viernes, 2 de noviembre de 2007

AS CATEDRALES [16.9.2000]

Na inscripción léese: "Hízose esta sacristía por bienes de Pedro Pardo de Cela.....1563", en Viveiro. Foto do autor.

Pontevedra, 2.11.2007

Ó presentar este vello traballo quero aclarar que o verdadeiro nome da praia d´As Catedrales, según me aclararon en Rinlo, un precioso porto pesqueiro, en Ribadeo, é o de Augasantas. Tamén decir que Barreiros está hoxe a perder moito do seu encanto, víctima da mafia do ladrillo e dos políticos pasmarotas, que prometen, venden fume, pero nada fan.

AS CATEDRALES [16.9.2000]
por Xesús López Fernández

Confeso que a Mariña luguesa constitúe pra min unha bisbarra a descobrir. E alá fun esta pasada semá, nunha corta viaxe, fundamentalmente pra conoce-la praia das Catedrales, como as xentes dalí chaman a aquel areal situado ó pe dun acantilado que ofrece formas máxicas. Xa en Vilanova de Lourenzá, a terra de Don Francisco Fernández del Riego, oín que á praia lle chamaban así, A praia das Catedrales. Nada de querencia normativa, según puiden estimar tamén en Ribadeo ou en Foz. Entendo que as normas ortográficas non deben cambia-lo acervo popular, senón respetalo e deixárense de criterios diferencialistas que non levan nada máis que a unha fuxida crecente do noso idioma, como teño comentado a un académico ó tempo que fiaba en que Don Paco había marcar un tempo de maior realismo e máis permisividade. Alí atopei agora, naquela toponimia, dous dos seus nomes literarios: Salvador Lorenzana e Cosme Barreiros. E a praia das Catedrales, en Ribadeo, movemento perpetuo.

Coido que se aprecia unha certa aceleración en toda a Mariña verdemar, que moitos asturiáns se dispoñen a fixa-la súa morada en Ribadeo ou en Foz. E a hora de Barreiros pode estar próxima, con máis de vinte praias de finísima area ó longo do seu litoral de oito kilómetros: Altar, Malata, As Pasadas, Fontela, Balea,..., que poden aguza-la cobiza dos promotores. Por Oriente limita con Ribadeo i é aí xustamente onde comeza a praia das Catedrales, espectáculo con marea alta --as ondas galgantes desfacéndose contra os farallós e mai-lo acantilado--, pero sobre todo con marea baixa –mellor de mareas vivas— pra descobri-los diversos espacios, templos con ou sen bóveda, claustros, contrafortes, coros, furnas que puideran converterse en improvisados confesionarios dunha romería intermareal de creentes, porque o espacio máxico suxire esa idea, unha liturxia sublime na que outros terán pensado xa. Hai que estar atento á marea, retirarse a tempo, porque se ó principio veñen as ondas vagarosas sobre o areeiro, chega o momento no que a resaca retira dalí todo-los restos de naufraxios e miserias humás, ou as lascas que, como pétalos, o acantilado poida ir desprendendo na que parece unha evidente rendición da terra, dos múltiples estratos de pizarra e outras formacións a esnaquizárense seguido ante a forza do mar.

Barreiros pode ter un futuro turístico importante, como toda a Mariña; pero convén vixia-las posibles urbanizacións, que algúns excesos parece xa se están a producir. Sei que o interese pola zona vai a máis e que en pouco tempo pode ser Barreiros un lugar turístico por excelencia a pouco que se coiden os servicios e que a actividade humá non acabe coa sintonía de terra e mar. Aínda que o verán remata, apréciase a presencia de moitos grupos de xente, particularmente na praia das Catedrales. Alí estiven varias horas, dexergando a marea a encher e debalar. E quedei sobrecollido porque, á forza de conoce-las praias das Rías Baixas, esquecérame do tesouro que temos alí. A vista pérdese cara ó Norte, tentando descobri-las Illas Británicas no septentrión do mar celta. E cara alí estaban aparcados no alfoz do entorno da praia tres coches británicos –dous modelo cabrio--, cuios propietarios parecían disfrutar especialmente do espectáculo, sinfonía de eternidade.

Lembreime de Edwin Forester, británico, director en Sargadelos a partir do 1845, que coincide co periodo de máis puxanza da fábrica, en Cervo. O poder de convocatoria da bisbarra, cargada de historia, vai a máis. Acodir alí, facer algún dos itinerarios que nos brindan, pode axudarnos a comprende-la dimensión de certos tempos e memorias, a recupera-la identidade perdida. Unha das rutas que propoñen ó visitante é a do Mariscal Pardo de Cela, na zona de Alfoz. Non esquezamos que coa súa morte cambiou, seguro, a historia de Galicia... Pero o mar segue a labrar novas formas no acantilado das Catedrales. Os ecos das claustras parecen tronos cada vez que os vagallóns, as ondas grandes, as penetran. ¡Qué pequenos somos!

1 comentario:

o blog de xesús lópez dijo...

UN ANO MÁIS TARDE ENTERARÍAME DE QUE O NOME REAL DA PRAIA NON O DAS CATEDRALES, SENÓN O DE AUGASANTAS, DO QUE ME INFORMARON EN RINLO, UN PORTO PESQUEIRO, PARROQUIA DE RIBADEO.
O NOME É AUGASANTAS. AS CATEDRALES OU CATEDRAIS É UNHA CARALLADA, UN NOME INVENTADO PRÓS TURISTAS.
QUE CONSTE.