do nacemento unha festa. E, mentres, escóitase unha panxoliña portuguesa: ”O menino que naceu da Virgem cheia de graça, entrou e saíu por ela como o sol pela vidraça...Olhai cara o Neno en palhas deitado, olhai cara o Neno...”. O rucho semella moverse.

No hay comentarios: