martes, 20 de noviembre de 2007

PONTE BELA, PONTEVEDRA [21.7.2000]


"O laberinto" pode servir tamén como icono pra defini-lo desastre no que quedou convertida a cidade, como se non houbese técnicos, como se a idea política fose a de facer da cidade un novo Gulag. Eso parece. Dibuxo de Xesús López.


Pontevedra, 20.11.2007


Xa deben quedar poucos traballos do 2000 por recuperar. Este dagora corresponde a un momento no que o Bloque quixo asombrar ós cidadáns, mostrando unha intención que non foi máis alá da miseria conocida por todos. Certo que agora mellorou algunha rotonda, sobre despois do mandato anterior, no que Celia Alonso, socialista, fixera un traballo, en xardís, estimada. Por eso o PSOE sobeu un concellal. E o Bloque, decatado, asumeu pra sí esa concellalía, pro coido non han poder. E se anuncian actuaciós deplorables, tanto nese eido como no urbanístico na súa teima de deixaren a cidade convertida nun espacio incomunicado, desprovista de arterias.

PONTE BELA, PONTEVEDRA [21.7.2000]
por Xesús López Fernández


As rotondas das estradas sirven normalmente pra regula-lo tráfego, facelo como máis harmónico sen necesidade de semáforos; certo que non sempre, porque algunhas confunden ó conductor que, por cuestión de segundos, vése obrigado a circunvalar unha cidade no canto de entrar polo Norte ou polo Sul, e todo por ter collido pola terceira saída en vez de facelo pola segunda. A sinalización non sempre está clara e o conductor precisa tempo pra procesa-la información cartelaria. Hai un recurso: xirar na rotonda dúas, tres ou catro veces, ata que se ve o camiño que hai que tomar. Nesas voltas a maiores o conductor pode percibir que a rotonda, en sí mesma, é unha demostración de abandono ou que, pola contra, constitúe unha obra de arte, unha mostra de que nos agarda unha cidade limpa e con xardís coidados. 

O outro día fun á Coruña, agora aberta ó mar; ornada de múltiples e coidados xardís. Solaceime cun paseo por varias rúas e ó longo de Riazor e Orzán --¡praias urbás, qué riqueza!--, ata o acuario Finis Terrae e a Torre de Hércules. Haberá aínda que mellora-las fachadas de certos edificios, restos do tempo no que o Orzán era un areal degradado e pouco frecuentado, arestora ateigado de xentes e con bandeira azul. Pero o que máis me chama a atención na Coruña cada vez que alá vou é ver cómo coidan os xardís; que xa a ámba-las bandas de Alfonso Molina sirven pra mingoa-lo estrés do volantista aburado polo tráfego. Durante o paseo puiden aprecia-la presencia de xardineiros a repoñeren prantas, a podar ou corta-la herba na rotonda do Orzán. Nada é froito da casualidade e un taxista, socarrón, diríame: “Paco Vázquez quería unha cidade de servicios e xa a ten: camareiros, taxistas, xardineiros...Unha cidade prós forasteiros”. Relato non exento dun certo resentimento..

Se falo da Coruña é por algo moi simple; porque nestos momentos pode estar xa configurado o goberno de coalición pontevedrés antre o BNG –beenegué— e os socialistas. E pergúntome se non sería posible demandar, na etapa que parece abrirse, algún tipo de asistencia do concello coruñés ou do vilagarcián –tamén con praias urbás, por certo— prá posta a punto dos nosos xardís e rotondas, porque fai falta algo máis que un lema, “ponte bela”, pró cambio de imaxe. Fai falta un profundo cambio cultural e coruñeses e vilagarciáns nos levan unha gran dianteira. Unha rotonda como a que existe na parte alta de Riazor, convertida en especie de gran paxaro, ave do paraíso coa cola como peza maestra de colorido floral, non é capricho da natureza. E pediríalle ós socialistas que trouxeran algo desa arte porque a cidade non é máis fermosa pola simple presencia duns cantos letreiros coa leenda de “ponte bela”. A presencia socialista no goberno local podería dinamiza-las cousas e posibilitar unha certa “transferencia de tecnoloxía”: equipos de xardineiros, cursiños, etc... 

As rotondas pontevedresas –Lérez, O Pino, Ponte dos Tirantes,...— son demostrativas dun longo abandono institucional, unha especie de aviso prós visitantes de que entran nunha cidade sucia que perdeu a sensibilidade. ¿Por qué Lourizán non pode se-la nosa praia, como Orzán na Coruña? É unha asignatura pendente expulsar dalí a violencia e degradación importadas e, como paradigma de abuso –porque a cousa se está a facer a destempo— quero dar fe de algo acontecido o 17 de Xullo, ó fío das 12 do mediodía. Unha máquina, especie de “batansaurio”, derrubaba o aleiro da fronte do mercado onde as anduriñas –ou especie próxima— estaban a criar. Os paxaros ían e viñan celéricamente, traían o alimento, achegábanse ós niños onde os peteiros novos agardaban a mantenza. Súpetamente, unha anduriña, logo outra, e outra, encóntranse sen niño, sen crías, cun novo destino pró seu acrobático vóo, víctimas dun sistema aleive, do “batansaurio” abalador, como tantos cidadáns privados de cousas: de mar, da praia urbá de Lourizán, da ledicia das ondas nas Corbaceiras... ¡Ponte bela, Pontevedra!. ¡Coida os teus xardís e rotondas, mira cara a ría e aséate! 

1 comentario:

xesús lópez fernández dijo...

Huele en alguna que otra zona. Y huele en el centro de la ría, porque han hecho obras de falso saneamiento, entubando la zorollada por medio de dos tuberías a lo largo de la ribera del mar, algo prohibido por la Ley de Costas, como la edar construída en Os Praceres,dominio público marítimo terrestre. Desde allí se expulsa la miseria al fondo de la ría; es decir, se está cambiando la forma de matarle en vez de preocuparse de la recuperación del capital natural, como prevé la Agenda21Local, de la que pasan olímpicamente aún con el PXOM en marcha. ¡Eso que, en plan mentireiro, suscribiron la carta de Aalborg de ciudades sostenibles!