lunes, 5 de noviembre de 2007

A HORA DE TAFISA [25.10.2000]

Maxinemos o fondo da ría que eu conocín, con biodiversidade. Pescar unha, dúas,.......,cen robalizas nunha tarde era cousa doada. Fantasía informática do autor. Outra vista parcial dos traballos no fondo da ría, memoria da Edade Media e dos románs, de cando o mar de Pontevedra tiña un valor certo, antes de se instalaren na Política os que non queren velar polo medio ambiente. Fotografía do autor.
Pontevedra, 5.11.2007

En definitiva, a actuación do Seprona no caso citado non valeu de nada, porque a nivel político non hai preocupación medioambiental. É máis, agora que xa non existe Tafisa, que aquel espacio foi convertido en solar no canto de configurar un gran parte na beira do río, xa non queda tempo prá esperanza. coa súa chegada á Política, ó poder que todo corrompe, andarán agora a faceren número finos cando terían que defende-lo capital natural. Non esquezamos que están os traballos previos do PXOM en fase de exposición, pero Tafisa, ¡ou sagrado negocio, querido pelotazo urbanístico!, quedou segregada do ámbito do Plan.


A HORA DE TAFISA [25.10.2000]
por Xesús López Fernández

Coido que a entrada do Seprona en escea, o feito de que o Servicio de Protección da Natureza se teña persoado na fábrica pontevedresa de Tafisa pode evidenciar un cambio de filosofía en todo este asunto, porque a contaminación é evidente dende os inicios do seu proceso fabril. Un pergúntase como, neste e noutros casos, non son máis frecuentes as intervenciós das autoridades, porque a agresión foi de sempre continua, os veciños a queixárense das emisiós atmosféricas; pero por outra banda ralentizando a posible denuncia, como se tivesen máis medo eles a daren ese paso, que a propia empresa a seguir contaminando e a contar mentiras. Que o Seprona teña incoado un expediente e pasado a información á Consellería de Medio Ambiente representan, xa que logo, un paso importante.

A Asociación pola Defensa da Ría persoouse na denuncia existente e solicita se teñan en conta outros aspectos da contaminación inducida dende a factoría, antre eles o dos vertidos. I eu lembro cando comezou a súa actividade Tafisa, de cómo alí se modificou o medio ambiente natural, o río recibidino a escorrentía fabril dun colorido azul-mourado intenso que modificaría pra sempre o aspecto das augas, mesmo a súa fauna, a desaparición da riqueza impresionante de robalizas. Aquelo foi o comezo do inferno en Pontevedra, porque anos despois empataría Tafisa a súa agresión coa que chegaba de Lourizán en marea crecente, as augas igualmente tinguidas e os incocidos que tamén remitían cara o fondo de xunqueiras, como se existira unha especie de pacto non escrito prá pudrición do fondo da ría: Celulosas tentaba contaminar coa marea a encher, a ser posible con nocturnidade, e Tafisa no devalare das augas.

Os responsables da cousa medioambiental ou non estaban ou non miraban na dirección xusta. Daí que estas factorías non foron practicamente nunca sancionadas. Dábase por bó o que elas afirmaban sobre posibles medidas, un “mea culpa” de opereta. E nada máis. Incluso na época de Pedrosa autorizarían a Tafisa a conectar co emisario urbán. Ós poucos días, o responsable da depuradora d´Os Praceres comunicaba que non podía controla-la acidez como consecuencia do devandito enganche, que sería necesaria unha cifra varias veces millonaria prá corrección cotiá da mesma. É decir, poñíase en evidencia algo que os cidadáns conociamos: que a factoría levaba enzudrando dende a súa fundación, sen que as autoridades quixeran posicionarse neste asunto. Ou se algo fixeron foi simplemente apoiar a polución das empresas. ¡Se incluso a construcción en Lourizán, parroquia mártir, da depuradora, non deixa de ser outra cousa que unha cobertura a Ence, pra que conduza a través dela as súas vasuras, co coste sabido dunha ría cada vez máis arruinada! A farsa segue.

Como consecuencia do agora acontecido é posible que o problema de Tafisa estea próximo a resolverse. Incapaces de reconduci-lo tema da depuración, están falando de se marcharen a outro concello, a Portas. De tódo-los xeitos, xa non vai ser posible irse coa filosofía de industria de vertedeiro, porque as cousas certamente están a cambiar. E se ó principio valoraba a entrada en escea do Seprona é porque teño noticias de que --hai agora varios anos-- ese mesmo servicio se apresentou nunha factoría de aglomerados doutra provincia galega. Como consecuencia da súa actuación a empresa estaba a ser controlada; o seu director e mái-lo xefe de producción foran privados de pasaporte, e cada quince días tiñan que pasar polo cuartel de Guarda Civil. Pero, xa digo, eso non aconteceu na provincia de Pontevedra, onde as autoridades case nunca actuaron na defensa do medio natural. E lembro agora unha frase dun pontevedrés ilustre que, si ben estaba en contra de Celulosas, chegaríame decir que o vertido azul mourado de Tafisa era beneficioso prós peixes, como placton fecundo. Decía el, vamos. En Portas, no Umia, que se preparen.

No hay comentarios: