Compostela, meca do galeguismo. Fotografía do autor, Xesús López.
Pontevedra, 26.11.2007
Lembranza de Xosé Loís Fontenla Méndez e de Daría González García, vellos amigos e mestres do meu galeguismo. No traballo do 1999 cito unha "Carta nacionalista a Daría", coido que do ano 1988, que terei de localizar nalgún arquivo e que agora non atopo na miña base de datos. Ela comprendera que CG, aínda que tiña un barniz galeguista, que mesmo podía parecer un partido nacionalista, non fora máis que un engaño, así dito. Estou dacordo.
FONTENLA E DARÍA. IN MEMORIAN [23.01.1999]
por Xesús López Fernández
No espacio de poucas semáas fóronse dous amigos, dous galeguistas históricos, ausentes xa da nosa paisaxe urbáa habitual: Xosé Loís Fontenla Méndez e Daría González García. Pra eles esta miña lembranza que non tenta outra cousa que manifestar públicamente o agradecemento que a ámbo-los dous debo. Porque se Fontenla soupo mostrarme camiños, facilitarme libros de antes da guerra –Vilar Ponte, Cabanillas-- ou publicaciós recibidas de Montevideo, onde o galeguismo seguía vivo, de Daría, [profesora precisamente no curso séptimo da promoción que agora cumpre cincoenta anos da fin do bachelerato, o meu curso], recibín non poucas lecciós de prudencia que xa comentei nunha “carta nacionalista a Daría” publicada no ano 1988, cando lle outorgaran o premio “Cidade de Pontevedra”.
Á marxe do moito que se poida decir de Fontenla coido que hai que salientar de xeito especial o seu fervor católico, a súa claridade de ideas á hora de traballar pra que a nosa língua fose tamén a língua da Igrexa galega. Aínda hoxe releo con agrado o ordinario promovido por el e polo grupo no que estaba integrado...:”por matinaciós, por falas, por feitos e omisiós...”......”Pois cómpre que o fagamos”, formas máis acordes coa psicoloxía da nosa língua que as que xa serodiamente serían oficializadas. Porque a Igrexa galega leva aínda un gran retraso no seu “aggiornamento”, na súa adaptación á nosa realidade cultural. E Fontenla non deixou nunca de traballar neste eido. Tiven o honor de face-la lectura –un texto do libro do Apocalipsis— na súa misa de funeral, como católico convencido e como home agradecido ó seu maxisterio. Sei que descansa en paz e que outros terán que colle-lo seu relevo.
Daría, a miña profesora, sería tamén, saltando o tempo, compañeira de candidatura. Contouse xa moito do seu galeguismo histórico, do seu maxisterio, da súa actividade política, concelleira no axuntamento pontevedrés por Unidade Galega. E, reconstituído formalmente o Partido Galeguista, formamos unha candidatura no 1983, na que ela foi o número un por xenerosidade e valentía, porque había que resucita-la vella idea nacionalista. I ela puxo paixón na campaña, campaña preciosa que acabou ....en completo fracaso. Perdeuse deportivamente. Habería, se acaso, que insistir, facer propaganda do noso patrimonio de honradez, da política como servicio a Galicia; pero chegou a trampa de Coalición Galega, na que o partido sería utilizado como lévedo. Puido ter sido un éxito de todas formas, porque había un espacio real, un electorado que aínda agarda a aparición dun partido nacionalista moderado. C.G. foi reventada e o nacionalismo aínda se resinte daquel experimento. Daría, prudentemente, non caíra na trampa, como tampouco caería en outras posteriores. E así llo dixen públicamente no 1988.
Fontenla e Daría están xa na eternidade e han andar por moles vieiros, por sendas de paz e ledicia perpetuas. Acabouse o seu sofrimento, a súa saída do corredor da morte. Xa non terán que padece-lo desmantelamento de Pontevedra e os ataques á nosa Patria.. “Déixannos sen nós”, dí Méndez Ferrín. E engade “Mencer de cocaína prás camadas emerxentes”. Abandono e loucura colectivos, coido que o noso drama faise cada vez máis fondo. En fín, Xosé Loís, Daría, se pola fe no Corpo Místico de Cristo podemos conectar, dádenos algunha razón pra resistir, pra conseguir que esto cambie. Polo menos pra que teñamos unha Igrexa verdadeiramente galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario